Skip to Content

ESO

Encontro de Badminton (programa XOGADE)

O día 23 de Abril, en xornada matinal, o alumnado de 3º e 4º da ESO participou nunha Xornada Deportiva de Badminton organizada pola Asociación de Deporte Escolar de A Estrada. Esta xornada enmárcase dentro do programa XOGADE de deporte escolar.

O alumnado do CPI participou nesta xornada con alumnado do IES García Barros, do IES nº 1, CPI Santa Lucía e do Colexio de Lourdes.

Álbum: Curso 23-24 -> Encontro Badminton ESO

Saída ao Cávado (4º ESO)

O

Álbum: Curso 23-24 -> Canguro matemático

Excursión 4º ESO

Por fin chegou! O destino soñado, a viaxe prometida, as/os compañeiras/os de toda a vida e moitas ganas de exprimir ao máximo a fin dunha etapa. Demasiadas emocións xuntas como para pegar ollo pero as olleiras merecían a pena. E tanto que o mereceron! O pasado 8 de abril aterrizamos en Palma de Mallorca e o bo tempo prometía aventuras irrepetibles: chapuzóns furtivos, mosquitos asasinos, bailes eufóricos, GPS mentireiros, fotos arriscadas e sonecas desubicadas. Ademáis das mil e unha anécdotas que vivimos, tamén visitamos lugares cheos de maxia: as covas do Drach, o castelo de Pera, a catedral de Palma, a praia do Muro, o pobo de Valldemosa, o porto de Sóller, o mirador de Alcudia... Logo de 5 días cheos de aventuras, o venres collemos rumbo á terriña coas maletas a medio cerrar, moitos agasallos por repartir e milleiros de historias que compartir.

Álbum: Curso 23-24 -> Excursión 4º ESO

Canguro matemático

O pasado xoves 21 de marzo celebrouse o Canguro Matemático, concurso matemático organizado pola Federación Española de Profesores de Matemáticas (FESPM) e dirixido a todo o alumnado de secundaria. Con el preténdese que a xornada dedicada ás probas sexa unha xornada entretida e lúdica e desta forma potenciar o gusto polas matemáticas facendo que o alumnado perda o medo a todo o relacionado con esta materia.
 

Varios alumnos e alumnas de todos os cursos de ESO do noso centro participaron nesta proba. Ademais de disfrutar da xornada e resolver unha serie de retos recibiron un pequeno agasallo e están á espera do diploma de participación e dos resultados. SORTE PARA TODOS E TODAS!

Álbum: Curso 23-24 -> Canguro matemático

Excursión a Manzaneda

O pasado mércores 21 de febreiro, o alumnado de 2°ESO e 3°ESO saíu de excursión a Manzaneda. Por diante tiñamos 3 días para gozar dunha paisaxe de montaña única e novidosa para a rapazada. Logo dunha breve parada en Castro Caldelas para visitar o seu maxestuoso castelo e repoñer forzas, chegamos ao noso destino. Xa asentados no albergue, comezamos a probar as múltiples instalacións da Estación de Esquí de Manzaneda: probamos a nosa puntería co arco no polideportivo, escalamos árbores no parque multiaventuras, nadamos entre centos de burbullas no spa, saímos de ruta polos sendeiros da contorna, e bailamos ao ritmo da música na discoteca. A sorpresa chegou da man da neve. Ao segundo día da nosa aventura, as temperaturas comezaron a baixar e experimentamos, por primeira vez en moitos casos, a sensación da camiñar coas folerpas de neve batendo de cheo na nosa cara. O brillo dos ollos delataba a emoción do noso alumnado, que aproveitou a situación para seguir practicando puntería nunha divertida pero competitiva loita de bolas de neve. A aventura chegou ao seu fin o venres 23 de febreiro cando, despois dunha mañá chea de actividades coa neve, voltamos para o noso centro cheos de anécdotas que contar, fotos que compartir e días que riscar do calendario ata a nosa próxima viaxe!

Álbum: Curso 23-24 -> Excursión a Manzaneda

Quero ser... artista

O tema central do Salón do Libro Infantil e Xuvenil deste ano é a maxia, e como nos Clubs de Lectura da escola queremos ir, estamos a ler obra nas que a bruxaría teña importancia e presenza, para coñercermos mellor ese mundo.

