Visitas do Ciclo de Turismo

As saídas do CS de Guías, información e asistencia turísticas no mes de outubro consistiron  nunha visita guiada por Monforte, outra visita ao Centro de Interpretación do Camiño de Inverno e a derradeira,  un recorrido guiado nos Escolapios.

Na visita guiada fixemos un itinerario a pé pola cidade de Monforte de Lemos co obxectivo de que todo alumnado coñecera os principais recursos turísticos da capital da Ribeira Sacra.

O percorrido comezou no Conxunto Monumental de  San Vicente do Pino e rematou  no exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga pasando pola zona de ámbito xudeu e a  Praza de España.

 

Na saída ao Centro de atención aos peregrinos do Camiño de Inverno familiarizámonos coas nove etapas do Camiño dende Ponferrada ata Santiago de Compostela e visionamos algúns videos promocionais sobre a ruta xacobea.

A persoa responsable da área de recepción proporcionounos información sobre o movemento de peregrinos no Camiño de Inverno ao seu paso por Monforte.

 

 Escaleira monumental, claustro, igrexa e pinacoteca son as zonas que nos mostrou María, exalumna do ciclo, no seu bo facer na visita ao recén declarado ben de interese cultural, o Colexio dos PP. Escolapios.

 

 

 

 En novembro visitounos Lucas Vázquez, presidente da Asociación Cultural Segredos de Pantón, para contarnos as diferentes actividades que levan a cabo cos obxectivos de promocionar e defender o medio rural e a lingua galega, poñer en valor o patrimonio de Pantón e fomentar a conservación e a defensa da natureza.