Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Primaria

Recibimos a visita de Pere Tobaruela

O pasado xoves recibimos a visita de Pere Tobaruela, autor do libro “Mariña e o balón” que limos o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria.

 

 

Primeiro, entre todos e todas recordamos o conto facendo un breve resumo e reflexionando sobre algúns aspectos que acontecían nel como a pouca presenza das nenas en xogos como o fútbol

Despois tivemos un tempo de preguntas e aí pescudamos que Pere ademais de escritor é adestrador de fútbol feminino algo que sen dúbida o levou a escribir este conto.

 

Para rematar asinou os nosos libros!

Grazas Pere por este ratiño tan agradable e por facernos rir tanto.

 

VISITA MUSEO DE HISTORIA NATURAL

O pasado martes día 14 de marzo o alumnado de 1º e 2º fomos de excursión ao Museo de Historia Natural de Ferrol.  Alí Berta guiounos e explicounos cousas interesantísimas sobre os exemplares de animais que tiñan alí: insectos, moluscos, crustáceos… Fixemos moitas preguntas e aprendimos un montón!

 

O que máis nos chamou  a atención foi, por suposto, o enorme esqueleto de balea común.

Logo desta visita, aproveitando que non chovía merendamos e xogamos un pouquiño no parque.

Foi unha mañá moi entretida e chea de aprendizaxe.

NAUTILUS

O xoves 16 de marzo de 2023  o alumnado de 3º e 4º de EP acudiu á sede da Afundación Abanca ver a obra de teatro "NAUTILUS".

O capitán Nemo aprecia o mar máis que a súa propia vida. Nemo vive a bordo do Nautilus, un submarino segredo que percorre os océanos de todo o mundo, lonxe de todo e de todos. Pero desde hai un tempo, o capitán observa que os bancos de coral estanse a converter en montañas de lixo, os peixes en bolsas de plástico, e as pradarías de posidonia en vertedoiros acuáticos. A vida mariña está en perigo e Nemo propúxose evitalo, pero non pode facelo el só. Por iso recluta ao profesor Aronax, a quen levará a unha viaxe de 20.000 leguas submariñas para amosarlle os segredos dese mundo fascinante ameazado pola contaminación humana.

Nautilus é unha versión da clásica novela de aventuras “20.000 leguas de viaxe submariño” cunha lectura actual, comprometida e ecoloxista. A historia que contaría Julio Verne hoxe en día.

                      

                     

A MAXIA DO XOGO EN 1º E 2º

Neste trimestre, dentro do noso proxecto documental integrado o alumnado de 1º e de 2º estamos a afondar nos xogos do mundo.

Para iso coa axuda das familias fixemos unha búsqueda de información distrubuindo ao alumnado por continentes, cada neno e cada nena buscou un xogo típico do continente que lle tocou e coa información, elaborou un texto instrutivo que están a expoñer na clase para que todos e todas poidamos xogar na sesión semanal que lle estamos a adicar.

Para abrir o trimestre, tivemos unha visita moi especial, o pai de Elsa, o cal nos ensinou un xogo típico de África, o awalé, un xogo ancestral e que, segundo algunhas fontes pode considerarse o primeiro xogo de mesa da historia. Para xogar só necesitamos sementes e unhas oveiras.

Algo que nos encantou deste xogo é que é un xogo solidario, sendo unha das súas normas a imposibilidade de eliminar ao adversario, e outra, que non se pode deixar pasar fame ao outro xogador ou xogadora, é dicir non podemos deixalo sen sementes, se queda sen elas, teremos que cederlle parte das nosas para que poida seguir xogando.

Animámosvos a que o probedes na casa xa que con el traballamos o razoamento estratéxico, o conteo e o pensamento global, non só temos que buscar a victoria senón que hai que respetar que o contrincante non perda.

O alumnado de terceiro ciclo asiste á obra What Monster!

O alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída para ver unha obra de teatro en inglés. Foi moi divertida e as nosas rapazas e rapaces demostraron as súas dotes como actrices e actores e o seu dominio da lingua inglesa. Look!

 

 

 

VISITA DE ANDREA MACEIRAS

VISITA DE ANDREA MACEIRAS 

O pasado 28 de febreiro veu ao cole Andrea Maceiras autora do libro "Alma de elefante" que limos o alumnado de 3º e 4º EP.

Antes de comezar  fixémoslle entrega dun pequeno agasallo preparado por todos nós: un elefante de "fieltro" e un libro cun pequeno texto e debuxos feitos por nós sobre o libro.

                                                          

Logo pasou a explicarnos as "orixes" do libro cunha presentación dinámica: a historia naceu a partir dunha viaxe que ela fixo por Asia e está dedicada ao neno ou á nena que perdeu un debuxo e que ela atopou preto de Banteay Srei (templo de Angkor, en Camboia). Cando o visitou había un grupo de nenos e nenas correndo polos arredores, alí foi onde atopou unha pequena folla cun debuxo no que aparecía a imaxe do que ela estaba a ver dende o mirador.

                                 

Despois da explicación pediunos que pecharamos os ollos, que  nos relaxaramos e nos viramos sendo auga, terra, aire ou pedra... Unha vez relaxados, leunos con voz mainiña un relato da velliña Champey no que nos pedía que imaxinaramos de que animal tiñamos a nosa alma, coma Suy que tiña alma de bolboreta e Lawen que tiña alma de elefante.

