Palabras de muller na Casa-Museo Manuel María

 

Catro alumnas do IES Río Cabe encheron de cor a chuviosa tarde do pasado sábado 6 de abril participando na fase final do concurso “Rosalía sempre viva” celebrado na Casa- Museo Manuel María en Outeiro de Rei,  porque como ben dixo Leonardo Da Vinci  “a pintura é poesía muda; a poesía pintura cega”.

 As alumnas participantes foron seleccionadas no concurso “Poetízate no IES Río Cabe” que se celebrou para conmemorar o Día da Poesía o 21 de marzo. Así, África Coba Albo recitou “Quixente tanto meniña”, Zeltia Pérez Barrientos púxolle voz a “Negra sombra”, Sandra Rodríguez Macía atreveuse con “Adiós ríos, adiós fontes” e Lucía Rodríguez Abellano interpretou “Meniña, ti a máis fermosa”.

A actividade enmárcase dentro da programación que leva por título “Palabras de muller” que se está desenvolvendo nesta 2ª avaliación dentro do Plan Proxecta Donas de si. Deste xeito, con este recitado no que amosaron as súas escondidas dotes brindamos unha pequeña homenaxe, cargada de moitas horas de memorización e ensaios, a unha das figuras máis representativas da literatura contemporánea.

¡Grazas polo voso entusiasmo e esforzo, xa que nos demostrastes que a poesía estará sempre viva!