blogue deAna Cabaleiro

PROXECTO CORPO HUMANO

 

Durante este primeiro trimestre en 4º estivemos realizando un proxecto sobre O Corpo Humano. Tras realizar varias actividades de búsqueda de información, vídeos, montamos un esquelete cos ósos, músculos, traballamos os diferentes aparellos e rematamos traballando por equipos ou parellas sobre os Sentidos. O resultado foi moi positivo e ao rematar quixeron expoñer en diferentes aulas o aprendido.

 

Este é o produto final dos traballos nas aulas, esperamos que vos guste.

 

Por outra banda algúns dos nenos e nenas quixeron gravar de forma voluntaria estes pequenos vídeos para publicar. Parabéns a todos e todas porque o facedes xenial!

 

Á volta do Nadal, iremos á radio a gravar as curiosidades aprendidas neste proxecto. Pero agora é tempo de descansar e gozar da familia e amigos.

 

FELICES FESTAS A TODXS E BO NADAL!

 

PROXECTO PREHISTORIA E CIVILIZACIÓNS

Derradeiro proxecto sobre a Prehistoria e as diferentes civilizacións. En equipos de tres escolleron traballar as diferentes civilizacións antigas; Exipo, Roma, Grecia, Celta, Mesopotamia e Mesoamericana. Como sempre foron indagando cos libros da biblioteca, lecturas, vídeos, buscando en internet...

Por outra banda en 4ºA fixeron un xogo da oca, escollendo eles as imaxes e elaborando as preguntas do xogo.

Na área de Arts and Crafts realizamos pinturas rupestres e traballamos con arxila, fixeron Venus e colgantes con símbolos celtas.

Para pechar este proxecto, visitamos o castro máis grande de Galicia, San Cibrao de Lás, alí visitamos o museo e afianzamos todos os contidos da aula.

Este martes 20, recibimos a visita do alumnado de 1ºESO do IES JOHAN CARBALLEIRA, onde pasamos unha sesión moi dinámica e educativa coas dúas clases. Xogaron á oca e foron escoitando os diferentes traballos. 

Dá gusto ver a soltura que teñen expoñendo e ver todo o que foron aprendendo. Agora toca descansar e desconectar do curso, feliz verán a todxs!

Este é un resumo dos diferentes proxectos.

VISITA DE AUTORAS "PÁNICO EN EL COLE"

Onte, 24 de maio tivemos a visita das autoras Ana e Lucía Riveiro Mouzo do libro "Pánico en el Cole".

Un libro moi orixinal e divertido con diferentes aventuras, sendo ti o protagonista, xa que vas decidindo dentro das opcións ata chegar aos distintos finais. 

Ana e Lucía contaron como naceu o seu primeiro libro e foron contestando a todas as curiosidades do alumnado.

Para rematar estiveron vendo os traballos realizados na aula sobre o libro e firmaron todos os exemplares.

 

 

 

 

Moitas grazas pola visita chicas, foi un verdadeiro pracer coñecervos! 

O MAIO NA ALDEA DE MEIRO AFAMO

 

 Este martes 25 recibimos a grata visita de Martina e de Xavier Blanco, ambos membros da Asociación de Familiares de Persoas Afectadas de Alzheimer do Morrazo (AFAMO). Nos estiveron contando un pouquiño a súa labor tan importante que realizan coas persoas maiores para mellorar a súa calidade de vida e dos seus familiares.

Tamén falamos dos Maios, a importancia de recuperar unha tradición ancestral e os tipos de Maios que hai. Despois entre todos fixemos a letra do noso Maio para cantar ao día seguinte na casa da Aldea de Meiro.

Unha vez alí, todo foi diversión. Pasamos unha mañá moi divertida e moi educativa, ollade no vídeo o ben que o pasamos.

MIL GRAZAS POLA INVITACIÓN, FOI UNHA ACTIVIDADE FANTÁSTICA!!!

 

SEGUNDA ROLDA DE COCIÑA 4ºB

 

Foi tanto o éxito de cociña que todxs me pediron repetir, así que imos coa segunda rolda! Dá gusto como se organizan, e por suposto quixeron que fixera vídeo! 

