Biblioteca en familia

Espazo para as familias dentro da Biblioteca do CEIP Rosalía de Castro de Bóveda.

EXPURGO EN FAMILIA (28 E 29 DE ABRIL)

Rematando esta semana chea de actividades, viñestes as familias a tarde do xoves e a do venres para botar unha man no expurgo.

Baleirar os estantes, reorganizar o espazo,  seleccionar os fondos e volver colocar.

Un traballo inmenso e intenso que, como di o anuncio, non se paga con diñeiro.

Moitas grazas!!

HOXE CELEBRAMOS A PRIMEIRA EDICIÓN DO "MERCADIÑO DO LIBRO USADO" (26 - 04 - 2022).

No día de hoxe, o alumnado do noso centro, acudíu por quendas á cita co "Mercadiño".

Cos "biblios" na man (billetes coa cara de Rosalía) puideron "adquirir" libros que, en semanas anteriores,

foron achegados ao centro polo propio alumnado.

Todo un éxito de actividade de intercambio que de seguro repetiremos o vindeiro curso!

O NOSO LIBRIÑO COA RECEITA DO BISCOITO DE RUMANÍA.

 

ANIMÁDEVOS A PREPARALA NA CASA!!

CERTAME DE DEBUXO EN FAMILIA. "DESEÑA UNHA MASCOTA PARA A NOSA BIBLIOTECA".

  A nosa biblioteca precisa unha imaxe que nos represente, un amiguiño ou amiguiña que nos propoña actividades, xogos, proxectos... e a quen lle guste investigar.

  Propoñémosvos que poñades as vosas cabeciñas a pensar e deseñedes (coa axuda da vosa familia) un personaxe divertido que poiderá ser un obxecto, animal ou ser fantástico que imaxinedes.

  O deseño virá en forma de debuxo nun folio ou cartolina.

  Todos os deseños serán expostos na biblioteca.

  Realizaremos unha selección de deseños para que sexan votados por todo o alumnado.

  Os criterios para a selección serán:

- Orixinalidade.

- Relación da mascota coa lectura e/ou investigación.

- Relación coa nosa contorna. (Concello e/ou colexio).

  Os debuxos serán entregados á titora correspondente na semana do 19 ao 22 de abril.

  Moitas grazas por participar!

O equipo de biblioteca.

 

ISABEL E TOÑO, NAI E PAI DE MARCOS, TROUXERON ABONO PARA O NOSO HORTO. (27 - 1 - 22)

   A terra precisa fertilizantes para producir. Este abono será o alimento das nosas hortalizas.

   Iso foi o que viñeron a explicarnos Isabel e Toño ao tempo que nos traían uns sacos de abono da súa explotación de vacas.

   Grazas a esta achega, o noso horto estará preparado para producir en abundancia!

                                       

RAQUEL, A NAI DE MARÍA E CARLOTA, VEU AMOSARNOS COMO SE PENEIRA A FARIÑA. (9 - 12 - 22)

   Con diferentes peneiras que o alumnado trouxo das súas casas, iniciamos a labor de preparar a fariña para poder cociñar con ela.

   Raquel amosounos a técnica que se empregou, de sempre, para levar a cabo esta labor.

   O alumnado de Infantil estivo encantado, pero tamén o alumnado de Primaria que peneirou en cadansúa aula.

   Entre todos e todas faise mellor o traballo!!

                                               

ARTURO E ALMUDENA, O AVÓ E A NAI DE SOFÍA, APRENDÉRONOS A DEGRAÑAR O MILLO (18 - 11 - 22)

Quen mellor que unha nai e un avó para amosarnos como se realiza esta labor cando o millo xa está seco e vale para levar a moer?

Almudena e Arturo axudáronnos a degrañar o millo da nosa colleita e convidáronnos a uns riquísimos flocos de millo.

                                    

JAVI, O PAI DE ENZO, VÉN FALARNOS DA VIDA DAS ABELLAS. (7 - 10 - 22)

   Impulsado dende a biblioteca escolar, o proxecto "A nosa horta" enriquécese grazas ás achegas das familias do alumnado de Educación Infantil.

   Ao longo deste curso escolar, nais, pais, avoas, avós, tías, tíos e demais familia; achéganse ao centro cos seus saberes e destrezas para botarnos unha man no cultivo do noso horto.

   Comeza as visitas do trimestre un papá experto en apicultura que achega ata nós o marabilloso mundo das abellas.

   Que sería das nosas hortiñas sen os insectos polinizadores?

                                     

 

Distribuir contido