Skip to Content

Complementarias

Coñecemos a natureza e 'droneamos" co programa Divulgaciencia

Máis fotografías neste álbum

O Programa Divulgaciencia segue a dar pasos mentres o profesorado e o alumnado continúan a traballar nos proxectos que exporán na I Feira da Ciencia, que se vai desenvolver o vindeiro 5 de maio na Alameda de Talo Río. Ata entón, aínda haberá novas actividades para proxectar fóra das aulas coñecementos que se traballan no centro e viceversa.

☝️ Esta semana o alumnado de 1º ESO participou nos obradoiros "Investigando a natureza", que consistiron en aprender o que conleva poñer en marcha unha investigación seguindo o método científico realizando ensaios e probas de laboratorio con tubos de ensaio ou cromotografías de mostras recollidas en aula.

☝️ Pola súa banda, os alumnos e alumnas de 3º ESO achegáronse ao mundo dos drons con "Droneando". Así, traballaron diferentes aspectos de aerodinámica e crearon un dron a partir de elementos predefinidos para poñer a proba as habilidades de pilotaxe.

Este programa municipal conta co financiamento da FECYT, a Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía. 

'Flores de ferro', unha novela de María Rei Vilas para estrear o Clube de Lectura en Galego

Comprácenos anunciar a posta en marcha do "Clube de lectura en galego para persoas adultas". E para estrear esta nova proposta do instituto contaremos coa presenza da autora da primeira lectura escollida, a novela Flores de ferro (Premio García Barros 2020), de María Rei Vilas.

O encontro terá lugar o venres 22 de abril ás 19h no Centro Municipal de Maiores de Talo Río, coincidindo coa I Feira do Libro de Soutomaior. 

Para participar e recoller o voso exemplar no instituto, tedes que enviar un correo a landin@edu.xunta.gal. O Clube está aberto ás familias, ao ex-alumnado e á veciñanza de Soutomaior en xeral.

Coloquio sobre 'Flor de area' con Manuel Lourenzo González

Esta mañá o alumnado de 3º e 4º ESO e de 1º de Bacharelato dos clubes de lectura do instituto mantiveron un encontro con Manuel Lourenzo González, autor de Flor de area, novela que leron nas últimas semanas. 

Os rapaces e rapazas estiveron moi atentos e participativos e interesáronse tanto por diferentes aspectos da obra, como o labor de documentación necesario para plasmar o contexto cultural e social da historia (a cultura árabe, o Irak...) como por cuestións máis xerais da creación literaria. 

O noso convidado foi moi ameno e próximo, aprendemos moito con el e quedamos moi agradecidas e agradecidos pola súa visita.

Ti Decides! Programa de Intervención Socioeducativa Xuvenil

Nesta última semana o alumnado de 1º e 2º da ESO rematou unha nova quenda de charlas formativas sobre habilidades sociais e sexualidade enmarcadas no programa de intervención socioeducativa xuvenil Ti Decides!, que organizan as concellarías de Educación, Xuventude e a OMIX de Soutomaior dende hai anos en colaboración cos centros educativos do municipio tras analizar a comezos de curso as problemáticas e necesidades detectadas entre o alumnado en áreas tan sensibles como a seguridade sexual, a educación para a diversidade, o consumo de drogas ou o desenvolvemento persoal.

Este xoves visitou o centro a  concelleira de  Xuventude, Noelia Ocampo, para facer o seguimento das charlas que as expertas e especialistas de Amaina, Asociación para a Promoción da Saúde, imparten para uns mozos e mozas que demostran coas súas continuas preguntas e reflexións a necesidade deste tipo de intervencións que procuran derrubar os tabús que aínda envolven o sexo e a afectividade e unha formación responsable e consciente da sexualidade, vivida sen medos e en igualdade desde a tolerancia e o repecto.

Nesta vindeira semana terá continuidade en 1º e 3º ESO o Programa Divulgaciencia, que se estenderá a outros niveis á volta das vacacións xunto con novos obradoiros Ti Decides! centrados na prevención dos riscos das novas tecnoloxías e das drogas, na educación sexualidade, na orientación profesional e aínda máis actividades centradas no coñecemento da nosa contorna ambiental e na divulgación científica.

Xuntanzas dos clubes de lectura

A actividade dos clubes de lectura do instituto non cesa e nas últimas semanas foron varias as lcturas que o alumnado participante gozou e partillou de maneira amena e creativa. Este foi o caso do cómic Y entonces nos perdimos, de Ryan Andrews, que reuniu o alumnado de 1º ESO.
 
As impresións sobre a historia e os temas abordados, a valoración das pasaxes máis emocionantes e dos personaxes máis interesantes, como o oso pescador, Madame Majestic, Nate e Ben, deixaron paso á creatividade. E así foron os mesmos alumnos e alumnas quen se converteron en guionistas e reinterpretaron a obra coas súas ideas, co lapis e as cores.
 
 
Velaquí tedes unha pequena mostra do resultado. Están feitos uns artistazos e grandes lectores e lectoras.

Isaac Xubín, unha nación nómade

…necesito seguir mordendo en linguas alleas
para perder a capacidade de falar correctamente
a que eu decidín que fose miña...
 

Cómprenos a todos e a todas miradas e xeitos de estar no mundo que nin sequera imaxinamos.

Ese foi o ollar que onte partillou con nós Isaac Xubín, poeta, narrador, tradutor que teceu o relato autobiográfico Son o fillo do fillo do rei de Grecia para o alumnado do Obradoiro de Habilidades Comunicativas de 1º de Bacharelato.

