Skip to Content

Blogs

Actividade física e habitos saudables. Máis exercicio físico!

Como xa sabemos, para estar sans e fortes é importante facer todo o exercicio físico que podamos!

Nesta ocasión o movemento extra trae ao noso cole un percorrido para facer camiñando ou correndo durante un ratiño.

Así, durante a semana, gozaremos dun día máis de actividade física a maiores dos dous días que xa temos Educación Física.

Así que xa sabedes, a pasalo ben facendo exercicio físico co noso percorrido!!

Concurso de logos para o PDI "Todas e todos temos unha historia que contar"

Convocamos o concurso de logos para representar o noso proxecto de centro "Todas e todos temos unha historia que contar". O logo escollido representará o noso proxecto e todas as actividades que se fagan dentro del.

Para participar, só tedes que descargar o formato de logo adxunto nesta publicación ou ben facelo vós (é un círculo sinxelo) e logo entregarllo ao voso/a mestre/a. Todos os logos serán publicados na páxina web e expostos na biblioteca.

Ademais, non vos esquezades de mirar as recomendacións para facer un logo. Son moi útiles para elaborar o noso logo!

É importante entregalo antes do 30 de novembro.

Animádevos a participar!

 

Visita a SOGAMA

Ola de novo!

Hoxe vimos a contar que o pasado día 20 de outubro o alumnado de 6º de Educación Primaria tivo ocasión de visitar as instalacións de SOGAMA.

Foi unha visita onde aprendimos un chisquiño máis sobre a recollida selectiva e a reciclaxe, e sobre todo foi moi entretida. A bo seguro que a experiencia coa realidade virtual foi unha das actividades favoritas de moitas e moitos dos visitantes.

Velaquí deixamos algunhas imaxes de ese día.

Recollida selectiva de residuos

No pasado mes de outubro botou a andar unha das actividades que o equipo consideraba prioritaria: a recollida selectiva de residuos.


Coa colaboración de toda a comunidade educativa, facemos unha separación de residuos nas aulas, separando envases, papel e cartón, materia orgánica e material escolar.


Para tal fin o centro adquiriu uns colectores de gran tamaño e instaláronse tres pequenos puntos limpos dentro do edificio (un por andar) coa colaboración de Ecoembes, quen remitiu depósitos para papel e envases.


Colectores mercados polo centro.


O alumnado xestiona os envases e o papel e cartón, facéndose unha recollida conxunta os xoves para os envases e os venres para o papel e cartón, no que o alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria colabora co alumnado de Educación Infantil e co traslado dos residuos aos colectores exteriores.


Alumnado do centro depositando residuos.


A maiores, contamos coa colaboración do persoal de limpeza, quen se encarga a diario de xestionar o lixo orgánico.


E por último, en cada recreo saen ao patio dúas patrullas ecolóxicas, conformadas por alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria. Estas patrullas non só manteñen o noso patio máis limpo recollendo restos que poida haber nel, se non que tamén asesoran e axudan a todas aquelas persoas que non saiban que facer cos seus residuos.

 

Patrullas ecolóxicas en acción.


Dende o Equipo de Reciclaxe e Medio Ambiente estamos encantados co traballo que están a desenvolver todas e todos!

Somos Voz Natura

Voz Natura | CEIP Plurilingüe Ría do Burgo

O CEIPP Vicente Otero Valcárcel foi finalmente seleccionado para participar no proxecto Voz Natura co noso proxecto Carral Sostible. Deste xeito somos un dos 373 centros seleccionados, o que nos axudará a desenvolver o noso proxecto e darlle maior difusión.

 

Velaquí o cartaz desta edición:

En breve seguiremos contando máis cousas que temos entre mans!

 

Premiados/as no día das Bibliotecas Escolares

Como é de costume, no día das Bibliotecas Escolares, celebrado o 24 de outubro de 2023, entregamos uns agasallos aos alumnos e ás alumnas máis lectoras do curso pasado. Neste curso os premiados foron: Mara (6ºB), Sebastián (3ºA) e Alba (6ºB).

Noraboa a estes/as compañeiros/as! Moi merecidos estes premios!

 

 

O primeiro Consello da Infancia

O 11 de outubro de 2023 levamos a cabo o primeiro Consello da Infancia deste curso 2023/2024. Nel, desvelamos o título e a temática do noso PDI deste curso, "Todas e todos temos unha historia que contar". Os representantes do Consello da Infancia estiveron analizando unhas fotografías misteriosas que apareceron pegadas polos corredores do cole. 

De novo movemento extra nos recreos!!!

De novo temos en funcionamento o movemento extra nos recreos cos RECREOS DEPORTIVOS!!!

Para os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria, nesta ocasión coa práctica dos deportes de Dachtball e Balonmán.

 

Elas contan historias

O luns 16 de outubro, celebramos o Día das Escritoras a traveś da nosa actividade "Elas contan historias". Cada grupo escolleu a unha escritora e unha das súas historias para ir lerlla a outra clase do mesmo nivel. A cambio, a outra aula debía elaborar unha folla de outono (aproveitando a estación) incluíndo unha fotografía e información sobre a escritora da historia que lle leron. 

Aquí podedes ver os resultados da nosa actividade!

Espero que vos guste!

 

Veña, que vai collendo xeito...

Pois xa vedes que seguimos coas boas accións. Estes peques ( e non tan peques, jeje ) non paran !!!

Animádevos !!! Temos que acadar que chegue ao corredor da primeira planta !!!

 

 

 

 

 

 

Animándonos a participar no club de lectura

O 9 e 10 de outubro de 2023, varias alumnas de 6º de educación primaria que partiparon no club de lectura "Faragullas de papel" no curso 2022-2023 viñeron animar ao alumnado de 5º de educación primaria a que participasen este curso no club. Léronlle un libro titulado "Cando leo" de Eva Mejuto para que os nenos e as nenas de 5º de primaria descubrisen o que pasa cando len.

Estas alumnas foron: Carmen e Sabela Budiño de 6ºA; Mara, Alejandra e Cayetana de 6ºB e Ainara de 6ºC.

Moitas grazas por esta labor!

 

Campaña de captación "Tecedoras de versos"

Para animar aos nenos e nenas de 4º de EP a anotarse no club fomos polas clases coas listas e lendo o conto de Maruchi.  Tecemos versos? Ganduxamos coma Maruchi? 

Presentación Reciclaxe e Medio Ambiente

Benvidas e benvidos ao espazo de Reciclaxe e Medio Ambiente!

A Organización das Nacións Unidas fixo recentemente un chamamento á acción global para rematar coa pobreza, protexer o planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e prosperidade.

A escola non é allea a esta realidade, nin ás necesidades de preservar o planeta, e é por iso que esta iniciativa ve a luz, como mostra do compromiso da comunidade educativa para co medio ambiente.

O primeiro paso a dar, foi a instauración dun sistema de reciclaxe no centro. Toda a información ao respecto está recollida na seguinte presentación:

 

 

En breve iremos desvelando máis información da nosa actividade!

Distribuir contenido


by Dr. Radut