Máis fotografías nesta Galería de Imaxes
Por segundo ano consecutivo, os cans Uma, Trufa, Goofy e Eco foron, xunto coas súas monitoras da Asociación Yaracán, os encargados de guiar o alumnado de 1º ESO nos obradoiros que tiveron lugar este pasado xoves 19 de decembro coa finalidade de mellorar as habilidades sociais dos máis novos coa axuda de cans. A iniciativa, enmarcada no programa xuvenil de intervención social nos centros educativos do Concello, procura a axuda dos animais para incidir na aceptación das diferenzas, a mellora da autoestima e potenciar a empatía.
Mediante sinxelos exercicios e xogos cos cans, os alumnos e as alumnas traballaron conceptos básicos para as relacións sociais como a paciencia, o traballo e a dedicación que conleva todo proceso de aprendizaxe ou como tolerar a frustración, por exemplo, para comunicarse cos cans.
O alumnado moveuse no terreo ao redor do can, buscando contacto e proximidade para ter un encontro relaxado. Tanto na entrada como na despedida fixéronse en silencio, empregando a linguaxe de signos previamente explicada, e en cada estación (guiada por cada un dos catro cans) se traballou un valor: a solidariedade, o traballo en equipo, o respecto e os seres únicos (para mellorar as diferenzas que nos fan únicas e especiais).
Con accións e xogos deste tipo, as profesionais de Yaracán procuraron que o alumnado empatizase cos cans e que, a través dese vínculo, puidese entender como sente. Deste modo, os mozos e as mozas de 1º ESO aprenderon como ir mellorando as súas relacións, creando actitudes e hábitos que favorecerán as súas relacións interpersoais durante toda a súa vida.