Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Saída ao Centro de Interpretación de Caldoval

O pasado venres as nenas e nenos de 1º e de 2º de Educación Primaria tivemos unha saída ao Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos. Este xacedemento é ata o de agora o único baño doméstico con palestra atopado no noroeste peninsular, alí puidemos observar uns restos romanos moi ben conservados e que no seu momento pertenceron seguramente a unha persoa da élite. 

Na visita, grazas a Ester descubrimos moitas cousas sobre a vida das e dos romanos: como funcionaban os baños, cal era o seu uso e as características de cada unha das estancias do circuito termal, as vestimentas que levaban os bañistas, que facían no seu tempo de ocio e os deportes que practicaban. O que máis nos chamou a atención foi que tamén xogaban a xogos de mesa ou como eles lle chamaban ludus calculorum, recibindo este nome polas pequenas pedriñas que utilizaban como fichas(calculos).

Logo convertémonos en artistas dos mosaicos e fixemos unhas creacións ben fermosas utilizando teselas de diferentes cores.

Foi unha visita moi emocionante e que nos axudou a comprender a historia e as pegadas do tempo.