Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Primaria

Saída ao Centro de Interpretación de Caldoval

O pasado venres as nenas e nenos de 1º e de 2º de Educación Primaria tivemos unha saída ao Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos. Este xacedemento é ata o de agora o único baño doméstico con palestra atopado no noroeste peninsular, alí puidemos observar uns restos romanos moi ben conservados e que no seu momento pertenceron seguramente a unha persoa da élite. 

Na visita, grazas a Ester descubrimos moitas cousas sobre a vida das e dos romanos: como funcionaban os baños, cal era o seu uso e as características de cada unha das estancias do circuito termal, as vestimentas que levaban os bañistas, que facían no seu tempo de ocio e os deportes que practicaban. O que máis nos chamou a atención foi que tamén xogaban a xogos de mesa ou como eles lle chamaban ludus calculorum, recibindo este nome polas pequenas pedriñas que utilizaban como fichas(calculos).

Logo convertémonos en artistas dos mosaicos e fixemos unhas creacións ben fermosas utilizando teselas de diferentes cores.

Foi unha visita moi emocionante e que nos axudou a comprender a historia e as pegadas do tempo. 

 

Murais de Tetris e Pacman feitos polo alumnado de terceiro ciclo

En Centieiras comezamos este novo curso con máis ganas de xogar ca nunca!

O alumnado de quinto e sexto de primaria traballou arreo para facer catro murais chulísimos que decoran o corredor das súas aulas.


As rapazas e rapaces de 5º, 6º A e 6º B crearon un Tetris moi colorido que nos da a benvida cando subimos polas escaleiras. Este mural, ademais de lembrar o mítico videoxogo dos anos oitenta, simboliza que todas e todos somos pezas moi importantes neste gran crebacabezas que é a nosa escola, no que todas e todos encaixamos e precisamos uns dos outros para construír xuntas e xuntos algo extraordinario.

Tamén fixeron tres murais máis, un por aula doutro clásico videoxogo arcade, o Pacman. Quedaron xenial! E o mellor de todo é que traballaron e colaboraron entre toda a clase para crealos. Noraboa, rapazas e rapaces, bo taballo!

 

 

Graduación e festa de despedida de sexto de primaria

O martes 21 de xuño foi un día cargado de emocións, nervios e ilusión, porque os nosos rapaces e rapazas de sexto de primaria fanse maiores, rematan a súa bonita andadura na escola e prepáranse para un novo comezo no instituto, e iso hai que celebralo como se merece.

Ese mesmo día pola mañá recibiron as notas e un agasallo: unhas camisetas para ir todos e todas conxuntados pola tarde ao acto e á festa que con tanto mimo prepararon eles e elas mesmos, as súas familias e as mestras.

 

Xa pola tarde, con algo de retraso debido a algúns problemiñas técnicos dos que sempre aparecen no último momento, daba comezo a graduación.

Comezaron cantando unha versión de Bohemian Rhapsody de Queen cunha letra personalizada para a ocasión e fixérono de marabilla. Na canción xa nos avisaban de que nos foramos preparando e collendo panos de papel, porque o que ía vir ía ser intenso.

 

Despois, os rapaces e rapazas, dedicaron unhas palabras de agradecemento ás súas familias, ás mestras e ao cole. Dixeron unhas cousas tan fermosas e con tanta sinceridade e agarimo, que a maioría xa estabamos coas bágoas nos ollos.

 

 

A continuación, chegaba a primeira sorpresa da tarde, un precioso vídeo feito polas súas familias con palabras de cariño e con fotos dos nenos e nenas de pequerrechos e outras máis actuais. Por se non fora suficiente con esta fermosa sorpresa, Fina, mestra á que elas e eles teñen moito cariño por ser a súa titora desde os tres aos cinco anos e por ser sempre tan agarimosa e tratalos con moita tenrura, tamén tiña outro vídeo preparado no que puidemos desfrutar vendo fotos e recordos da súa chegada á escola e do seu paso pola educación infantil.

 

Tras tantas emocións había que recompoñerse, porque tocaba cantar de novo. Esta vez cantaron algo máis animado, unha versión de Agapimú cunha letra tamén especialmente feita para este momento e saiulles moi ben.

Para rematar o acto, houbo entrega de orlas e dun detalle preparado por Fina.

Co acto finalizado, comezaba a festa e a merenda, que tanto cantar, falar e chorar da bastante fame.

 

 

 

Foi un día moi fermoso, cheo de ilusión, emoción e cariño no que tamén houbo reencontros con persoas moi importantes no seu paso pola escola, como Raquel, a súa titora en 1º de primaria.

Moitas sorte, rapaces e rapazas, confiade en vós mesmos e mesmas e seguide sendo auténticos e auténticas. En Centieiras nunca vos esqueceremos! FELIZ NOVO COMEZO!!!

 

Saída ao CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol

Hoxe o alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída ao CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol para realizar dous obradoiros moi interesantes enmarcados no PDI do centro, xa que pretenden fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas e alí, as rapazas e rapaces de 5º e 6º tiveron a oportunidade de descubrir a importancia da innovación, o deseño e as tecnoloxías.

