Skip to Content

Complementarias

Os perigos das novas tecnoloxías

Esta semana tivemos connosco a Leticia Costas e Sheila Fernández, da empresa KidCode, no marco da iniciativa Ti Decides!, un programa de intervención socioeducativa xuvenil posto en marcha un curso máis pola Concellería de Xuventude de Soutomaior coa finalidade previr condutas de risco en diferentes campos como as drogas, a sexualidade, etc. Desta volta, os obradoiros tiveron como destinatario o alumnado de 1º ESO e centráronse no uso responsable de Internet e as novas tecnoloxías e en como sermos bos cidadáns dixitais (decálogo).

   

Así o viron os alumnos e alumnas deste curso:

O luns 13 de xaneiro de 2020 tivemos unha charla sobre os perigos que presneta internet. Falamos sobre temas como que non debemos acceder a contidos non recomendados para a nosa idade ou que non dbeeriamos usar o noso nome real e non deberiamos dar os nosos datos e información a calquera na rede.Tamén nos ensinaron a crear contrasinais e ususrios difíciles de seren adiviñados pola xente.

Sara Leiro (1º ESO C)

Ao principio empezamos a falar sobre que é a ciberseguridade e de que hai que ter coidado coas videoconsolas, os móbiles... Por exemplo, cos permisso, coa compra de produtos, coa cámara dianteira, coa idade de acceso... Axudáronnos cos nosos contrasinais para facelos máis seguros poñendo números que se parezana letras, poñendo o nome da túa película, comida ou xogo favoritos. O máis divertido foi coñecer o Código César, que é unha forma de poñer unha frase con letras que parece que non ten sentido pero que, ao final, traducimos nunha oración a través dunhas claves. Foi unha charla entretida e, sobre todo, interesante.

Anxo Muíños (1º ESO C)

Nesta charla estivemos falando das aplicacións que hai nas redes sociais e do perigo que ten quedar con descoñecidos, dos que ti non vas saber nada pero que eles si poden saber de ti grazas aos datos que colgas nas redes sociais. Tamén conversamos dos perigos das aplicacións gratis de internet, de facer algo en nome doutra persoa, que pode ser delito, das persoas que che piden todos os teus datos e das persoas que poden activar a cámara ou o micrófono do móbil (incluso de Google, que pode activarche o micrófono do teléfono). Tamén coñecemos métodos para por contrasinais. A min pareceume unha boa charla sobre estes perigos.

Héctor Míguez (1º ESO C)

A charla tratou o ciberacoso. Faláronnos sobre a xente que acosa polas redes sociais ou fisicamente, tamén da xente que se fai pasar por outras persoas mostrando unhas actitudes que poden causarnos danos psíquicos e incluso poden darse danos físicos. Polo exposto, ñé recomendable non facilitar os datos ás persoas xa que canta máis información deamos máis ferramentas teñen para agredirnos de diferentes xeitos (roubos, malos tratos...). As redes sociais son boas sempre que teñamos precaucións á hora de empregalas e, ademais, como usuarios debemos mostrar respecto polos demais uduarios.

Rubén Rodríguez (1º ESO C)

O importante é participar

Esta mañá tivo lugar a entrega dun obsequio a todos os rapaces e rapazas que participaron no XVIII Certame de Postais e Felicitacións de Nadal do Concello de Soutomaior e que, por diversas razóns, non puideron asistir ao acto oficial que tivo lugar o pasado 21 de decembro no Multiúsos de Arcade.

Así, durante o recreo, a Concelleira de Educación, Fátima Vidal, entregou un modesto detalle a cada un dos participantes do noso centro, algo máis de medio cento nunha edición do concurso que alcanzou os 332 traballos presentados nas diferentes categorías. 

Con este obsequio, unha taza de almorzo sinxela mais moi xeitosa, quérese agradecer simbolicamente a participación do alumnado nun certame que trata de fomentar a creatividade artística e o uso da lingua galega, especialmente  entre os máis novos. Dende aquí queremos agradecer a implicación do Concello, o labor do profesorado de Educación Plástica (Ana Aguiar, Ana Fervenza e David Louzán) e o traballo, nada fácil, do xurado.

E, lembremos, máis alá de aparecer na nómina de traballos premiados, o importante é participar! Moitas grazas a todos e a todas!

Continúa a formación das Brigadas ECOlóxicas

Para ver máis imaxes desta campaña preme aquí.

Un grupo de rapaces e rapazas de 1º ESO mantivéronse ben activos durante as vacacións de nadal e acudiron ao Multiúsos de Arcade os pasados 26 de decembro e 2 de xaneiro para continuar a súa formación das Brigadas ECOlóxicas, que comezou no instituto cun obradoiro o 13 de decembro grazas a esta iniciativa que impulsan as Concellería de Educación e a OMIX do Concello de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Nesta 2ª fase o alumnado deulle vida aos refugallos que son máis habituais nun centro educativo e confeccionaron traxes e disfraces coa finalidade de humanizar estes residuos e reforzar a reflexión sobre a orixe e o uso que lles damos a eses desperdicios.

