Skip to Content

Complementarias

Boix, o fotógrafo de Mauthausen, a memoria da barbarie nazi

Da man dos Departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega, o alumnado de 4º da ESO acudiu onte, martes 24 de setembro, ao Multiúsos de Redondela para coñecer a exposición "Boix, fotógrafo de Mauthausen", organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en colaboración co Colectivo Republicano de Redondela.

A través das imaxes do fotógrafo catalán Francesc Boix, preso de Mauthausen, o alumnado puido coñecer máis de preto a barbarie sufrida polos presos nos campos nazis. A visita guiada polas fotografías, que serviron como proba no xuízo de Núremberg, completouse co visionado do documental "Boix, fotógrafo do inferno". A mostra está aberta ao público ata o 29 de setembro e acolle diferentes actividades divulgativas durante esta semana.

Cómpre lembrar que douscentos galegos foron deportados a diferentes campos de exterminio e concentración. Faleceron 113. e a súa historia aínda se está investigando e dando a coñecer. Para preservar a memoria destes exiliados que pagaron coa súa vida a defensa da democracia, no segundo andar do noso centro acollemos ata o 11 de outubro a exposición "Exilio e deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez. De Monterrei e Boborás aos campos nazis", elaborada polo profesor Heladio A. Fernández Manso. Consta de 14 paneis en cartón pluma nos que se trata a historia dos republicanos galegos e españois obrigados a exiliarse en Francia a finais da Guerra Civil, e despois deportados aos campos de concentración nazis.

A exposición forma parte da homenaxe tributada pola Asociación Cultural Monterrei, Cultura e Territorio a Joaquín Balboa, deportado a Mauthausen, e está baseada na súa experiencia e, secundariamente, na de Antonio Pérez e as mulleres republicanas membros da Resistencia en Francia, deportados a Buchenwald e Ravensbrück. Cada panel consta de imaxes, introdución ao tema respectivo e testemuños. A exposición ten unha pretensión didáctica, con información relevante para o coñecemento do proceso histórico e a súa repercusión na vida dos, e as, protagonistas.

Sumámonos á Semana Mundial polo Clima

O Departamento de Bioloxía e Xeoloxía organiza unha serie de actividades para participarmos de maneira activa na Folga Mundial polo Clima, que culminará este venres 27 de setembro tras unha semana de accións de sensibilización, tamén a nivel educativo e a escala global, para que se declare de maneira inmediata a emerxencia climática e os gobernos tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións netas de gases de efecto invernadoiro.

No noso centro desenvolvéranse diferentes propostas de traballo nas aulas de Bioloxía, nas titorías e nos diferentes departamentos (videofórum e lectura de textos sobre a problemática do cambio climático, elaboración de cartaces e pancartas, etc.), así como un paro durante o recreo do venres, no que se lerá o manifesto da Folga Xeral polo Clima e se anima ao alumnado e ao profesorado a vestir unha camisola verde en sinal de protesta.

Así mesmo, o recibidor do centro acollerá a exposición O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción, cedida polo CEIDA e está baseada no proxecto CLARITY - Acción Educativa polo Clima-, que pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se están propoñendo para facerlle fronte.

Mil Primaveras máis para a nosa lingua, pola igualdade de xénero e a celebración da diversidade

Galería de imaxes do acto aquí.

Onte foi día de festa grande en Pontevedra para o IES de Soutomaior. O proxecto Falemos de ti e min, desenvolvido durante o curso pasado, subiu ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra para recoller o Premio Mil Primaveras ao Mellor Proxecto Novo xunto con outras cinco iniciativas que procuran poñer en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio na sociedade galega: o Modelo Burela do IES Perdouro; o Desafío 48 h do IES María Casares de Oleiros; Youtubeir@s dos SNL de 13 concellos, as tres universidades e a Deputación da Coruña; Eu presumo de galego do IES de Melide; e GCiencia, o portal da divulgación da ciencia en galego.