Conseguiu a nosa relaxación e, pouco a pouco, cada un de nós foi dicindo de que animal era a nosa alma: peixe laranxa, puma, serpe... Non vos podedes imaxinar a cantidade de animais que eran as nosas almas!!!

                                 

Respondeu a todas as nosas preguntas e escoitou moi atenta as interpretacións que iamos facendo sobre uen pensabamos que eran Suy e Lawen partindo do debux da cuberta do libro.

Para rematar  asinou os nosos libros facéndoos únicos co noso nome e o da alma do animal que cada un de nós imaxinou.

            

             

 Sóubonos a pouco o tempo que estivemos con ela.

Grazas Andrea Maceiras por compartir con nós un anaquiño do teu tempo.

       

 

MOCHILAS DO XOGO EN 1º E 2º DE PRIMARIA

Que acontece no xogo cando na miña quenda teño que tirar o dado, mover unha figura, coller unha carta e facer unha acción? Estamos traballando sen dúbida a planificación.

E cando penso: que carta tiro ou que movementos fago? A toma de decisións.

Son moitos os beneficios do xogo: xestión emocional, traballo das funcións executivas (razoamento, velocidade de procesamento, fixación de metas...).

É por isto, polo que este ano dende o centro o noso proxecto documental integrado versa sobre o xogo e neste trimestre decidimos elaborar as mochilas viaxeiras de xogo con varias propostas para gozar e aprender en familia. Cantas chapas eres capaz de coller coa cabeza? Como eres de rápido ou rápida para facer coincidir tres cartes atendo a diversos criterios? Eliximos un xogo de imáns e o xogo comercializado "Tripolo", un xogo de rapidez e velocidade de procesamento. 

Antes de que chegaran ás casas estivemos a practicar para poder formar adecuadamente ás familias!

 

 

 

A MAXIA DO XOGO: 1º E 2º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

Neste primeiro trimestre os nenos e nenas de 1º e 2º e dentro do noso proxecto documental integrado ”A maxia do xogo” que versa sobre o xogo afondamos nos xogos populares.

Para introducir a temática, na aula de 1º fixemos unha rutina de pensamento denominada: vexo, penso pregúntome, na cal, presentámoslle diversas imaxes ao alumnado sobre xogos populares e con isto coñecer as súas ideas previas.

Na aula de 2º iniciamos esta proposta a través dunha adaptación dun Pecha Kucha. Un pechakucha trátase dunha presentación composta por 20 diapositivas, a partir das cales debemos de falar sobre cada unha 20 segundos. Traballamos deste xeito tamén a expresión oral diante dun público. 

Despois disto, aprendemos e xogamos a diferentes xogos tradicionais: as catro esquinas, a mariola e pasa perico.

 

 

Paralelamente a isto, aprendemos xogos de sortes tales como: "Paco repaco, camisa cagada foi á cociña comer a pescada, a pescada estaba fría e Paco de cagarría.” Agora xa son quenes de empregalas no seu tempo de lecer para rifar, e por último traballamos xogos de palabras: adiviñas e trabalinguas.

As aprendizaxes plasmámolas nun pequeno lapbook.


UNHA VISITA SENSACIONAL

A aula está nun edificio, está entre unhas paredes....nunha escola ou nun hospital, pero os que forman

a aula son os nenos e nenas que están dentro, que conviven, que rin, que choran, que xogan....

ELES SON A AULA!

O mércores 14 tivemos a visita de Laura, mestra de aula hospitalaria do Materno- Infantil de A Coruña, que veu moi ben acompañada pola nosa compañeira de 1º de Primaria, Andrea, e a súa nai, Silvia.

Laura, Andrea e Silvia contáronnos aos nenos e nenas de 1º e 4º de Educación Primaria o ben que o pasan nese aula que hai dentro do Hospital: tocan diferentes instrumentos, teñen moitos recunchos, traballan con material da natureza, bailan, cantan e ata teñen animais, si, si ....teñen dúas tartarugas chamadas"Mona Lisa e Leonardo".

Andrea contounos o bonitas que son as habitacións, con paredes pintadas con distintos debuxos, con luces....

Vimos tamén un video co persoal que traballan alí, e o ben que o pasan xuntos.

Andrea e Laura repartíronnos unha variña máxica para poder converter un folio branco nun debuxo cheo de agarimo para enviar á aula hospitalaria. Prometemos  facer moitos para envilos. Non podemos esquecernos!!!

No seguinte trimesre volverán ao cole para seguir contándonos as súas aventuras na aula....estamos desexando que volvan.

Ahhhh...e ademais imos facer videoconferencias con elas en directo.

Qué ilusión!! Así estaremos un pouquichiño máis preto .

MOITAS GRAZAS POLA VISITA !!

 

                                                    

 

                                     

 

                              

MERENDA SAUDABLE

As nenas e nenos de 1º e de 2º logo de traballar ao longo de todo o trimestre sobre o corpo humano e os hábitos de vida saudable: hixiene, descanso, alimentación... non podíamos rematar sen poñer en práctica todo o aprendido. Como o fixemos? Pois elaborando unhas riquísimas brochetas de froita! 

 

 

 

Distribuir contido