A ollada dunha "nación andante" cunha identidade que se vai construíndo e mutando ante cada encrucillada, na que saen ao encontro Homero, Rosalía, Brendan Behan, Méndez Ferrín, Chus Pato e Kirmen Uribe; onde se mesturan o galego, o euskara, o castelán, o gaélico, o inglés, o catalán...; de Sheffield a  Bilbo pasando pola Coruña, Pontevedra, Gasteiz ou Cork, e sempre o Xubín das raíces familiares; entre os sabores da cociña popular que remite ás nais e ás avoas...

A ollada inconformista, unha vontade nómade que, coma o xogador de rugby, non fica quieta cando se recibe a pelota e dá un pase atrás para avanzar sempre.    

…pero non teño terra de meu,
por iso insisto en ser completamente penetrable…

I Concurso de esopías IES de Soutomaior

 

O pasado luns día 21 de marzo fíxose entrega dos premios ao alumnado gañador do I Concurso de esopías do IES de Soutomaior. O xurado, formado por Manuel José Fariña (Departamento de Lingua Galega), Orlando Molares (Departamento de Lingua Castelá) e Sandra Santos (Departamento de Matemáticas), resolveron premiar a:

- Ethan Rodríguez Novás, de 2ºESO A (galego)

- Iman Ahmed Elgaid Saleh, de 2ºESO C (castelán)

- Hanae El Gad El Arfaoui, de 2ºESO C (castelán)

- Safae El Gad El Arfaoui, de 2ºESO C (castelán)

- Anxo Muíños Seoane, de 3ºESO A (galego)

- Xiana Vidal Rubianes, de 3ºESO A (galego)

Noraboa ao alumnado premiado e participante nesta 1ª edición!

Revitalizámonos un curso máis

Galería de imaxes

Esta pasado martes 23 de marzo pechouse un novo ciclo de obradoiros e charlas de formación con Antón e Nuria, de Teixugo Scoop, que deron a coñecer as aplicacións do compost entre o alumnado de Ciencias da Terra de 2º BACH e o alumnado de Ciencias Aplicadas ás Actividades Profesionais de 4º ESO. 

Esta actividade desenvólvese no marco do Programa Revitaliza que ofrece a Deputación de Pontevedra aos centros escolares para concienciar a comunidade educativa da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación dos residuos orgánicos domésticos, procurar o compromiso persoal ante a súa redución e co uso dos composteiros comunitarios e individuais e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Estes obxectivos acompáñanse, ademais, das actuacións do alumnado nos terreos do centro e na súa contorna, pois da man do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía contamos cun composteiro comunitario, de horta, de xardín e de diversas plantacións de árbores dentro e fóra do recinto.

Revitaliza tamén chegou neste 2º trimestre ao alumnado de 1º de Bach. (22 de febreiro) e 1º ESO (17 de marzo) cos obradoiros "Quen vive aí (identificación de invertebrados)" e de 4º ESO (18 de marzo) coa actividade "Intrusos no composteiro (microplásticos)" no que é xa un dos programas formativos máis veteranos do noso instituto. 

O equipo de debate estará na final do Parlamento Xove

Máis imaxes neste álbum fotográfico

Non era a primeira vez que o IES de Soutomaior participaba no Parlamento Xove pero si que foi a estrea nun torneo de debate para Marta, Sonia, Victoria e Brais, que acadaron o 4º posto tras gañar os tres debates da Fase Clasificatoria da categoría de Bacharelato.

Nesta XIII edición do concurso organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado participaron 24 equipos e 96 alumnos e alumnas de 19 centros educativos de toda Galicia. Durante a xornada do sábado, o alumnado tivo que poñer en práctica a súa capacidade dialéctica e as súas habilidades comunicativas sobre un tema que viñeron investigando de forma intensa durante as semanas previas: Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente? Nesta tarefa de documentación contaron coa colaboración da súa compañeira Rebeca e ocupou moitas horas das tardes e as fins de semana para completar as sesións da materia Obradoiro de Habilidades Comunicativas.

Hai que destacar tamén a grande progresión que o equipo demostrou ao longo da xornada de debates, na que aplicaron as ensinanzas dadas polos xurados e o exemplo do resto dos equipos, cos que compartiron unha fin de semana de convivencia e aprendizaxe.

Debemos agradecer tamén a formación previa impartida por Diego Gómez e a axuda prestada polo  persoal da Dirección Xeral, que fixo que a organización do torneo no Centro Residencial Docente de Culleredo fose perfecta. A fase final celebrarase en maio no Parlamento de Galicia e nela participarán 8 equipos dos IES Ramón Puga, Sánchez Cantón, Nosa Señora dos Ollos Grandes e os colexios La Salle, Peñaredonda e Mariano. 

Ciclo de charlas do Proxecto Relevo 2. Mocidade Abordo

O venres 4 de marzo o alumnado de 4º ESO asistiu á derradeira charla do programa RELEVO2. A mocidade Abordo, promovido polo GALP (Grupo de Acción Local do sector pesqueiro) de Vigo co obxectivo de valorizar todos os tramos do proceso da pesca, marisqueo e acuicultura, e promover unha nova cultura medioambiental para posibilitar que os mozos e mozas poidan diversificar en función da súa creatividade, formación académica e espíritu emprendedor e poidan xerar novas e modernas actividades económicas.

Foron 6 sesións ao longo do primeiro (a primeira en decembro) e o segundo trimestre nas que, de xeito transversal, sempre estiveron presentes a sostibilidade e os modelos de crecemento sostible, e as políticas de igualdade de xénero.

Estas actividades foron organizadas polos Departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Economía. 

Distribuir contido


by Dr. Radut