1º ESO e 2º ESO. IV Encontro Interescolar de Improvisación. A Pobra do Brollón

04 e 05. 4.2024

No IES Río Cabe sabemos moito de improvisación tradicional e ademais gústanos. Por iso dende o mes de xaneiro un grupo de trinta alumnas e alumnos vén participando nos recreos dos mércores no Club de Brindos, unha actividade na que aprendemos sobre a tradición de enfrontarnos verbalmente a través de coplas populares.

O pasado catro de abril este grupo de alumnado tivo a oportunidade de viaxar á Pobra do Brollón onde se levou a cabo o IV Encontro Interescolar de Improvisación con alumnado de Vila de Cruces, Caldas de Reis, Vilalba, o Courel e a propia Pobra do Brollón. 

Foron dous días de intensa convivencia con outros trinta e seis rapaces a rapazas onde ensinamos o que estamos facendo no noso instituto, fixemos unha xincana polo castro de San Lourenzo, participamos nun festival nunha Casa da Cultura Olga Novo completamente chea, durmimos nun pavillón e fixemos unha andaina polo Courel para chegar ata a casa de Uxío Novoneyra onde, para finalizar, cantamos brindos de homenaxe para o gran poeta da montaña. 

En breves, o Club de Brindos terá novas aventuras que contar mais, polo momento, quedámonos coa ledicia de ter compartido tempo, espazo e experiencia con rapazada que, coma nós, goza facendo e cantando coplas.

Entrevista en Onda Cero Monforte. Para escoitala, pica AQUÍ

 

 

 

 

 

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_04_05_3ª AVA_1º_2º_ESO_IV Encontro Interescolar de Improvisación_A Pobra do Brollón