Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Primaria

ENTROIDO NO PRIMEIRO CICLO

Coma todos os anos por estas datas chegou o Entroido ao colexio. Xa que este curso o PDI do centro está relacionado coa sostibilidade e o coidado do medio ambiente, decidimos disfrazarnos de superheroes e superheroínas da reciclaxe para así continuar concienciándonos da importancia de reducir o consumo que facemos a diario de plásticos e outros envases, que son moi prexudiciais para o noso planeta.

Dado que era unha mañá especial, aproveitamos para divertirnos xogando, cantando e bailando, sen esquecer o desfile na pista, no que gozamos na compañía de todas as compañeiras e compañeiros do colexio.

As nenas e nenos de 1º e 2º trouxeron as súas capas decoradas con ideas moi orixinais! Aquí tedes as nosas fotos de grupo.

Bo Entroido a todas a todos!!!

Entroido sostible en terceiro ciclo

Por fin chegou unha das festas máis esperadas do ano: o Entroido!

Este ano, en liña co noso PDI Pegadas Verdes, difrazámonos de heroes e heroínas da reciclaxe. Como sempre, o noso alumnado abraiounos coa súa creatividade e imaxinación. Todas as capas e complementos que traían os nosos heroes e heroínas eran espectaculares e, ademais, había variedade: instrumentos musicais, armas, diademas, bolsos e tocados feitos con todo tipo de residuos. Nunca pensei que se puideran facer semellantes marabillas con cousas que ían rematar no lixo!

Durante a mañá, fixemos desfiles polas aulas de 5º e 6º para lucir os nosos traxes, bailamos, cantamos, xogamos... Pasamos unha mañá do máis entretida.

Feliz entroido e vémonos á volta!

 

 

UNHA VISITA MOI ESPECIAL...

Hai unhas semanas comezamos a investigar e aprender datos que descoñecíamos sobre o Sistema Solar. Ao subir e baixar polo corredor, démonos conta de que había uns traballos moi interesantes sobre este tema realizados polas nenas e nenos de 5º, así que se nos ocorreu a idea de que podían vir á nosa clase contarnos toda a información que eles aprenderon.

Para iso, escribímoslles unha carta e levámosllela á súa aula.

Tras aceptar a nosa invitación, durante estes últimos días viñeron visitarnos por quendas para falarnos de Marte, Saturno, Xúpiter, Plutón, as eclipses, as estrelas e as constelacións. Contáronnos datos e curiosidades moi interesantes, algunhas que descoñecíamos e nos sorprenderon moito.

Ademais de ensinarnos os seus traballos trouxeron algúns obxectos que nos permitiron entender mellor toda a información.

 

Dámoslles as grazas por acompañarnos!! Encantounos que puideran visitarnos e están convidados a volver cando queiran!

Orixinais parodias do cadro American Gothic

O alumnado de terceiro ciclo estivo coñecendo curiosidades e aprendendo sobre o famoso cadro American Gothic de Grant Wood na materia de Arts e, posteriormente, realizou unha versión cómica desta obra, que é unha das máis parodiadas da historia da arte.

Mirade canta orixinalidade hai nestes traballos. Fixeron de todo: converteron aos protagonistas do cadro en personaxes de Star Wars, de Harry Potter, de Peppa Pig, de Pokemon, caracterizáronos de rockeiros, de Papá Noel, da Estatua da Liberdade... hai para todos os gustos!

Parabéns, rapazas e rapaces, unha vez máis superastes todas as espectativas coa vosa creatividade!

 

Comezamos o trimestre xogando: grupos interactivos de xaneiro en 5º e 6º

O 16 de xaneiro desfrutamos na biblioteca dunha nova xornada de grupos interactivos coas familias de quinto e sexto. Moitas grazas a Ana, Mariana, Marta, Paula e Rebeca por vir xogar connosco!

 

Lily explícanos as tradicións de Nadal da súa familia e canta e toca panxoliñas en inglés para nós

Lily explicounos hoxe en 5º e 6º de primaria as tradicións da súa familia para celebrar o Nadal: que celebran, que cean e comen, que fan cada día...