Ollade que ben o pasamos e que ben arrecende todo o noso cole! 

 

PROXECTO EUROPA 4ºB

 

Derradeiro proxecto do trimestre, EUROPA. Na asamblea que facemos ao inicio de cada trimestre decidiron dentro dos temas planteados indagar sobre os países de Europa. 

Tras facer as parellas, fixemos por sorteo os países.

Como sempre empezamos coa pregunta QUE QUEREMOS SABER DE...? 

 Votamos como querían facer este proxecto e saíu outra presentación dixital. 

Calcaron o mapa de Europa, puxeron os países e quixeron facer as bandeiras, moitos sabían todas!! A modo de xogo ían colocando no mapa os países coa súa bandeira. 

Encantoume este proxecto porque integramos todas as áreas, incluidas as matemáticas. Xa que para viaxar tiñan 2.000€ de presuposto para gastar nunha semana de vacacións ao seu país. Tiveron que facer contas seguido, reservar as entradas dos museos, sacar os tickets dos parques de atraccións, ver onde comían, encher o depósito do coche... e incluso trouxeron agasallos para os seus familiares!! 

Tiveron que sacar o billete de avión, buscar hotel, ver como se trasladaban aos lugares e a gran maioría alugaron un coche, outros empregaron o metro...

Buscaron os quilómetros que había entre o seu hotel e os lugares a visitar. Indagaron sobre os monumentos que visitaban, sobre a economía do país, fauna, historia, personaxes famosos, montañas, ríos... 

 Outra idea que xurdíu foi utilizar o Croma da biblioteca para poñer os lugares que ían visitando, con tan mala sorte que rompeu e moitos quedaron sen a foto, síntoo chicxs! Gabri e Martín foron os primeiros e os que máis o aproveitaron. Ollade o vídeo!

 

 

Aquí tendes algunhas das presentacións que fixeron, gran traballo rapaces e rapazas! PARABÉNS!

 

A POESÍA "NO XARDÍN DO POETA" 4º

 

Este trimestre estivemos lendo na aula "NO XARDÍN DO POETA", libro de Antonio García Teijeiro.

Por equipos escolleron dous poemas e fixeron as ilustracións para posteriormente ir recitalos á radio.

Mirade o resultado, parabéns a todxs!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A ENERXÍA 4ºB

A ENERXÍA

Este trimestre escolleron indagar sobre a enerxía, que é, tipos, propiedades, utilidades... Tamén decidiron facer unha presentación dixital por parellas. 

Neste proxecto traballamos moito as técnicas de estudo, xa que elaboraron os seus propios esquemas e recolleron a información máis relevante. Traballando así a importancia de aprender a aprender.

A estas alturas xa teñen moita soltura tanto na elaboración das súas presentacións coma nas exposicións orais. A vindeira semana irán expoñer polas outras aulas.

PARABÉNS A TODXS!

 

ENTROIDO NO CEIP P. A PEDRA 2023

 

E por fin chegou o día!

Despois de facer os traxes nas aulas e cantar a canción de Falemos Galego, este venres 17 fixemos un pequeno percorrido ata o noso centro de infantil. As nosas compañeiras tiñan todo moi ben organizado e puidemos gozar dun pequeno desfile de todas as clases, finalizando coa actuación OS MULOS, tocaron varias cancións e entre elas Falemos Galego.

Ao rematar volvemos ás aulas, onde puidemos degustar dos produtos de entroido, grazas familias!

Agora toca descansar, bo entroido a todxs! 

Ollade neste pequeno vídeo que ben o pasamos!

 

 

 

A RECEITA

 

Este trimestre seguimos co texto instrutivo, no anterior fixemos o xogo e agora toca a receita. 

Despois de realizar na clase en equipos cooperativos varias receitas, chegou a quenda de cociñar. Como sempre, aprender facendo é o máis divertido e motivador!

Ollade que ben o fixeron! Moi bo traballo en equipo, cracks!!! ;)

 

 

Distribuir contido