Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

CAMIÑO Á FAMA 6ºA-6ºB

Ola rapazada, ola familias!

Aquí deixámosvos un novo vídeo da coreografía montada polo noso alumnado dentro da actividade... "CAMIÑO Á FAMA". Comezamos unha nova volta onde pasarán de novo tódolos grupos do colexio. Desta vez son, de xeito grupal, os dous cursos de sexto de primaria os encargados de iniciala. Desexámosvos que vos goste pois fixérono simplemente, XENIAL!

 

Gatiza quere aprender brincadeiras!

 

Xa vedes que Gatiza segue aprendendo galego. Agora quere que lle ensinedes brincadeiras, cancións para acompañar xogos, para saltar á corda ou á goma, ditos de botar a sortes, recitados ou rimas para xogar ás palmas ou a outros xogos de mans, así que necesita que escollades un deses ditos, rimas ou cancións e que gravedes un vídeo no que llo ensinedes. Só tedes que ter en conta o seguinte:

  1. No vídeo debedes falar en galego.
  2. Debe estar gravado en horizontal.
  3. Ten que ser curto, dun minuto como máximo.
  4. Debe escoitarse e entenderse o que dicides.
  5. Traédeo á escola gardado nunha memoria USB co voso nome. Tedes de prazo ata o día 17 de marzo.

Animádevos a brincar en galego con Gatiza!

8 de marzo: Miramos o mundo a través dos lentes violetas.

Hoxe, día 8 de marzo, conmemórase o Día da Muller e na escola fixemos unhas gafas violetas para que, a través dos seus lentes, poidamos ver un mundo no que existe unha igualdade real entre homes e mulleres. Isto é o que se pretende transmitir ao alumnado e no que se incide nas nosas aulas cada día e tamén o que se fomenta coas actividades organizadas desde o programa IguálaT.

  

As rapazas e rapaces de quinto e sexto de primaria fixeron debuxos e traballos sobre esta data e hoxe, durante o acto conmemorativo, as nenas e nenos de sexto leron os seus traballos para todas e todos os que formamos parte da escola.

Miremos sempre o mundo a través dos lentes violetas!

O alumnado de terceiro ciclo asiste á obra What Monster!

O alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída para ver unha obra de teatro en inglés. Foi moi divertida e as nosas rapazas e rapaces demostraron as súas dotes como actrices e actores e o seu dominio da lingua inglesa. Look!

 

 

 

CAMIÑO Á FAMA 4ºEI

Ola rapazada, ola familias!

Desta vez ensinámosvos o baile desenvolvido o venres pasado por parte do alumnado de 4º de educación infantil, os máis pequerrechos/as do colexio, polo que se cabe cobra todavía máis mérito. Estiveron algo tímidos pero dentro da súa lóxica fixérono XENIAL!!! Interpretaron a canción titulada... "O pitiño amareliño".

Aí vos vai!

 

VISITA DE ANDREA MACEIRAS

VISITA DE ANDREA MACEIRAS 

O pasado 28 de febreiro veu ao cole Andrea Maceiras autora do libro "Alma de elefante" que limos o alumnado de 3º e 4º EP.

Antes de comezar  fixémoslle entrega dun pequeno agasallo preparado por todos nós: un elefante de "fieltro" e un libro cun pequeno texto e debuxos feitos por nós sobre o libro.

                                                          

Logo pasou a explicarnos as "orixes" do libro cunha presentación dinámica: a historia naceu a partir dunha viaxe que ela fixo por Asia e está dedicada ao neno ou á nena que perdeu un debuxo e que ela atopou preto de Banteay Srei (templo de Angkor, en Camboia). Cando o visitou había un grupo de nenos e nenas correndo polos arredores, alí foi onde atopou unha pequena folla cun debuxo no que aparecía a imaxe do que ela estaba a ver dende o mirador.

                                 

Despois da explicación pediunos que pecharamos os ollos, que  nos relaxaramos e nos viramos sendo auga, terra, aire ou pedra... Unha vez relaxados, leunos con voz mainiña un relato da velliña Champey no que nos pedía que imaxinaramos de que animal tiñamos a nosa alma, coma Suy que tiña alma de bolboreta e Lawen que tiña alma de elefante.

Conseguiu a nosa relaxación e, pouco a pouco, cada un de nós foi dicindo de que animal era a nosa alma: peixe laranxa, puma, serpe... Non vos podedes imaxinar a cantidade de animais que eran as nosas almas!!!

