Biblioteca en familia

Espazo para as familias dentro da Biblioteca do CEIP Rosalía de Castro de Bóveda.

O NOSO HORTO NO VERÁN.

  Ao longo dos meses de xullo e agosto, o noso horto seguíu producindo para nós.

  Grazas ao sistema de rega automática instalado e ao traballo voluntario de coidado e recolección, puidemos gardar a nosa colleita de allos e cabaciños.

  As tomateiras comezaron a producir e fomos conxelando os tomates maduros para engadir á salsa de tomate no mes de setembro.

  Grazas ao traballo colectivo temos un horto ben fermoso e produtivo!

 

A GARDA CIVIL VISITA O NOSO COLE. (2 - 6 - 2022).

O alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu unha charla sobre o acoso escolar, enmarcada dentro do "Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos centros educativos e a súa Contorna" " que, nas zonas rurais, desenvolve a Garda Civil.

Na aula de Infantil tiveron a visita de David (o pai de Anxo e David) quen veu co seu compañeiro a explicarnos en que consiste o seu traballo. Responderon a todas as súas preguntas e foron da man dos máis pequeniños coñecer a horta e o galiñeiro.

Tamén viñeron axentes do SEPRONA e todas as nenas e nenos do colexio puideron baixar a ver os diferentes vehículos oficiais que nos amosaron así como o seu equipamento.

Moitas grazas por vir vernos e ensinarnos tantas cousas!

A A.N.P.A. CONTRIBÚE Á TRANSFORMACIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR MERCANDO UNHA ESTUPENDA MESA DE LUZ PARA O RECANTO CREATIVO.

Hoxe estivemos marabillados estrenando a nosa nova mesa de luz. A asociación de nais e pais do colexio fixéronnos este fermoso agasallo que, ademáis de ser un fantástico recurso pedagóxico é moi divertido. Moitas grazas!!

O GALIÑEIRO ESTÁ LISTO PARA RECIBIR AOS PITIÑOS E A BIBLIOTECA CASE A PUNTO. (20 - 05 - 2022).

E para rematar a semana, as familias viñeron dúas tardes a colaborar coa organización dos espazos do colexio.

O xoves rematouse o peche do galiñeiro e montouse a casiña de madeira para as pitas. O venres  centrámonos na cartelería para indicar a ubicación dos libros na biblioteca.

Un intenso traballo en equipo que,  dende o cole, agradecemos de corazón.

Unha aperta enorme!

 

ALBA, A NAI DE CARLOTA, VEU AXUDARNOS A FACER UN ESPANTALLO PARA A HORTA. (19 - 05 - 2022).

Dentro do proxecto "A nosa horta" no que contamos coa visita de todas as familias do alumnado de Infantil; hoxe tivemos con nós a Alba, a nai de Carlota, quen trouxo todos os materiais necesarios para facer un espantallo.

Despois dun proceso de creación colectiva, tocou poñerlle nome: o noso espantallo é unha espantalla e chámase Carlota.

Moitas grazas Alba por traernos esta estupenda actividade!

 

TORTA DE MILLO E BOLIÑOS NA CASA DA PROFE JULIA (18 - 05 - 2022)

E despois de sementar o millo, velo medrar, colleitalo, degrañalo, levalo a moer e peneirar a fariña... o alumnado de infantil foi cocer ao forno.

Foi unha xornada moi especial onde puidemos ver a diferencia entre a fariña de millo e a fariña de trigo. Amasamos as dúas para facer a torta de millo e boliños preñados de chourizo.

Moitas grazas á avoa de María por aprendernos tantas cousas sobre o millo, a Sandra pola súa paciencia e bo facer coa masa de trigo e aos anfitrións Julia e David que nos acolleron na súa casa con todo o cariño do mundo. Un bico enorme!!!

 

 

MARCOS, O PAI DE DANIELA, VEU PASAR O MOTOCULTOR Á NOSA HORTA (6 - 5 - 2022).

E para rematar a semana tivemos a visita de Marcos e Eva (o pai e a nai de Daniela), que viñeron a axudarnos a poñer a punto a nosa horta.

Estivemos encantad@s escoitando as explicacións de Marcos e vendo como traballaba.

En breve iremos a sementar o millo e a plantar as plantiñas do sementeiro.

Moitas grazas por esta visita tan proveitosa!

 

JOSE E MARÍA, PAI E NAI DE XOEL, MONTARON O ARMARIÑO PARA COLOCAR OS LIBROS NA ZONA DE LECTURA AO AIRE LIBRE. (5 - 5 - 2022)

A nosa biblioteca exterior xa case está a punto! Hoxe a familia de Xoel veu ao noso cole para axudarnos coa tarefa de montar

un pequeno armario para gardar os libriños destinados a ler na zona verde. Quedou xenial!

Moitas grazas por axudarnos e por compartir con nós o voso tempo!

 

EN 21 DÍAS NACERÁN OS NOSOS PITIÑOS. (3 - 5 - 2022).

O martes día 3 de maio, o pai de Enzo trouxo á clase de Infantil unha ducia de ovos "galados". Estivemos investigando como funciona a incubadora que nos prestou a nai de Liza e trouxemos libros da biblioteca que explican como vai ser o proceso.

En 21 días nacerán os nosos pitiños. Traeremos a unha galiña que nos presta a nai de Álex para que coide deles mentres son pequeniños.

Estamos desexando velos nacer e levalos por todas as clases para que os vexan os maiores!

 

O GALIÑEIRO ESTÁ EN MARCHA (29 - 04 - 2022).

E despois de facer o proxecto, solicitar os permisos e buscar os recursos... xa se está materializando o noso galiñeiro!!

O Concello preparou a base de cemento e fíxose cargo dos materiais necesarios. As familias (dous papás e un avó) están a realizar a montaxe do "peche"para que as nosas galiñas teñen un lugar seguro e confortable onde vivir.

Xa temos a incubadora no cole e na semana que vén montaremos a casetiña de madeira que mercamos para que vivan os pitiños.

Iremos informando dos novos avances!!


 

 

 

Distribuir contido