A partir do luns 20 os brigadistas ecolóxicos comezarán a actuar no IES a través de campañas de concienciación, da repartición de bolsas de papel na cafetaría e doutras actividades, que axudarán a visualizar o impacto ambiental que os residuos teñen no noso centro educativo e á participación da comunidade educativa nas medidas que nos ensinarán a reducilos.

Así mesmo, o Concello instalará novas illas de reciclaxe no centro e dotará a campaña do material preciso para acompañar o labor dos nosos Brigadistas ECOlóxicos.

Recomendacións lectoras para o Nadal

O Equipo da Biblioteca aproveitou as novas adquisicións en temática de Igualdade, LGTBQ+ e STEM para recomendarvos algunhas lecturas para estas vacacións de nadal. Premede na imaxe para acceder ao tríptico:
 
 
Ademais, no blogue da Biblioteca dáse conta das últimas sesións dos clubes de lectura. Por unha banda, no clube Petiscos de Arte, o alumnado achegouse á figura de Yayoi Kusama a través da colección MOMA SM.
 
 
E, por outra banda, a novela Corredora, de María Reimóndez, centrou unha nova posta en común do Club de Lecturas pola igualdade, que preparar xa a lectura da obra Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre.
 
Para rematar, o Equipo da Biblioteca deséxavos boas festas e mellores lecturas!

Resolución do XVIII Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal

O pasado sábado 21 de decembro tivo lugar no Multiúsos de Arcade o acto de entrega dos premios do XVIII Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal que organizan a Concellaría de Xuventude e a OMIX de Soutomaior.

Os nosos parabéns van para todo o alumnado dos centros escolares do municipio e todas as persoas participantes no conxunto das diferentes categorías: foron nada máis e nada menos que 332 os traballos entregados, o que supón un novo récord de participación no certame. Estendemos, xa que logo, o noso agradecemento ao Departamento de Plástica do noso IES, á organización e ao xurado do concurso polo traballazo realizado, nada fácil, sen dúbida ningunha. E ao Concello por promover a participación da mocidade no ámbito artístico e creativo e fomentar o uso da lingua galega.

En canto ao noso centro, foron premiados os seguintes alumnos e alumnas:

  • Postais simples - Categoría C (9-12 anos): Adriana Eugenio Rivas.
  • Postais simples - Categoría D (13-17 anos): Alejandro Verde Fernández e Antía Acuña Lorenzo.
  • Postais tridimensionais - Categoría C (9-12 anos): Xiana Vidal Rubianes.
  • Postais tridimensionais - Categoría C (13-17 anos): Uxía Vidal Rubianes e Agustín Amoedo Mos.
  • Postais audiovisuais - Categoría 13-17 anos: grupo formado por Clara Bernárdez, Marta Bernárdez, Sabela Magariños e Ana Pardal.

Pódense ver todos os traballos premiados na páxina da Concellaría de Xuventude.

Traballando en equipo para montar as Cúpulas de Leonardo da Vinci

Para acceder á alería de imaxes da actividade premede aquí.

Uns 500 anos despois de que Leonardo da Vinci plasmara nuns debuxos (agochados nun recuncho dos seus escritos no Arquivo da biblioteca Leonardiana) as súas coñecidas cúpulas, o alumnado da ESO e 1º BACH., coñeceu estas interesantes estruturas e animouse a montalas baixo a guía de Lucía, Sandra e Manuel (Dpto. de Matemáticas) e de Gabriel (Dpto. de Tecnoloxía). As once estruturas móntanse cunha única peza de 4 amosegas e sen elementos de unión entre elas. Non precisan ningún tipo de elemento de unión xa que o seu propio peso mantén a estabilidade da cúpula, que se consegue pola diferenza de altura entre os puntos do fondo dos encaixes. De non existir esta diferenza, apenas se conseguirían unhas estruturas totalmente planas.

Mais, sobre todo, as cúpulas non se terían construído se o alumnado non traballase en equipo, de aí a importancia destas actividades de tipo colaborativo e de carácter lúdico-matemático que, ademais, tamén nos permitiu coñecer as estruturas do "Codex Atlanticus" de Leonardo, potenciar a creatividade e a habilidade, deducir as posibilidades existentes para pasar dunha estrutura plana a unha curva e mostrar unha aplicación na vida real das matemáticas.

A actividade foi organizada entre os días 9 e 20 de decembro polo Departamento de Matemáticas en colaboración coa Fundación Escola Rosalía, que xa está inmersa nunha nova edición de Imatxina, un encontro didáctico dedicado ao ensino das matemáticas a escolares de primaria e secundaria dende unha perspectiva de innovación educativa.