Dende o IES de Soutomaior agradecemos a acollida e o cariño da CTNL, colectivo convocante dos galardóns, e do Concello de Pontevedra, anfitrión do acto, e felicitamos aos outros centros de ensino e proxectos premiados por seren modelos de boas prácticas e referentes para nós no ámbito da normalización lingüística.

Mais, sobre todo, queremos destacar a implicación e o compromiso do alumnado do noso centro no desenvolvemento de Falemos de ti e min: sen eles/elas, verdadeiros artífices e destinatarios/as, o proxecto non sería posible. Moitos parabéns e mil grazas!

DISCURSO DE RECOLLIDA DO PREMIO MIL PRIMAVERAS

Eloi Gestido de la Torre (coordinador do proxecto)

En nome das persoas que formamos parte do Proxecto Falemos de ti e min, agradecemos o premio e felicitamos á Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua pola creación dos Mil Primaveras.

Sentimos moito orgullo por compartir este recoñecemento con cinco proxectos de tanta calidade, e que ademais son exemplo claro do bo facer a prol da nosa lingua e cultura.

Este acontecemento permítenos tamén agradecer publicamente o esforzo e apoio de todas as persoas e institucións que fixeron posible o Proxecto Falemos:

    • Especialmente, ímonos referir ao profesorado colaborador polo seu traballo e tantas horas e horas de dedicación,
    • e grazas, sobre todo, ao alumnado do instituto de Soutomaior, único protagonista deste proxecto e a quen vai dirixido realmente o premio.

Recibimos con moita ilusión este recoñecemento polo seu significado. Pero estarán de acordo connosco en que o maior premio será, sen dúbida, que os obxectivos do proxecto callen realmente no alumnado e que esta xeración e as futuras sexan quen de:

    • Valorar a nosa lingua e cultura
    • Acadar a Igualdade efectiva entre homes e mulleres
    • E, dunha vez por todas, expresar con normalidade a diversidade

Moitas grazas

PRENSA

  • "Seis proxectos reciben o premio "Mil Primaveras" pola posta en valor da lingua", Faro de Vigo (22-09-2019)
  • "Premio Mil Primaveras", La Voz de Galicia (22-09-2019).
  • "GCiencia recolle en Pontevedra o Premio Mil Primaveras", GCiencia (22-09-2019).

Acto de entrega do Premio Mil Primaveras ao Proxecto Falemos de ti e min

Este sábado 21 de setembro terá lugar ás 11.30 h no Pazo da Cultura de Pontevedra a entrega dos Premios Mil Primaveras que concede a Coordinadora de Traballadores/as da Lingua Galega (CTNL) para recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuran pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio.

O Proxecto interdisciplinar de centro Falemos de ti e min que se desenvolveu ao longo do curso pasado no noso centro foi merecedor do galardón na categoría ao mellor proxecto novo. O xurado valorou o traballo transversal, a implicación de toda a comunidade educativa, o plan de avaliación ou a ligazón da promoción da lingua con causas xustas como algúns dos méritos que valorou o xurado.

Dende o IES queremos reiterar unha vez máis os nosos parabéns ao equipo coordinador e a todo o profesorado e alumnado implicados nesta iniciativa e estendemos a felicitación a todos os proxectos premiados, referentes para a normalización da lingua no ensino e a sociedade galegas. 

Ademais, convidámosvos a toda a comunidade educativa a vir celebrar connosco os Premios Mil Primaveras.

Nada foi suficiente, de Marta Dacosta

Texto de Marta Dacosta, do poemario Acuática alma (Espiral maior, 2011), lido no acto de repulsa do triple feminicidio de Valga (IES de Soutomaior, 18-09-2019).

