Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Comezamos o trimestre xogando: grupos interactivos de xaneiro en 5º e 6º

O 16 de xaneiro desfrutamos na biblioteca dunha nova xornada de grupos interactivos coas familias de quinto e sexto. Moitas grazas a Ana, Mariana, Marta, Paula e Rebeca por vir xogar connosco!

 

CROS XOGADE NARÓN 2023!!!

Ola, rapazada e familias!

Aquí vos deixamos unhas fotos da xornada de CROS levada a cabo este mércores 20 de decembro de 2023 nas pistas de atletismo de Río Seco (Narón).

Unha morea de alumnos/as de diferentes centros educativos da contorna, desfrutamos dunha xornada de deporte ao aire libre onde cada un tratou de facelo o millor posible. Uns/has acadaron o seu obxectivo, outros/as andiveron preto, pero o máis importante é que todos/as fixérono xenial e vivenciaron unha xornada de socialización con outros compañeiros/as dos diferentes colexios. O importante non era a victoria, senón participar, polo que síntome moi ledo por elo. Aínda así, houbo xente que acadou o podium. Parabéns para todos/as por querer participar e polo traballo feito.

Desexo que vos gostara e esperamos voltar e repetir nun futuro destas xornadas.

Apertas varias e felices festas!!!

  

      

Mercado de Nadal de 6º EP

 

Alumnado e familias de sexto están a preparar un mercado de Nadal para vender xogos, xoguetes e libros de segunda man.

O mercado será este xoves, día 21 de decembro, de 12:30 a 13:45 no ximnasio do colexio.

Esta actividade, ademais de ser un xeito de recadar fondos para financiar a excursión de fin de curso, tamén se enmarca no PDI do centro, xa que pretende concienciar da necesidade de dar unha segunda vida ás cousas e de consumir de forma responsable.

O alumnado de sexto preparou carteis para anunciar o mercado e foron polas aulas para informar a todas e todos desta actividade.

 

Gatiza felicítavos polo voso esforzo e creatividade!

Gatiza quere darvos a noraboa polo voso gran esforzo e a creatividade que amosades cos fantásticos xogos e xoguetes que fixestes con materiais de refugallo. Son todos marabillosos e orixinais!

 

Noraboa, nenos e nenas de Centieiras, non deixades de abraiar a Gatiza!

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL

Deixámosvos unhas propostas de lectura para este Nadal. 

Agardamos sexan do voso interese e que gocedes con elas.  

gO equipo de biblioteca.

Lily explícanos as tradicións de Nadal da súa familia e canta e toca panxoliñas en inglés para nós

Lily explicounos hoxe en 5º e 6º de primaria as tradicións da súa familia para celebrar o Nadal: que celebran, que cean e comen, que fan cada día...

Para rematar, cantou e tocou panxoliñas en inglés coa mandolina e fíxoo de marabilla! Que sorte temos de contar contigo, Lily, moitas grazas! Thank you very much, Lily!

The Starry Night at Christmas

 

En 3º ciclo, na materia de Arts, estivemos traballando sobre Vincent Van Gogh e a súa obra The Starry Night. Despois, o alumnado creou a súa propia versión do cadro, pero substituíndo o ciprés da obra orixinal por unha árbore de Nadal. Quedáronlles preciosos, mirade que obras de arte decoran a planta baixa da escola.

 

 

TALLER DE PRIMEIROS AUXILIOS

Bo día, familias e alumnado!

O pasado martes, 12 de decembro de 2023, levamos a cabo unha actividade de primeiros auxilios e RCP básica (Reanimación Cardiopulmonar) para 5º de educación primaria. Un taller teórico-práctico moi interesante e que todo o mundo deberiamos de estar mínimamente preparados, pois estamos a falar de poder salvar unha vida nalgún momento. Esta actividade está directamente relacionada coas áreas de educación física e ciencias naturais, ao igual que englobada dentro do programa educativo de EduSáude.

Participou o alumnado de 5º, grazas á intervención de tres profesionais (enfermeiras residentes coa especialidade de Enfermaría Comunitaria). Desenvolveuse unha parte teórica cunha interacción co alumnado para posteriormente, en grupos, facer o taller práćtico. Abordáronse diferentes aspectos tales como: primeira forma de actuación ante unha situación dunha persoa inconsciente tirada no chan - PAS (protexer, alertar e socorrer), chamada ao 112, PLS (posición lateral de seguridade), como actuar ante un atragantamento e finalmente, como se faría unha RCP. Aprendemos moitas cousas para poder salvar VIDAS!!!

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Os día 24 e 27 de novembro realizamos actividades para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER. 

Como vimos facendo dende hai uns anos colaboramos coa FANPA Ferrolterra en diversas actividades, nesta ocasión participamos nas V Xornadas escolares de Ferrolterra pola eliminación da violencia de xénero, baixo o título O SOS SILENCIOSO.

Tamén participamos na 11ª andaina contra a violencia de xénero dentro da campaña CAMIÑO AO RESPECTO, impulsada pola Xunta de Galicia.

Nesta conmemoración, como en moitas das que facemos no centro, a ANPA colaborou facendo decoración para a mesma.