Realizaron un obradoiro chamado “Materiais innovadores” no que se mergullaron no mundo dos novos materias levando a cabo diferentes experimentos con materiais con propiedades sorprendentes.

Tamén participaron no obradoiro “Somos deseñadoras/es espaciais” no que se iniciaron no deseño industrial a través dunha actividade na que eles e elas eran os deseñadores da Axencia Espacial de “Ferrol Terra”. A súa misión era deseñar un sistema de aterraxe para un módulo espacial. Para superar o reto, un ovo – astronauta debía tomar terra sen romper despois dunha caída de cinco metros.

As dúas actividades foron moi divertidas. Mirade que ben o pasaron:

 

Convive-T: Plan director

 A semana pasada no terceiro ciclo tivemos a primeira sesión  do Plan director da garda civil na que tratamos as boas prácticas no entorno virtual, falamos sobre a utilidade nos nosos días  e sobre os perigos e riscos que corremos se non temos formación adecuada neste ámbito.

CONVÍVE-T: Obradoiros de habilidades sociais e prevención de riscos no uso das Tics.

 Este mes de decembro o alumnado do terceiro ciclo estamos participando nunhas sesións sobre habilidades sociais e prevención de riscos no uso das Tics. Estes obradoiros os enmarcamos dentro das actividades propostas no Contrato-programa Convíve-T. Mª José Paz, pedagoga do concello é a coordinadora destas xornadas que organiza e oferta o concello de Fene para o alumnado e as familias.

                     

Mes da Ciencia. Charla-obradoiro Avances tecnolóxicos

 

Este martes 16 de novembro o alumnado do 3º ciclo de E. Primaria tivemos unha charla- obradoiro sobre os avances tecnolóxicos na medicina. Guillermo, pai de Emma Moreira Moure e o seu compañeiro Antonio organizáronnos unha entretida e interesantísima charla. Temos que agradeceslles a dedicación, a paciencia e o ben que nolo explicaron todo. 

                      

                                     

                                                                        

G-Night Noite europea das persoas investigadoras. Conciencias Creativas

O 24 de setembro o alumnado de 5º tendo en conta a temática do noso PDI "Pingas Científicas" visitamos a G-Night, evento realizado simultáneamente nas sete cidades galegas e que ofertaron en xornada de mañá actividades para o alumnado de primaria. A experiencia foi boísima e os nenos e as nenas disfrutaron moitos nos diferentes obradoiros.   

                                     

 

Videoxuntanza con Manuel Rivas

    

   

Hoxe o alumnado de 5º e 6º tivemos unha videoxuntanza con Manuel Rivas para falar sobre o libro que limos este trimestre O Chispas. Foi unha charla pausada, tranquila e moi interesante. Manuel Rivas comezou falándonos das palabras, da escritura, do proceso creativo… Deseguida comezamos coas nosas preguntas, que eran moitas, sobre a súa inspiración para crear os personaxes, cal foi o seu primeiro libro e cando o escribiu, se vai escribir máis libros para nenos e nenas, se escribiu o libro de O Chispas confinado, o motivo de que no seu libro aparezan tantos animais, se se leva ben coa ilustradora…Ata sabemos en que anda traballando nestes momentos!

Moitas grazas  Manuel Rivas por pasar con nós esta xornada.

 

Enquisa mellora da biblioteca.

Estimadas familias:

Este ano comezamos no centro co PLAMBE (Plan de Mellora da Biblioteca Escolar) que ten como finalidade unha renovación da mesma. Dentro deste proxecto de innovación da Consellería, establecemos ao comezo de curso unha serie de obxectivos de diferente natureza: aumentar os fondos bibliográficos e recursos en xeral, renovación de espazos, mellorar as competencias informacionais no alumnado ou aumentar a participación de diferentes sectores da sociedade nas actividades que se levan a cabo.

Así mesmo, vencellado a isto levamos a cabo un PDI (Proxecto Documental Integrado) é dicir, un proxecto de centro -cuxo motor é a biblioteca- no que o alumnado de todos os cursos, cunha liña temática común indaga e aprende sobre diferentes aspectos do mesmo a través de metodoloxías activas, e que culmina nun produto ou produtos finais. Como xa sabedes, o tema deste curso foi o Camiño de Santiago.

Froito destas novidades gustaríanos dende o Equipo de Biblioteca contar coa vosa opinión sobre os cambios acontecidos neste curso 2019-2010 así como coas vosas propostas de mellora e suxestións de cara aos vindeiros cursos.

Para garantir o anonimato na realización dos cuestionarios non é preciso indicar unha conta de correo electrónico e é por isto polo que rogamos que realicedes o cuestionario SÓ unha vez.

Moitas grazas pola vosa colaboración.

Facendo clic, accederedes á mesma:

 

ENQUISA

 

Tedes ata o 21 de abril!

Distribuir contido