NADA foi suficiente

roubaches o que ninguén che deu
para logo matarme
e non foi suficiente

usaches o meu corpo
e despois liberaches este río de sangue
para afogarme nel
para matarme
e non foi suficiente

porque entón golpeaches
con saña
reincidente
este rostro desfeito
para que ninguén vise o terror
cristalizado
nas pálpebras abertas
e non foi suficiente

que a boca e os ollos xa non puideran dar
noticia do meu nome
non era suficiente

e non foi suficiente
borrar a vontade
a vida
borrar a identidade
que fora testemuña
non era suficiente e
un a un
un
a
un
cortaches cada dedo
cada uña cortaches
as uñas que gardaban as probas do teu crime
e non foi suficiente
e non foi suficiente
e non foi suficiente
porque prendiches lume ao que de min quedaba
ao que de min quedaba
para que non quedara
nada

nada do que eu fora

teimaches en borrarme
anularme
desaparecerme

e non foi suficiente

e non foi suficiente

En lembranza de Sandra, María Elena e Alba

Esta mañá o noso centro acolleu un acto en lembranza de Sandra, María Elena e Alba, vítimas do asasinato machista cometido en Valga. As alumnas Xiana e Judith leron o poema Nada foi suficiente de Marta Dacosta e mais un manifesto de repulsa deste novo atentado.

O IES de Soutomaior manifesta a súa rotunda condea ante este feminicidio e ratifica o seu firme compromiso para seguir traballando pola igualdade de xénero e a eliminación de calquera manifestación de violencia contra as mulleres. Así mesmo, animamos a toda a comunidade educativa a participar nas concentracións de repulsa convocadas polo movemento feminista galego ás 20h do día de hoxe; as máis próximas, Pontevedra (diante da Audiencia) e Redondela (Praza do Concello). Ver galería de imaxes do acto aquí.

MANIFESTO CONTRA O FEMINICIDIO DE SANDRA, MARÍA ELENA E ALBA

Día a día, as mulleres somos asasinadas. Asasinadas polo patriarcado. Hoxe os xornais en papel dedican portadas ao terrible atentado machista de Valga. Os telexornais abrirán dedicándolle minutos e algúns enviados especiais tratarán de remover o morbo preguntando na veciñanza e pescudando nas vidas de Sandra, María Elena e Alba. Mañá apenas seremos reseña, noticia de xulgado. Pasadomañá, unha cifra. E nuns días comezará o ciclo ante un novo feminicidio. Un tras outro, repetirase a cerimonia das palabras grandilocuentes, uns minutos de silencio institucional, unhas palabras condenatorias, uns teléfonos para denunciar... Tratarán de agochar o terrorismo machista baixo unha etiqueta irrecoñecible: violencia intrafamiliar, violencia doméstica... No apartado de sucesos seremos algo anecdótico e encauzarase a noticia coma se fose unha realidade que temos que asumir e ante a cal non se pode facer nada.

Día a día, as mulleres somos asasinadas por sermos mulleres. E os asasinatos das mulleres que acotío acontecen non son algo casual, está sucedendo no noso día a día e chámase feminicidio. Así o definen Diana Russell e Jane Caputi: "O asasinato de mulleres realizado por homes motivado por odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade das mulleres. Sentimento este de propiedade que os leva ao control das amizades, da hora de chegada, do teléfono...e a arrebatarlles as vidas como donos do seus destinos”.

Día a día, asasínannos, imos caendo coma nun campo de batalla. Berramos nun mundo onde non somos escoitadas. Mentres tanto, as que seguimos vivas por Sandra, María Elena e Alba e por todas as que xa non verán máis a luz do día, nin sentirán os raios de sol a quentar a súa pel, nin apertarán na ledicia do reencontro nin nas despedidas, nin bicarán os seus beizos cando así o corpo o desexase e a quen desexase... seguiremos alzando a voz. Por elas e por nós temos que unirnos en redes violetas para empoderarnos, para facérmonos fortes, para desafiar e loitar contra un exército dentro deste modelo social de guerra no que estamos socializadas, denunciando e concienciando.

Non consentiremos que a violencia machista continúe asasinándonos!!!!

Texto adaptado dun manifesto da Marcha Mundial das Mulleres.