Para rematar, cantou e tocou panxoliñas en inglés coa mandolina e fíxoo de marabilla! Que sorte temos de contar contigo, Lily, moitas grazas! Thank you very much, Lily!

The Starry Night at Christmas

 

En 3º ciclo, na materia de Arts, estivemos traballando sobre Vincent Van Gogh e a súa obra The Starry Night. Despois, o alumnado creou a súa propia versión do cadro, pero substituíndo o ciprés da obra orixinal por unha árbore de Nadal. Quedáronlles preciosos, mirade que obras de arte decoran a planta baixa da escola.

 

 

Charla sobre violencia de xénero

Esta semana, na que conmemoramos na escola o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o alumnado de 5º e 6º de primaria recibiu unha charla sobre violencia de xénero por parte de Sara, a garda civil que nos imparte as formacións pertencentes ao Plan Director. Foi un pracer recibir a Sara de novo na escola e seguir aprendendo grazas a ela sobre un tema tan importante.

A charla formou parte das actividades levadas a cabo na escola para concienciar ao alumnado da necesidade de poñer fin a este problema tan grave.

 

TEATRO EN NARÓN

O pasado martes 21 de novembro o alumnado de 1º e 2º acudiu ao Pazo da Cultura de Narón para ver a obra de teatro Ándale!!! Buen apetito!!!. Con esta representación puidemos achegarnos un pouco á cultura mexicana e descubrir paso por paso algúns pratos da súa gastronomía da man da compañía teatral Ghazafelhos.

Rimos moito con eles!

 

Xogamos coas familias de 5º e 6º

 

Hoxe pola mañá desfrutamos dunha nova xornada de xogos coas familias voluntarias do alumnado de 5º e 6º, que quixeron colaborar e compartir con nós un anaco ben divertido.

 

Este curso comezamos en 5º e 6º cos grupos interactivos, unha forma de organización da aula que une aprendizaxe e convivencia. Os grupos interactivos caracterízanse por multiplicar e diversificar as interaccións que teñen lugar na aula e por ser un tipo de organización inclusora do alumnado, na que se conta coa axuda de máis persoas adultas que dinamizan as actividades de aprendizaxe, ademais das mestras dos grupos-clase.

 

Por outra banda, nestas actividades empregamos tamén a metodoloxía ABX (Aprendizaxe Baseada en Xogos), que consiste no emprego dos xogos de mesa como recurso ou ferramenta educativa para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe.

 

O xogo é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento global do ser humano, especialmente desde a infancia, e os xogos de mesa supoñen un xeito atractivo e divertido de achegar o alumnado á adquisición e afianzamento das competencias e dos contidos curriculares. Trátase dunha metodoloxía activa que ofrece unha experiencia educativa significativa, acorde ás necesidades do alumnado e que ten en conta os seus intereses e motivacións.

 

Polo de agora, con esta segunda xornada de xogos coas familias podemos asegurar que se trata de todo un éxito, tanto para os rapaces e rapazas, que xa están desexando repetir e avalían a actividade de forma moi positiva, para as mestras, posto que vemos ao alumnado e ás familias participar e desfrutar xuntos e para as familias, que ademais das valoracións que nos fan de xeito oral, déixannos tamén reflexións por escrito tan fermosas coma as seguintes:

 

Rebeca: Divertido. Competitividad sana. Muchas risas. Un gusto compatirlo, como siempre.

 

Mari: Gracias por invitarme a esta jornada tan divertida, se me pasó el tiempo volando. Si tengo que hacer una valoración a los/as alumnos/as sería muy positiva porque todos/as respetaron las normas, no tuvieron conflictos y fueron muy divertidos/as. Si pudiera, estaría de vuelta mañana. ¡Gracias!

 

Moitas grazas a vós, Rebeca, Mari, Marta, Juana e Cora, foi un pracer contar con vós para esta actividade.

 

 

 

Distribuir contido