Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Magosto e Día do peón

O pasado venres vivimos unha xornada moi especial de festa e convivencia entre o alumnado e as familias. A celebración do Magosto e o Día do peón foi todo un éxito grazas ao esforzo e colaboración da ANPA, que ademais de agasallar a toda a comunidade educativa con castañas asadas e chocolate quente, creou unha preciosa decoración para ambientar a pista polideportiva.

O alumnado maior estivo acompañando e ensinando a bailar o peón aos máis pequenos. Foi fantástico velas e velos tan pendentes e agarimosos cos seus afillados e afilladas da escola.

Despois de bailar o peón e poñelas botas coas castañas e o chocolate, chegou o momento da música e o baile. Os e as artistas de Centieiras volveron dalo todo para que pasaramos un anaco moi entretido desfrutando da música tradicional galega. Moitas grazas a todas e todos!

 

UNHA ENTREVISTA MOI ESPECIAL

Un dos obxectivos para este curso é favorecer a cohesión entre o alumnado do centro para mellorar así o clima e a convivencia.

Para romper o xeo xa no mes de outubro o alumnado de 5º e 6º organizou diferentes sesións de xogos de mesa para aprendérllelos ás pequenas e pequenos. A súa labor foi marabillosa.

Seguindo nesta liña, neste inicio de novembro, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º elaborou nas súas clases un cuestionario do máis ecléctico: cal é a túa cor favorita? Cal é o teu equipo de fútbol preferido? Que é o que máis che gusta do cole?... E un sin fin de preguntas ocurrentes que prepararon con moito agarimo para unha entrevista moi especial: outro alumno ou alumna do centro.

Fixemos así unha pequena adaptación da dinámica de cohesión da “Entrevista”.

Despois desta preparación chegou o día! Xuntámonos en diferentes localizacións da escola para levala a cabo. A entrevista só resultou ser un pretexto para o coñecemento mutuo e entablar relacións. Xuntas e xuntos, pequenas, pequenos e maiores gozaron dun tempo compartido.

Daba gusto velos e velas!

 

 

Preparándonos para o Magosto e o Día do peón.

O Magosto o o Día do peón están xa moi preto! Este venres, día 10 de novembro, desfrutaremos estas celebracións na escola, así que lembrade, traede o voso peón para bailalo ese día e vide preparadas e preparados para degustar as deliciosas castañas asadas e o chocolate quente, ambos por cortesía da ANPA. Ademais, finalizaremos a festa cunha boa repichoca, grazas aos grandes artistas da comunidade educativa de Centieiras, que sempre nos animan con boa música tradicional.

Por aquí Gatiza xa se está preparando para a festa, e vós?

"Os nosos Contos de Boca"

Onte inauguramos a actividade de " Contos de boca"; a nosa primeira convidada foi Juana, a mamá de Roque, que veu contarnos dúas lendas moi fermosas e que nos impresionaron moito.

A primeira lenda foi a da creación da Torre de Hércules: "Hércules consegue vencer ao rei Xerión decapitándoo,  enterra a  súa cabeza e manda construír unha torre nese mesmo lugar para conmemorar e recordar a súa victoria".

Por iso o escudo de A Coruña ten unha Torre de Hércules cunha caveira debaixo....

A segunda lenda foi a da Serea das Mirandas:" Din que nas illa Mirandas vive, dende hai moitos moitos anos, unha serea que adoita moverse pola ría de Ares, e que ás veces aparécese para facer ben, ou para facer mal.

Tede coidado cando vaiades á praia das Mirandas.....andade con ollo !

Lembrade que as lendas son lendas, pero que teñen a súa parte de verdade.

Grazas Juana !! Foi moi divertido, así que esperamos que volvas cando queiras ! 

   

 

Pasámolo de medo no Samaín!

O martes 31 de outubro vivimos unha mañá terrorificamente divertida na escola.

Todas e todos fomos cos nosos disfraces dispostas e dispostos a desfrutar das actividades que nos tiñan preparadas as mestras.

Pola mañá o cole quedou a escuras e comezou a soar unha música arrepiante que indicaba que o Samaín daba comezo!

A decoración da escola, coma sempre, estivo xenial grazas ao traballo do equipo artístico da ANPA, moitísimas grazas! As súas decoracións xunto cos traballos feitos polos nenos e nenas do cole encheron a escola dun ambiente do máis festivo.

As profes e o profe Abel estaban que daba xenio velos, pero os que estaban espectaculares eran os alumnos e alumnas de Centieiras. Mirade, mirade:

 

 

Nas aulas houbo actividades do máis variado: desfiles de disfraces, lectura de contos de medo a escuras só coa luz das lanternas, manualidades, bailes, xogos...

 

 

Despois chegaba o momento do concurso O Peso Xusto! Por fin iamos saír de dúbidas e coñecer o peso da nosa cabaza xigante: nada máis e nada menos que 37,8 quilos! Melania, Marcos e Bruno foron os que máis se achegaron ao peso xusto e recibiron os seus diplomas de parte de Gatiza. Noraboa, tedes moi bo ollo!

Como fin de festa, tivemos música e baile. Pasámolo de medo movendo o esqueleto, menudo ritmo teñen estas rapazas e rapaces!