CRÓNICAS DE CENTIEIRAS DO MES DE NOVEMBRO

O pasado xoves día 30 de novembro o alumnado de 5º de EI, 2º de EP e de 5º de EP acudiu a radio Fene a gravar o primeiro programa de radio, "Crónicas de Centieiras", do curso. 

Nesta edición o alumnado de 5º fai un percorrido por todas as actividades que realizamos na escola dende setembro, os nenos e nenas de 2º recitan unha recompilación de ditos e adiviñas de outono e por último o alumnado de 5º de EI cantan o "Rap do Magosto". 

Si premedes AQUÍ, poderedes escoitar o programa ao completo!  

Agardamos vos guste!

 

Gatiza necesita a vosa axuda polo Nadal!

O Nadal está á volta da esquina e Gatiza conta con vós e coa vosa creatividade para que fagades na casa un xoguete ou xogo con materiais de refugallo. Algún exemplo poder ser un coche cunha botella de plástico, unha casa de bonecos cunha caixa de cartón, un xogo de birlos con latas de refresco, un peón cun CD, etc. O que a cada un ou cada unha se lle ocorra.

Podedes traer os vosos xoguetes e xogos feitos con refugallos á escola durante toda a semana próxima, desde o día 11 ata o día 15 de decembro e faremos unha exposición na entrada do centro con todos eles.

Esta actividade enmárcase no noso PDI "Pegadas Verdes", pois trátase de concienciar da necesidade de reciclar e reutilizar, así como de ter un consumo responsable.

Moitas grazas unha vez máis pola vosa colaboración!

 

MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

Este mes de Novembro foi o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas polo que nos momentos semanais de biblio tivemos preparadas diferentes propostas concretas relacionadas con esta temática para que os nenos e nenas puideran realizar: coloreado de diferentes plantillas científicas que unha vez escaneadas coa tablet cobraban vida, empregando para isto a realidade aumentada, creación de chapas co nome do noso proxecto de centro, retos de construción diversos e tamén a posibilidade de empregar as nosas gafas de realidade virtual onde nos mergullamos no fondo do océano para ollar diferentes especies mariñas entre outras cousas.

 

 

 

ADORNOS DE NADAL

O pasado mes de novembro propuxéronnos desde o Concello prearar uns adornos de Nadal para decorar a vila durante estas festas. Para iso, o alumnado de Educación Infantil e o 1º ciclo de Primaria puxémonos mans á obra e elaboramos diferentes adornos con materiais de refugallo.

Unha vez os tivemos rematados as nenas e nenos de 5º de Educación Infantil e 2º de Educación Primaria acudiron ao Concello para entregalos e que puidesen colocalos xunto co resto da decoración de Nadal que vai adornar Fene durante as próximas semanas.

Agardamos que vos gusten!

Xogamos coas familias de 5º e 6º

 

Hoxe pola mañá desfrutamos dunha nova xornada de xogos coas familias voluntarias do alumnado de 5º e 6º, que quixeron colaborar e compartir con nós un anaco ben divertido.

 

Este curso comezamos en 5º e 6º cos grupos interactivos, unha forma de organización da aula que une aprendizaxe e convivencia. Os grupos interactivos caracterízanse por multiplicar e diversificar as interaccións que teñen lugar na aula e por ser un tipo de organización inclusora do alumnado, na que se conta coa axuda de máis persoas adultas que dinamizan as actividades de aprendizaxe, ademais das mestras dos grupos-clase.

 

Por outra banda, nestas actividades empregamos tamén a metodoloxía ABX (Aprendizaxe Baseada en Xogos), que consiste no emprego dos xogos de mesa como recurso ou ferramenta educativa para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe.

 

O xogo é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento global do ser humano, especialmente desde a infancia, e os xogos de mesa supoñen un xeito atractivo e divertido de achegar o alumnado á adquisición e afianzamento das competencias e dos contidos curriculares. Trátase dunha metodoloxía activa que ofrece unha experiencia educativa significativa, acorde ás necesidades do alumnado e que ten en conta os seus intereses e motivacións.

 

Polo de agora, con esta segunda xornada de xogos coas familias podemos asegurar que se trata de todo un éxito, tanto para os rapaces e rapazas, que xa están desexando repetir e avalían a actividade de forma moi positiva, para as mestras, posto que vemos ao alumnado e ás familias participar e desfrutar xuntos e para as familias, que ademais das valoracións que nos fan de xeito oral, déixannos tamén reflexións por escrito tan fermosas coma as seguintes:

 

Rebeca: Divertido. Competitividad sana. Muchas risas. Un gusto compatirlo, como siempre.

 

Mari: Gracias por invitarme a esta jornada tan divertida, se me pasó el tiempo volando. Si tengo que hacer una valoración a los/as alumnos/as sería muy positiva porque todos/as respetaron las normas, no tuvieron conflictos y fueron muy divertidos/as. Si pudiera, estaría de vuelta mañana. ¡Gracias!

 

Moitas grazas a vós, Rebeca, Mari, Marta, Juana e Cora, foi un pracer contar con vós para esta actividade.

 

 

 

Distribuir contido