                                 

Respondeu a todas as nosas preguntas e escoitou moi atenta as interpretacións que iamos facendo sobre uen pensabamos que eran Suy e Lawen partindo do debux da cuberta do libro.

Para rematar  asinou os nosos libros facéndoos únicos co noso nome e o da alma do animal que cada un de nós imaxinou.

            

             

 Sóubonos a pouco o tempo que estivemos con ela.

Grazas Andrea Maceiras por compartir con nós un anaquiño do teu tempo.

       

 

Crónicas de Centieiras - Febreiro 2023

Xa temos o seguinte episodio do programa que facemos grazas ós compañeiros e compañeiras de Radio Fene. O alumnado de 6ºA xunto co alumnado de 5ºEI foron onte á radio e aquí tedes o resultado. Podedes escoitalo facendo click no arquivo adxunto!

DIA DE ROSALIA

Celebramos o día de Rosalía cun fotomosaico, creando a imaxe de Rosalía a partir de cada un/unha de nós.

E ademáis, saimos ás prazas do noso Concello para recitar poemas.

O ENTROIDO DE CENTIEIRAS!!!

Ola rapazada, ola familias!

Un ano máis volta o Entroido ao noso colexio e como non somos de pouca troula... festexámolo a tope!!!

Por aquí deixámosvos un extracto de como fomos disfrazados todos e todas, alumnado e profesorado. Cada ciclo ou cada curso foron do que lles pareceu oportuno, pero todos cunha temática que estamos a traballar no centro este ano, O XOGO. Así atopámonos con MARIO BROS, pezas de LEGO, roles de ELFOS, do xogo de CLUEDO... Despois de facer un pasarrúas ata a Praza do Concello e vir de volta cantando unhas regueifas elaboradas polo alumnado, foi a quenda das merendas nas aulas cos doces típicos do Entroido para posteriormente, desfrutar dun recreo amplo ata a hora de irse para a casiña a desfrutar das vacacións. Picade na imaxe para visualizalas fotos e o vídeo máis abaixo.

Ata a vindeira entroidada!!!

 

 

Día internacional do cancro infantil

Dende Centieiras, queremos lembrarnos dos nenos e nenas que teñen un desafío maior por diante. Por iso hoxe paramos as clases e reunímonos cos nosos panos da cabeza. 

CAMIÑO Á FAMA 5º EI

Ola rapazada, ola familias!

Desta vez é o grupo de 5º de educación infantil os encargados de deleitarnos con esta coreografía tan marabillosa. Para elo empregaron a canción chamada... "O baile da formiga". Puro espectáculo!!! PARABÉNS a todos e todas, ao igual que a súa mestra polo traballo previo realizado.

 

Autorización 2 maio 2023 como día non lectivo

A Xefatura Territorial da Coruña resolveu autorizar como día non lectivo o martes 2 de maio de 2023, polo que este día non haberá clase nin actividades extraescolares. 

Chega o Entroido!

O Entroido está moi preto,

así que pon atención

a todos estes mandados

pola Bruxa Encarnación:

LUNS 13:

O luns, para comezar,

a cabeza engalanada

teremos que levar.

 

MARTES 14:

Martes, con alegría,

en mandil todo o día!

 

MÉRCORES 15:

O mércores é un día moi especial

polo que todos xuntos temos que loitar,

apoiando aos nosos compañeiros

un pano na cabeza todos levaremos.

 

XOVES 16:

O xoves o mandado estará cumprido

cun pixama ben atrevido.

 

VENRES 17:

O venres chegou a festa:

Ao Concello cantando regueifas!

Mentres xogamos, aprendemos,

os nosos disfraces dan proba delo.

CAMIÑO Á FAMA 6 EI

Ola rapazada e familias!

Hoxe presentámosvos a coreografía realizada o venres pasado polo alumnado de sexto de educación infantil versionando o tema de "FAME" de Uxía Lambona e a Banda Molona. Puro espectáculo!!!

Ata a vindeira coreografía...

 

Día da Paz

O 30 de xaneiro celebramos o Día da Paz. Para iso, cociñamos a mellor sopa do mundo para a paz de Centieiras. Por grupos cooperativos, levando a cabo a dinámica de lapis ao centro, preparamos as receitas para botar na pota e así cociñar unha sopa chea de agarimo, axuda e respecto.

 

Distribuir contido