E para completar o achegamento a ese mundo, decidimos convidar a Rebeca Lar (https://rebecalar.com/) a visitarnos no centro. Rebeca Lar é unha artista multidisciplinar que ten centrada boa parte da súa obra no imaxinario da bruxaría.

Estivo connosco o xoves pasado, 1 de febreiro, nun obradoiro extra que fixemos de tarde, no horario de apertura da biblio, de 16 a 18 horas.

Rebeca fixo un repaso para nós da imaxe das bruxas na arte e no audiovisual, trouxo traballos propios que compartiu connosco e o mellor de todo é que trouxo con ela un dos seus instrumentos de traballo: a máquina de escribir.

Como gozamos intervindo papeis con mundos bruxerís!!

Álbum: Curso 23-24 -> Quero ser artista!

Voando con números: Unha aventura aérea

 O xoves 18 de xaneiro o noso alumnado de 4º ESO tivo a ocasión de achegarse ao Parque Tecnolóxico de Galicia, situado na cidade de Ourense, para traballar durante unhas horas na Aula Newton Galicia, unha iniciativa de divulgación científica que Tecnópole ofrece aos centros educativos de Secundaria de Galicia.

 Alí participaron no módulo Voamos con números: unha aventura aérea, actividade na que os estudantes recibiron unha misión do “Centro Integrado de Atención a Emerxencias da Axencia Galega de Emerxencias” e a continuación entraron a colaborar na observación da situación e axudar na misión de rescate.

 Formáronse equipos de traballo, que, a súa vez, se dividiron en tripulacións ou parellas de voo. Cada unha destas parellas (piloto/copiloto) planificaron e executaron o plan de voo tendo en consideración unha serie de condicións establecidas, turnándose para poder levar os mandos e disfrutar da actividade ao completo.

              Coma sempre o interese e a implicación do alumnado foi excepcional, recibindo felicitacións polo bo comportamiento e atención do profesorado da Aula Newton.

Álbum: Curso 23-24 -> Voando cos números (Visita á aula Newton)

Dancemos contra a guerra

O alumnado de 4º da ESO quixo participar no III Certame Coreografíate da AS-PG, evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, nun apoio a música realizada en galego como forma de divulgación da lingua e música galega.
Neste caso escolleron e presentáronse a este concurso, cun tema musical de Fillas de Cassandra, LISÍSTRATA (varre vasoira).
Animámosvos a botarlle unha ollada a esta marabillosa coreografía, “DANCEMOS CONTRA A GUERRA”.
Desexámoslle moita sorte!

Saída Á Coruña. 1º ESO

O pasado martes día 7 de novembro o alumnado de 1º ESO realizou unha saída á cidade da Coruña para participar en tres actividades relacionadas coas materias de Tecnoloxía, Lingua Galega e Literatura e Bioloxía e Xeoloxía. Pola mañá, asistiu na fundación de Abanca a unha obra de teatro sobre o acoso escolar cun coloquio posterior. A continuación, no Aquarium Finisterrae realizou un obradoiro sobre as focas que crían nel e visitou as súas instalacións. Finalmente, despois de xantar, acudiu ao MUNCIT para realizar un obradoiro sobre electrónica e percorrer posteriormente o museo acompañado por un guía. Foi unha xornada moi aproveitada na que aprenderon e disfrutaron moito.

Álbum: Curso 23-24 -> Saída Museos Científicos 1º ESO

Scape room terrorífico

O martes 31 de outubro o alumnado da ESO foi encerrado no centro e tivo que superar un terrorífico SCAPE ROOM para poder saír.

Dividíronse en dez equipos formados por alumnos e alumnas dos diferentes cursos. O obxectivo era superar probas de distintos ámbitos (linguas, científicas, artísticas, deportivas) coas que acadar bonificacións e conseguir puntos para lograr que o gardián da entrada lles permitise a saída.

Ao final ninguén quedou a durmir e foi unha entretida tarde onde non faltou a diversión, ademais foron premiados os tres equipos que conseguiron máis puntos.



Álbum: Curso 23-24 -> Scape room
Distribuir contido


by Dr. Radut