Visita do profesorado do General Lyceum de Nigrita (Grecia) ao IES Río Cabe (Monforte de Lemos). Erasmus+

09.04.2024

15-19.04.2024

O 9 de abril de 2024, un grupo de profesorado do noso claustro xa se puxo en marcha cos preparativos para acollelos no noso instituto. Moitas grazas a todo o equipo que participa para que este encontro sexa posible e á nosa compañeira Temi por levalo adiante!

Do 15 ao 19 de abril de 2024 contaremos no noso centro coa presenza de profesorado grego do General Lyceum de Nigrita (Grecia) dentro do programa Erasmus+. Durante eses días acudirán ás aulas e convivirán no noso centro para coñecer de primeira man o funcionamento e ver as similitudes e diferenzas co sistema educativo grego.

 

Luns 15.04.2024

Os profesores chegan ao noso centro George, profesor de Física e Química, Stella, profesora de Química e Bioloxía, e Foteini, profesora de Grego, historia e filosofía. Acollémolos e explicámoslles o sistema educativo español, a nosa oferta educativa e particularidades do noso centro. Pola mañá e pola tarde acompañan ao profesorado riocabense nas aulas para observar a nosa práctica docente.

Martes 16.04.2024

Acompáñannos ao IES Xograr Alfonso Gómez de Sarria, onde un grupo dos nosos alumnos compiten na fase final do concurso de oratoria improvisada. Foi unha experiencia moi enriquecedora, pareceulles unha moi boa iniciativa, que queren levar ao seu centro para implementarla en lingua grega. Pola tarde Temi, a profesora coordinadora do proxecto no noso centro, organizou un percorrido en catamarán polos canóns do Sil, non podían deixar de gozar da nosa marabillosa Ribeira Sacra.

Mércores 17.04.2024

 

George imparte unha clase de Física aos alumnos de 1º BACH do noso compañeiro José Manuel Gil, sobre o traballo e a enerxía. Establécese conexión online co alumnado grego de George en Nigrita e o alumnado resolve unha tarefa de forma conxunta. Os directores dos dous centros, Carlos Parada e Stathis Papakonstantinou, puideron coñecerse, intercambiar impresións e xurdiu a idea de tentar organizar un traballo colaborativo cultural online no mes de maio para os alumnado de bacharelato dos dous colexios. Os mozos de ambos os centros mostráronse moi contentos coa iniciativa e a perspectiva dun posible intercambio escolar o vindeiro curso.

Xoves 18.04.2024

Pola mañá, os profesores gregos observan a Carmen Rodríguez Esperante, a nosa compañeira de galego, en 1º BACH - C. Os mozos e mozas fan unha clase de debate ao estilo clásico, seguindo os pasos da profesora Foteini acompaña a Yolanda, a nosa compañeira de Latín e Grego, en 1º BACH - C. Establécese conexión en liña co alumnado grego no Lyceum Nigrita, dous profesores e o director do centro, que expresa novamente o seu agradecemento pola acollida que Stella, George e Foteini están a ter no IES Río Cabe. O alumnado de ambos os institutos preséntanse en grego e inglés.

O noso compañeiro de Química, Xurxo Rodríguez Labrador, ensina os laboratorios de física, química e bioloxía aos profesores gregos, que opinan que están moi ben equipados. Na seguinte hora asisten a unha clase práctica do alumnado de Física de 2º BACH - A no laboratorio. Stella e George interactúan co noso alumnado.

Ao final da mañá, o tres profesores acompañan a Emilio Sotelo, o noso compañeiro de Matemáticas, na súa clase de 1º BACH - A.

Pola tarde un grupo de alumnos de 1º BACH  acompañados pola nosa compañeira Pilar López, de Lingua Galega e Literatura, ofrecen no salón de actos do instituto un debate formal acerca da intelixencia artificial ao profesorado grego. 

Venres 19.04.2024

Na primeira hora, os profesores gregos deron un relatorio ao alumnado de 4º ESO e 1º BACH sobre o sistema educativo grego e o proxecto Erasmus+ que o Instituto Lyceum Nigrita está a realizar na protección do medio ambiente. Os alumnos e alumnas mostráronse moi interesados, facendo preguntas para comparar o noso sistema educativo e o grego. Na segunda hora estableceuse conexión en liña para que a profesora grega Stella puidese impartir unha clase de Química conxuntamente aos nosos alumnos e alumnas de 1º BACH e aos alumnos e alumnas gregos no Lyceo Nigrita. Foi unha experiencia moi enriquecedora para alumnado e profesorado. Os discentes tiveron que realizar unha tarefa de forma conxunta para resolver un crucigrama, referido a disolucións. Na cuarta hora veu un reporteiro do xornal O Progreso a facerlle unha entrevista aos profesores gregos. contáronlles como nos viron ao entrar nas nosas aulas. En xeral hai moitas máis similitudes que diferenzas. Quero resaltar a nosa satisfacción ao ver que opinan que os nosos alumnos están implicados activamente no seu proceso educativo e tamén que valoran moi positivamente os moitos proxectos nos que participamos. E é que non é fácil reunir nun centro a un colectivo de docentes motivados e aquí conseguímolo.

Na quinta hora a profesora Foteini ofreceu unha preciosa presentación ao alumnado de grego. Este evento tivo lugar na biblioteca do centro, o que lle engadiu aínda máis encanto. Foi todo un luxo escoitala , falar da importancia da lingua grega nas linguas modernas, os restos que quedaron e que perduran, as curiosidades de certas palabras que en grego moderno cambiaron totalmente o seu significado orixinal en grego clásico, etc. Os alumnos e alumnas puideron facer preguntas e achegarse un pouco máis ao mundo heleno e demostrar o atentos que estiveran á presentación ao realizar un acróstico e xogar a un Kahoot, con éxito en ambas as actividades!

Na última hora chegou o momento da actuación en directo de tres artistas: Xurxo, o noso compañeiro de Química, George, o profesor grego de Física, ambos con guitarras e Nerea, a nosa profesora de Inglés, e voz portentosa. 

E chegou ao final desta visita e intercambio cultural e educativo. Dixémoslle, ata pronto que non adeus aos nosos novos amigos e compañeiros gregos.

 

 

 

Grazas á nosa compañeira Pilar López pola realización do vídeo.


Pica 
AQUÍ para ver as fotos na galería ou pica aquí abaixo:

Álbum: Extraescolares -> 2024_04_15_19_3ª AVA_Visita profesorado_General Lyceum de Nigrita_Grecia