Educación en valores con Uma, Trufa, Goofy e Eco

Máis fotografías nesta Galería de Imaxes

Por segundo ano consecutivo, os cans Uma, Trufa, Goofy e Eco foron, xunto coas súas monitoras da Asociación Yaracán, os encargados de guiar o alumnado de 1º ESO nos obradoiros que tiveron lugar este pasado xoves 19 de decembro coa finalidade de mellorar as habilidades sociais dos máis novos coa axuda de cans. A iniciativa, enmarcada no programa xuvenil de intervención social nos centros educativos do Concello, procura a axuda dos animais para incidir na aceptación das diferenzas, a mellora da autoestima e potenciar a empatía.

Mediante sinxelos exercicios e xogos cos cans, os alumnos e as alumnas traballaron conceptos básicos para as relacións sociais como a paciencia, o traballo e a dedicación que conleva todo proceso de aprendizaxe ou como tolerar a frustración, por exemplo, para comunicarse cos cans.

O alumnado moveuse no terreo ao redor do can, buscando contacto e proximidade para ter un encontro relaxado. Tanto na entrada como na despedida fixéronse en silencio, empregando a linguaxe de signos previamente explicada, e en cada estación (guiada por cada un dos catro cans) se traballou un valor: a solidariedade, o traballo en equipo, o respecto e os seres únicos (para mellorar as diferenzas que nos fan únicas e especiais).

Con accións e xogos deste tipo, as profesionais de Yaracán procuraron que o alumnado empatizase cos cans e que, a través dese vínculo, puidese entender como sente. Deste modo, os mozos e as mozas de 1º ESO aprenderon como ir mellorando as súas relacións, creando actitudes e hábitos que favorecerán as súas relacións interpersoais durante toda a súa vida.

Taller de Eco-Percusión

Este mércores 18 de decembro celebrouse un Taller de Percusión na Aula de Usos Múltiples do IES de Soutomaior. O obradoiro consistiu en realizar unhas batucadas improvisadas, dirixidas por Didier, con material de refugallo. O alumnado gozou percutindo cubos, tixolas e bidóns de reciclaxe, ao mesmo tempo que sentiu o ritmo e alcanzou un bo nivel de coordinación.

Visita á Facultade de Belas Artes e á Exposición “Picasso. A Viaxe do Guernica"

Para acceder á galería de imaxes da actividade, preme aquí.

 

O pasado xoves 12 de decembro o alumnado de 4º de ESO e Debuxo Artístico de Bacharelato I e II visitou a Facultade de Belas Artes e a exposición “Picasso. A viaxe do Guernica” en Pontevedra.

 

Na facultade foron recibidos polo decano, Xosé Manuel Buxán, quen lles ensinou as diferentes aulas: pintura, deseño de moda, audiovisuais..., e os talleres onde o alumnado, dependendo do proxecto que estea desenvolvendo, pode traballar co material elixido (madeira, metal, plástico...).

 

Na exposición itinerante sobre o cadro “Guernica”, de Pablo Picasso, puideron coñecer a historia dunha das obras más emblemáticas da arte do século XX, dende a súa creación en París en 1937 ata o seu emprazamento permanente no Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía en 1992.

Alerta verde! Chegan as Brigadas ECOlóxicas

O pasado venres 13 de decembro o alumnado de 1º ESO participou na primeira fase do programa educativo Brigadas ECOlóxicas, que organizan a Concellería de Educación e a OMIX do Concello de Soutomaior en colaboración co Departamento de Bioloxía do IES Soutomaior.

Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a concienciación ambiental entre o alumnado do centro a través diversas accións e iniciativas. Esta 1ª sesión alternou contidos e dinámicas que achegaron o alumnado á problemática do cambio climático, ás súas causas e ás accións que se poden levar a cabo para combatelo. Ao finalizar, explicáronse as seguintes fases do proxecto e animouse aos alumnos para participar nas seguintes actividades: 

  • 2ª fase: os xoves 26 de decembro e 2 de xaneiro terá lugar un taller creativo no Multiúsos de Arcade. Nel, o alumnado dará vida aos residuos máis habituais nun centro educativo confeccionando traxes e disfraces, humanizando os restos e reforzando a reflexión sobre a orixe e o uso que as persoas damos a eses desperdicios
  • 3ª fase: a partir do 20 de xaneiro, os brigadistas ecolóxicos comezarán a actuar no IES de Soutomaior. A través de campañas de concienciación entre os seus compañeiros, da repartición de bolsas de papel na cafetaría e doutras actividades, o alumnado visualizará o impacto ambiental que temos no noso centro educativo e fomentará medidas para reducilo.

Por último, cabe destacar que o programa se completa coa achega de novos materiais por parte do Concello. Ademais do composteiro instalado recentemente no IES, en breve contaremos cunha illa completa de recollida selectiva de residuos para o uso exclusivo do centro.

Distribuir contido


by Dr. Radut