 

As cabazas do Samaín

Un ano máis quedamos abraiadas e abraiados coa vosa creatividade e as marabillosas cabazas que facedes para o Samaín! Son todas impresionantes! Moitas grazas pola vosa participación e noraboa polo fantástico traballo.

Os contos máis arrepiantes deste Samaín

Xa tedes aquí dispoñibles os contos máis estarrecedores e creativos esctritos por alumnado do CEIP Plurilingüe de Centieiras con motivo do certame de escritura do Samaín 2023. Todos eran xeniais, pero ata para Gatiza é imposible subilos todos á web, así que vos deixamos esta selección. Desfrutádeos!

 

Achégase o Samaín!

A festa máis terrorificamente divertida do ano xa está moi preto. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega preparou estes genial.ly con información, cancións e xogos sobre o Samaín. Esperamos que os desfrutedes!

 

A cabaza xigante do Samaín

A poucos días da celebración do Samaín apareceu en Centieiras unha cabaza xigante. De onde saiu, como chegou á escola e, o máis importante, canto pesa esta cabaza? É todo un misterio! Seredes capaces de acertar o peso xusto da cabaza xigante de Samaín?

Participade no concurso O Peso Xusto escribindo nos papeis que atoparedes na entrada o voso nome, o curso e o peso que estimedes correcto. O día do Samaín sairemos de dúbidas e comprobaremos se alguén acertou o peso xusto da cabaza xigante do Samaín.

Sugar Skulls

O alumnado de 5º e 6º de primaria estivo traballando arreo en Arts para crear estes collages inspirados nas caveiras de azucre que fan en México para celebrar o Día dos Mortos. Ademais, practicaron inglés e aprenderon sobre esta tradición.

Agora estes traballos tan coloridos e alegres decoran a entrada do centro. Quedaron ben vistosos! Good work!


 

Grupos interactivos 5º e 6º. Hoxe xogamos...

Este curso estreamos no terceiro ciclo a proposta de grupos interactivos que no noso centro xa se viña facendo noutros ciclos. Desfrutamos dunha xornada de xogos de mesa en grupos formados por nenos e nenas de 5º e 6º e un familiar que voluntariamente achegouse ao centro a participar con nós nesta nova andaina. Temos que agradecer ás familias a súa disposición, paciencia e entrega nesta actividade. O resultado vese nas fotos e algunhas das primeiras impresións das familias xa as temos.

"Encantada de xogar con estes nenos e nenas e DE APRENDER CON ELES." Lucía Souto

"Encantado de xogar todos xuntos e pasar un ratiño tan divertido. Desexando volver!" Diego Maceiras 

"Momentos bonitos e divertidos." Isabel Cortizas 

"Encantoume pasar este bo rato con todos estes "pequenos artistas". Ata a próxima!" Silvia Delgado 

"Encantada de vir e de que teñades iniciativas tan chulas que compartir. Grazas!" Paula de Santiago 

 

DÍA DAS ESCRITORAS

Hoxe en 1º e 2º de Educación Primaria conmemoramos o Día das Escritoras. Para celebralo limos sinopses e partes de diferentes contos infantís escritos por mulleres: Corre corre cabaciña, A casa da mosca chosca, Fina a pirata ou Escarlatina a cociñeira defunta foron algúns dos elixidos. A partir das lecturas, os nenos e nenas debían tratar adiviñar cal era a portada de dito conto e así tamén coñecer á autora. Unha vez feito isto, levaban o robot DOC ata ela.

Visibilizamos e coñecimos así a labor de escritoras galegas.

Día das Escritoras

Hoxe, luns 16 de outubro, conmemoramos o Día das Escritoras. Esta data vense conmemorando dende outubro do 2016  para recuperar o legado das mulleres escritoras, facer visible o traballo das mulleres na literatura e combater a discriminación que sufriron ao longo da historia. Este luns traballamos  o poema de Gloria Fuertes "Poema al No". Pasamos o poema ao galego, o escribimos entre todos e todas e fixemos un pequeño mural para decorar a porta da nosa aula.

 

 

 

Gatiza volve ao cole polo Samaín!

Ola, rapazas e rapaces de Centieiras! Xa estamos en outubro e este mes celébrase unha das miñas festas favoritas, o Samaín! Celebrarémolo na escola o día 31 de outubro e, para iso, poderedes vir disfradas e disfrazados ese día ao cole e poderedes traer as vosas cabazas decoradas desde o día anterior, o luns 30 de outubro.

Ademais, aproveito para pedirvos que escribades contos de medo arrepiantes e fagades debuxos de terror para decorar a escola e crear un ambiente terrorificamente divertido!

Conto con vós!

 

INICIAMOS PEGADAS VERDES EN 1º E 2º

Nas aulas de 1º e 2º xa estamos a tope co noso proxecto documental integrado.

O pasado luns realizamos na biblioteca un xogo no que traballamos o impacto dos microplásticos no mar e nos diferentes seres vivos. Convertémonos en placton, sardiñas, bonitos, baleas, tartarugas e tamén en pescadores para aprender sobre a cadea trófica. Foi unha actividade moi visual coa que seguimos a concienciarnos sobre o uso de plásticos e a contaminación en xeral.

Seguimos traballando! 

 

Distribuir contido