Senta un anaquiño e le un pouquiño

Inauguramos un novo espazo escolar: un recuncho especial dedicado á lectura compartida! “Senta un anaquiño e le un pouquiño” é unha casiña onde poderedes atopar diversos libros, a cal está deseñada para fomentar o intercambio de libros entre a nosa comunidade educativa.

O concepto é sinxelo: podes deixar un libro do que xa gozaches e coller outro que esperte o teu interese. Deste xeito, promovemos a lectura colaborativa e ofrecemos unha oportunidade para descubrir novas historias e aventuras.

Convidamos a todas as familias a participar neste emocionante proxecto! Esperamos vervos pronto en “Senta un anaquiño e le un pouquiño”

Equipo biblioteca e Equipo Patios.

 

Obradoiro de escritura de rap

Hoxe, o alumnado de 3º de EP tivo a oportunidade única de participar nun obradoiro de escritura de rap, impartido por Pedro Iglesias. Foi unha experiencia que non só lles permitiu explorar a súa creatividade, senón tamén aprender sobre a importancia e o poder da palabra.

    

Durante o obradoiro, os alumnos e alumnas foron guiados por Pedro para explorar diferentes temas e técnicas de escritura de rap. Con este obradoiro queremos animar aos nosos alumnos e alumnas a explorar diversas formas de expresión artística, e este obradoiro foi un exemplo perfecto. A través da música e a poesía, os estudantes puideron expresar as súas ideas, sentimentos e pensamentos. 

                                        

Agradecemos a Pedro por compartir o seu talento e inspiración con nós, e esperamos seguir ofrecendo experiencias enriquecedoras como esta no futuro.

 

 

Equipo de biblioteca.

Día mundial do TEA

Celebrando o Día do Cómic: Explorando novos mundos a través da banda deseñada

Na nosa biblioteca escolar estamos entusiasmados con celebrar o Día do Cómic, este ano dunha maneira especial. Os nosos voluntarios e voluntarias prepararon unhas caixiñas cheas de emocionantes cómics para que todo o alumnado explore e descubra este xénero literario.

 

Os cómics non só son unha forma de divertimento e entretemento, senón que tamén axudan a desenvolver a comprensión lectora, estimulan a creatividade, a imaxinación….

Queremos inspirar aos nosos alumnos e alumnas a mergullarse no marabilloso universo da banda deseñada  e a gozar da maxia da lectura.

Non perdades a oportunidade de descubrir os tesouros que agardan nas nosas caixiñas de cómics!

           

Recordade que todos estes títulos e máis están na nosa biblioteca! Achegádevos a ler!

11 DE FEBREIRO DE 2024: DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA

O pasado 11 de febrero conmemorarmos o Día da Muller e da Nena na Ciencia, por inciativa da Asamblea das Nacións Unidas.

Polo que no 2º ciclo traballaron  co kit de materiais achegado pola Xunta de Galicia en relación ao Programa de Polos Creativos.

Que experiencia máis enriquecedora!

  

  

  

  

Rosalía de Castro

Para celebrar o Día de Rosalía de Castro, en colaboración co EDLG, creamos unha xornada chea de actividades que honran o profundo amor de Rosalía polas flores e como este amor se reflicte nos seus fermosos poemas.

Rosalía de Castro atopou na natureza unha fonte inesgotable de inspiración. Nos seus versos, as flores non son só simples elementos decorativos, senón símbolos cargados de significado, reflectindo emocións, estados de ánimo e a propia esencia da autora.

Por iso, para conmemorar unha data tan especial, levamos a cabo as seguintes actividades:

O Herbario de Rosalía: O noso mural "O Herbario de Rosalía" foi unha oda á conexión da poetisa coa natureza. Nel, recolléronse algunhas das plantas mencionadas nos seus poemas máis emblemáticos, creando un mural que ilustra a sensibilidade botánica de Rosalía.

 

      

 

O Xardín de Rosalía: Tivemos a honra e a sorte de contar coa presenza da autora mesma! Rosalía de Castro acompañounos na creación do "Xardín de Rosalía". Cada clase plantou a flor que lle correspondía, mentres recitaba pequenos versos dos poemas de Rosalía, enchendo o noso xardín coa maxia das súas palabras.

 

 

Queremos expresar a nosa máis profunda gratitude a todos os voluntarios e voluntarias que fixeron posible esta marabillosa xornada. Desde aqueles que contribuíron coa organización ata os que se uniron para plantar cada flor con coidado e dedicación, o seu compromiso fixo que este día sexa verdadeiramente inesquecíbel.

Hoxe, ao celebrar o legado de Rosalía de Castro, aprendemos non só sobre o seu profundo amor polas flores, senón tamén sobre a importancia de conectar coa natureza a través da poesía. Que este día nos inspire a seguir explorando o mundo que nos rodea con ollos poéticos e corazóns cheos de gratitude.

Grazas a todos por facer deste día un verdadeiro homenaxe á beleza e á poesía!

Así foi a súa visita:

 

Pica na imaxe e descobre más sobre Rosalía! 

