Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Primaria

TRABALLAMOS A ALIMENTACIÓN

Que traballo realiza unha nutricionista? Como clasificamos os alimentos? Que deberíamos incluir na nosa alimentación? Hoxe repasamos todo isto grazas á colaboración do Centro de Saúde de Fene. Nutricionista e enfermeira impartion un obradoiro hoxe ao alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º. 

Comezamos por unha pequena explicación teórica na biblioteca para logo poñernos xa a aplicar o aprendido. Por unha banda, os e as maiores fixeron un encrucillado sobre froita de tempada e verduras e as e os pequenos atoparon as diferenzas entre dúas imaxes. Por outra realizamos carreiras de relevos no patio nas que tiñamos que clasificar os alimentos. 

Grazas polo ofrecemento e por divulgar saúde!

 

FORMÁNDONOS SOBRE OS DESBORDAMENTOS

Neste primeiro trimestre, dentro do noso proxecto documental integrado o alumnado de 1º e 2º estamos a afondar na auga: bo uso, saneamento, auga limpa, vida acuática... 

Por isto, o pasado luns 6 de outubro o alumnado de 1º e 2º gozou dun obradoiro moi lúdico impartido por Augas de Galicia. Nel aprendemos sobre as inundacións por desbordamentos dos ríos, reflexionamos e concienciámonos sobre o seu risco. Repasamos tamén o ciclo da auga, os seus estados, as partes dun río… Canta aprendizaxe!

 

SAMAÍN EN PRIMEIRO CICLO

O pasado martes día 31 de outubro para celebrar a festa de Samaín despois das tradicionais lecturas á escuras, o alumnado de 1º e 2º realizou en grupos internivel diferentes actividades con esta temática: pysla, pasatempos, xogos de mesa e creación  dunha pequena marioneta de Samaín. 

Logo disto, compartimos momentos de baile co resto de compañeiras e compañeiros da escola!

Spooky self-portraits

Hoxe en Arts o alumnado de 5º e 6º fixo os seus autorretratos co estilo das personaxes de Tim Burton. Primeiro, falamos de quen é Tim Burton, a que se dedica e cales son as súas películas e personaxes máis coñecidas. Despois, analizamos as características principais destas personaxes e, finalmente, cada un e cada unha creou o seu debuxo. Quedaron espectaculares!

Our spooky self-portraits

Sugar Skulls

O alumnado de 5º e 6º de primaria estivo traballando arreo en Arts para crear estes collages inspirados nas caveiras de azucre que fan en México para celebrar o Día dos Mortos. Ademais, practicaron inglés e aprenderon sobre esta tradición.

Agora estes traballos tan coloridos e alegres decoran a entrada do centro. Quedaron ben vistosos! Good work!


 

Grupos interactivos 5º e 6º. Hoxe xogamos...

Este curso estreamos no terceiro ciclo a proposta de grupos interactivos que no noso centro xa se viña facendo noutros ciclos. Desfrutamos dunha xornada de xogos de mesa en grupos formados por nenos e nenas de 5º e 6º e un familiar que voluntariamente achegouse ao centro a participar con nós nesta nova andaina. Temos que agradecer ás familias a súa disposición, paciencia e entrega nesta actividade. O resultado vese nas fotos e algunhas das primeiras impresións das familias xa as temos.

"Encantada de xogar con estes nenos e nenas e DE APRENDER CON ELES." Lucía Souto

"Encantado de xogar todos xuntos e pasar un ratiño tan divertido. Desexando volver!" Diego Maceiras 

"Momentos bonitos e divertidos." Isabel Cortizas 

"Encantoume pasar este bo rato con todos estes "pequenos artistas". Ata a próxima!" Silvia Delgado 

"Encantada de vir e de que teñades iniciativas tan chulas que compartir. Grazas!" Paula de Santiago 

 

DÍA DAS ESCRITORAS

Hoxe en 1º e 2º de Educación Primaria conmemoramos o Día das Escritoras. Para celebralo limos sinopses e partes de diferentes contos infantís escritos por mulleres: Corre corre cabaciña, A casa da mosca chosca, Fina a pirata ou Escarlatina a cociñeira defunta foron algúns dos elixidos. A partir das lecturas, os nenos e nenas debían tratar adiviñar cal era a portada de dito conto e así tamén coñecer á autora. Unha vez feito isto, levaban o robot DOC ata ela.

Visibilizamos e coñecimos así a labor de escritoras galegas.

INICIAMOS PEGADAS VERDES EN 1º E 2º

Nas aulas de 1º e 2º xa estamos a tope co noso proxecto documental integrado.

O pasado luns realizamos na biblioteca un xogo no que traballamos o impacto dos microplásticos no mar e nos diferentes seres vivos. Convertémonos en placton, sardiñas, bonitos, baleas, tartarugas e tamén en pescadores para aprender sobre a cadea trófica. Foi unha actividade moi visual coa que seguimos a concienciarnos sobre o uso de plásticos e a contaminación en xeral.

Seguimos traballando! 

 

Together we are a masterpiece! Xuntos e xuntas somos unha obra de arte.

O alumnado de 5º e 6º creou este mural na materia de Arts estas primeiras semanas de curso.

Debuxaron as súas mans e decoraron unha con liñas rectas e a outra, con liñas curvas e con todas as mans creamos esta flor xigante que decora o corredor da segunta planta.

We are each unique and beautiful, but together we are a masterpiece!

Cada un somos únicos e preciosos, pero xuntos somos unha obra de arte!

 

Visita de 5º e 6º de primaria ao CIS Tecnoloxía e Deseño

O venres día 29 de setembro as clases de 5º e 6º de primaria fomos ao CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol porque, con motivo da G-Night, organizaron uns obradoiros moi interesantes para nenos e nenas.

Un deles titulábase “Slime lab. Do laboratorio ao mercado”. Nesta actividade, partindo da curiosidade e interese que esperta nas rapazas e rapaces o slime, investigamos as propiedades dos fluídos non newtonianos e probamos dúas receitas para obter uns slimes do máis profesionais. Unha vez creados os slimes, deseñaron a imaxe corporativa e o packaging do produto, que puideron levar para as súas casas.

 

O outro obradoiro chamábase “Exploradores virtuais”, no que o alumnado puido coñecer de primeira man o potencial das tecnoloxías de Realidade Aumentada e Realidade Virtual. Probaron unha camiseta que mediante Realidade Aumentada nos permitía ver os órganos internos do corpo, usaron unha aplicación para probar tatuaxes, crearon os seus propios Merge Cubes e programaron distintas animacións con eles.

Finalmente, puideron probar unas gafas de Realidade Virtual. A algúns deulles bastante impresión, tiñan a sensación de que ían caer!

Foi unha mañá do máis entretida e interesante!

https://www.cistecnoloxiaedeseno.gal/relevancia-da-celebracion-das-actividades-da-g-night-no-cis-tecnoloxia-e-deseno-2/

 

Distribuir contido