Revistas do IES de Soutomaior, a crónica do(s) noso(s) principio(s)

A revista do centro chegou puntual á fin do curso para ser a crónica viva do intenso labor desenvolvido no instituto no seu primeiro ano de vida, ademais de para ser canle da creatividade da comunidade educativa e potenciar o uso e a presenza da lingua galega entre nós.

Neste labor comunal acompañounos durante todo o curso o Blog da revista do IES de Soutomaior, unha plataforma dixital que complementou este proxecto no que colaboraron rapaces e rapazas, o profesorado e moitas máis persoas que fixeron connosco este camiño ilusionante que comezamos aló polo mes de setembro. 

Como sinala a Dirección do IES no Editorial da revista este foi o "principio", termo que conxugamos en plural para falarmos dos "principios" do noso proxecto educativo, que se proxectan nas páxinas desta revista.

Agradecemos a colaboración de todas as persoas que fixeron posible estes proxectos e agardamos xa por futuras entregas.

REVISTA DIXITAL DO IES DE SOUTOMAIOR

(PREME NA IMAXE PARA ACCEDER)

 

 BLOG DA REVISTA DO IES DE SOUTOMAIOR

(PREME NA IMAXE PARA ACCEDER)

Acrosport, música e xogos para despedir o noso primeiro curso

O venres 21 rematou este primeiro curso de existencia do noso IES cunha intensa xornada de actuacións artísticas e deportivas, que comezou cunha presentación do Proxecto Somos Artistas. Os Departamentos de Educación Física e Música organizaron os exercicios de acrosport e as interpretacións musicais que prepararon durante o último trimestre cos seus grupos e que ensaiaron arreo nas semanas previas para actuaren diante dos seus compañeiros e compañeiras. Ademais, proxectáronse os vídeos no que o alumnado de 4º ESO escenificou poemas de diferentes temáticas que xa nos impresionaran na súa estrea no Festival das Letras Galegas e que podedes ver na blog do Proxecto Falemos. Unha vez rematado o festival no ximnasio, a emoción trasladouse á pista exterior coa desputa das semifinais e a final do I Torneo de Fútbol sala que organizou o alumnado de 1º de Bacharelato.

Desexamos a toda a comunidade educativa do IES de Soutomaior unhas felices vacacións. Vémonos en setembro!

Presentación do Proxecto Somos Artistas

Somos Artistas, proxecto proposto pola OMIX e coordinado polo Departamento de Educación Plástica, foi presentado publicamente o pasado venres 21 de xuño polos seus autores e autoras, o alumnado de Debuxo Artístico de 1º Bach. e de Educación Plástica de 4º ESO.

A finalidade de Somos Artistas foi elaborar un proxecto artístico partindo dos intereses e motivacións do alumnado intervindo nos espazos anodinos do centro educativo. 

Nesta entrada tedes toda a información sobre as obras e o proceso, que deu comezo no mes de marzo coas sesións formativas impartidas polas profesoras da Facultade de Belas Artes, Itziar Ezquieta e Begoña Paz.

Nota de prensa do Concello de Soutomaior.

Menos residuos, máis recursos

(Para ver máis imaxes da actividade, preme aquí)

O xoves 20 de xuño o alumnado de 1º ESO e o seu profesorado de Bioloxía participou nas actividades da campaña itinerante Repara en..., que organiza a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda  para fomentar a prevención de residuos alimentarios, potenciar a compostaxe e mellorar a recollida selectiva.

Por unha banda, o vestíbulo do centro acolleu unha exposición de paneis e mais unha proxección dun documental que guiou un educador ambiental, que introduciu os rapaces e rapazas na xestión de residuos municipais, a prevención e preparación para a reutilización, o desperdicio alimentario, a compostaxe, a recollida selectiva e a economía circular. E, por outra banda, houbo unha parte máis práctica na que o alumnado participou en distintas actividades dinámicas, como o xogo da oca da reciclaxe ou un obradoiro de sementes.

Ademais, dende o IES queremos agradecer a colaboración de Xosé, o mestre composteiro do Concello de Soutomaior, que xestionou esta actividade para o noso centro.

Distribuir contido


by Dr. Radut