CANDELORIA

Hoxe enchémonos de ledicia e emoción ao compartir con vós unha fermosa iniciativa que tivo lugar no noso colexio para conmemorar a Candeloria. Decidimos celebrar esta festividade dunha maneira especial e significativa, cada alumno e alumna do noso colexio participou nunha actividade moi especial: escribir unha carta a un compañeiro.

As cartas, cheas de afecto, gratitude e bos desexos, convertéronse en mensaxes de amor e  amizade. Este xesto non só fomenta a conexión entre os alumnos e alumnas, senón que tamén  promove valores tan importantes como a empatía, o respecto e a solidariedade.

A experiencia de escribir e recibir estas cartas foi realmente emocionante. Os estudantes        esforzáronse por expresar os seus sentimentos de maneira sincera e creativa. Algúns    compartiron  anécdotas divertidas, mentres que outros destacaron as calidades únicas dos seus amigos e amigas.  

 
     

Agradecemos a todos os nenos e nenas a súa participación entusiasta e a toda a comunidade educativa por fomentar un ambiente propicio para estas experiencias tan enriquecedoras.

Feliz Candeloria a todos!

 

 

RECOMENDACIÓNS LECTORAS NADAL

Chega o Nadal e con el a oportunidade de compartir a ledicia da lectura e os libros. Nesta tempada especial, queremos recordar o incrible agasallo que supón mergullarse nas páxinas dun libro e como compartir este tesouro pode ser un xesto de amor e aprendizaxe.

A lectura transpórtanos a mundos descoñecidos, permítenos explorar a imaxinación e aprender cousas novas. Os libros son tesouros que abren portas á creatividade. Ademais, ler é divertido e emocionante!

Nestas festas, por que non considerar agasallar libros? Un libro é un agasallo atemporal, capaz de deixar unha pegada duradeira na vida de quen o recibe. É unha oportunidade para compartir historias, coñecementos e emocións. Agasallar un libro é obsequiar aventuras infinitas e fomentar o amor pola lectura. 

Dende o equipo de biblioteca queremos achegarvos as seguintes recomendacións, pica na imaxe para acceder:

Desexámosvos unhas felices festas cheas de historias e lecturas apaixonantes.

 

Bo Nadal e Feliz Lectura!

Aporta e non apartes

Ola a todos e todas!

O 3 de decembro, conmemoramos o Día da Discapacidade cunha actividade especial na nosa biblioteca escolar. Este ano, decidimos levar a cabo a iniciativa "Aporta e non apartes" co obxectivo de destacar a importancia da inclusión e a diversidade na nosa comunidade educativa.

Os voluntarios e voluntarias da nosa biblioteca traballaron con moita ilusión para crear un puzzle xigante no que incorporamos a todos os alumnos e alumnas do noso centro. Cada peza deste puzzle non só representaba a imaxe de cada neno e nena, senón tamén a súa individualidade e a contribución única que cada un aporta a nosa escola.

 

Esta actividade non só foi unha representación visual da nosa diversidade, senón tamén unha maneira de lembrarnos que cada persoa é esencial coas súas distintas habilidades e peculiaridades.

Agradecemos o compromiso e entusiasmo dos voluntarios e voluntarias da biblioteca por facer realidade este puzzle tan especial. Foi unha experiencia conmovedora e significativa para todos nós.

Seguiremos traballando arreo na biblioteca para promover un ambiente inclusivo e diverso.

Grazas a todos e todas pola vosa colaboración e participación nesta marabillosa actividade.

PARA SABER MÁIS

Ata a próxima,

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a nosa biblioteca escolar iluminouse cunha actividade única: "Detrás das Cámaras". Foi unha xornada especial na que a conciencia e o aprendizaxe se fusionaron para abordar un tema crucial: a violencia de xénero.

Os nosos marabillosos voluntarios e voluntarias da biblioteca uníronse aos alumnos e alumnas nunha sesión de visualización de curtas coidadosamente seleccionados. A través destas historias, abriuse un espazo para reflexionar sobre a violencia de xénero e, o que é máis importante, discutir a urxente necesidade de erradicala.

Foi un momento significativo no que se plantexaron preguntas importantes e fomentouse o diálogo sobre este tema crucial. Os voluntarios e as voluntarias guiaron aos estudantes na comprensión de conceptos clave, sensibilizando sobre a importancia de construír un mundo máis igualitario e respectuoso.

                  

A actividade non se detivo na proxección de historias; cada clase mergullouse na creatividade para elaborar o seu propio cartel de película, transmitindo mensaxes poderosas e positivas contra a violencia de xénero. O mural creado colectivamente converteuse nun testemuño visual do compromiso da nosa comunidade educativa para loitar por un cambio significativo.

     

Este evento lembrounos a importancia de educar en valores, de promover o respecto, a empatía e a igualdade desde idades temperás. Na nosa biblioteca escolar, comprometémonos a seguir sendo un espazo no que se fomente o aprendizaxe, a reflexión e a acción cara a un futuro sen violencia de xénero.

Xuntos e xuntas, facemos a diferenza!

Grazas por ser parte deste cambio!

Pica na imaxe para acceder aos contidos da presentación. 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer