Normalización Lingüística

Concurso de Conxuros

 

Este ano non podemos celebrar, como adoitamos, as celebracións anuais da nosa comunidade, como o Samaín ou o Magosto. Porén, desde o EDLG faremos algunha actividade que nolas faga lembrar. E velaquí vai a primeira: un Concurso de conxuros do que vos deixamos máis información. Animádevos a participar!

 

CONCURSO DE CONXUROS PARA O SAMAÍN

 

O conxuro é unha invocación, máis ou menos rimada, a poderes de toda índole (físicos, espirituais, morais, políticos, sobrenaturais, ...) para  todo o que desexemos.
A finalidade deste concurso é crear conxuros para afastar todo o malo que queiramos que desapareza das nosas vidas: violencia, maltrato, inxustizas, guerras, prexuízos, estreiteces económicas, agresións ambientais...  en xeral e, en particular, neste ano 2020.

Aquí deixamos algúns exemplos:

Ollos de sapo,

pata de ra,

que acabe a pandemia

pasadomañá.

Conxuros contra a néboa

Érguete néboa,
puta da serra,
filla dun can
e dunha cadela.
Aí vén san Xoán
co seu burro ruán
ai! que te mata
ai! que te papa
ai! que te leva
  ao fondo do mar
a secar.

 

Outro  diferente  

Levántate, néboa,
do mar e da terra
que aí vén San Martiño
co seu ramalliño,
chorando e berrando
que te ha  matar,
cortarche a cabeza
  e tirala ao mar.

 

BASES DO CONCURSO DE CONXUROS  

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES RICARDO MELLA de Vigo, en colaboración co Departamento de Lingua Galega, convova un CONCURSO DE CONXUROS para festexar o Samaín

Enténdese por conxuro ou esconxuro todo tipo de invocación, máis ou  menos rimada, aos poderes de toda índole: físicos, espirituais, morais,  atmosféricos, sobrenaturais, … A finalidade deste concurso é recadar  conxuros para que desapareza todo o negativo deste ano 2020. 

BASES DO CONCURSO 

1. Poderán participar no concurso todas as persoas que o desexen. 

2. Os conxuros deberán ser orixinais, inéditos e escritos en galego.

3. Os conxuros presentaranse en tamaño A-4 e cunha extensión mínima de 12 versos.  

4. A obra presentarase nun folio. No reverso figurara nome e curso do alumno/a ou o cargo (no caso de profesorado ou persoal non docente do centro). 

5. Os traballos entregaránselle ao profesorado de Lingua Galega (ou deixaranse na Conserxaría ao seu nome) até o 27 de outubro

6. Haberá suculentos premios. 

7. O xurado estará integrado por profesorado e alumnado. 

8. Os traballos serán expostos na entrada do centro. O conxuro gañador será lido/declamado durante a celebración do Día das Letras Galegas (venres 30 de outubro) no Salón de Actos.

9. A decisión do xurado comunicaráselle ao/á interesada/o e farase pública no taboleiro do EDL o mércores 28 de outubro.

10. As persoas gañadoras permitirán que se corrixan os posibles erros gramaticais ou léxicos dos seus textos para seren publicados.

11. A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases. 

 Equipo de Dinamización da Lingua Galega, 16 de outubro de 2020

 

Benvidxs ao novo curso 2020/21

Por fin comeza o novo curso, que agardemos que sexa proveitoso e presencial. 

Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Ricardo Mella de Vigo dámosvos a benvida aos novos incorporados de 1º da ESO e Ciclos e saudámosvos de novo aos xa coñecidos/as. Dentro das precaucións pandémicas, tentaremos seguir a dinamizar a lingua galega con actividades que vos sexan de interese e das que iremos dando conta por aquí.

Alá imos!!!

Mella de corentena 21

 

Hai dous meses comezabamos esta Mella de corentena. Un espazo que abrimos coa vontade de ser unha pequena fiestra aberta para a comunidade educativa durante o confinamento. Na primeira entrada, e tentando imprimir optimismo á aquela nova situación, contabamos o que daquela nos parecía unha oportunidade: a de coidarnos nós e os nosos quedando na casa e traballando arreo para non pensar tanto no perigo da pandemia que tiñamos enriba con cifras de falecidos diarios arrepiantes.

Dous meses despois os sentimentos mudaron. Porque as cifras seguiron sumando cifras e dor, e o traballo desde a casa, e téndoo que compaxinar cos coidados, resultou moi complexo. E as novas tecnoloxías non deron suplido a paixón que os profesores lle poñemos ao que ensinamos nin a dedicación que o alumnado lle pon ás súas aprendizaxes. Custa imaxinar as circunstancias do traballo de cada alumno/a e darlle as palabras de ánimo que necesite en cada momento para motivalo ao estudo, xa de seu difícil e, en confinamento, moito máis. E tamén custa valoralo logo, cunhas ferramentas rudimentarias e que non tiñamos implementadas e tivemos que improvisar con bastante acerto e axilidade mais con resultado desigual.

Dito isto, como docentes, non podemos estar máis orgullosos do traballo feito polo alumnado nestes meses (unha parte del reflectido neste blog) e, desde aquí, dámoslles os parabéns e as grazas! E como coordinadora do Equipo de Dinamización non podo estar máis agradecida da resposta de alumnado e docentes nestes meses en particular para animar e marter viva a chama da cultura e a lingua galega en confinamento.

Até aquí chegamos. Agora toca rematar o curso e, se todo correu ben (que esperamos que si), gozar dun merecido período de descanso, que o vindeiro curso comezará con intensidade e tennos que coller coas baterías ben cheas. Por iso vos deixamos, nestas últimas achegas, unhas recomendacións musicais, para que vos animen o verán.

Saúde para tod@s e até o vindeiro curso!

 

Mella de corentena 20

 

O RACISMO. Por Rocío Boullosa (1º Bac C)

Cando pensabamos que non podía acontecer nada máis, os Estados Unidos sorpréndennos cunhas voluminosas manifestacións. Recentemente, produciuse unha detención na que un policía acabou asfixiando ao detido, e este, finalmente, faleceu. Ademais do feito de que se trata dun caso de abuso de autoridade, o falecido era de raza negra, polo que enseguida se cualificou como un caso de racismo, mobilizándose así cantidade de concentracións tanto no país americano, como no resto do mundo (Italia, Francia, Alemaña..).

Ante isto, o expresidente Obama decidiu pronunciarse afirmando que esperaba que “os xoves se sintan esperanzados e enfadados ao mesmo tempo, porque teñen o poder de cambiar as cousas”. Isto é certo, xa que nós posuímos o privilexio e o dereito de pronunciarnos ante as cousas que consideramos inxustas e que acontecen no noso día a día. Neste caso, denunciamos as actitudes racistas por parte das autoridades, do goberno e mesmo de persoas coas que convivimos a diario.

Este problema carrexámolo dende hai moito tempo e, aínda que sempre tivemos a loita presente en maior ou menos medida, este foi un detonante que impulsou unha revolta de gran importancia. As  redes sociais non ían quedar atrás no movemento, e uníronse facendo publicacións en negro nos perfís e creando cancelos para divulgar información e mostrar o apoio. Se ben é certo que  non só podemos lembrarnos do racismo cando acontece algo de gran sona, senón que debemos lembrarnos tódolos días e, por suposto, levalo á práctica individual e colectivamente, pois de nada vale subir unha publicación e apoiar a causa se despois temos actitudes racistas na nosa vida cotiá.

 

 

Mella de corentena 19

 

E vai a última recomendación musical, da man de Lucía Silva (1º Bac C).

A música non sabe de corentenas

Cantas horas pasamos escoitando música ou tocando algún instrumento durante este confinamento? Probablemente máis das que podemos imaxinar. Pero cantos de vós descubristes algún artista ou xénero novo que marcara un antes e un despois nos vosos gustos musicais? No caso de que non o fixerades, gustaríame propoñer varios artistas con estilos moi distintos para satisfacer todos os gustos e, quen sabe, pode que saia algún novo músico do Ricardo Mella...

Un estilo que está dominando o panorama musical global é o “K-pop” ou pop coreano, caracterizado principalmente polos retrousos pegadizos e as hipnotizantes coreografías, ademais da produción dos vídeos musicais e o encanto dos cantantes.

Déixovos algúns enlaces dos meus grupos favoritos por se queredes botarlle un ollo: BTS “Black Swan”, Blackpink “Kill this love” , Mamamoo “HIP” .

Se sodes máis de trap, probablemente saibades máis ca min deste xénero, pero unha artista que leva varios anos na industria e que está gañando moita fama e recoñecemento é Doja Cat. Deixo o enlace ao seu último remix con Nicki Minaj, “Say so”.

Tampouco pode faltar a música en galego e, se vos gustan as letras cargadas de sentimentos e de denuncia, propóñovos á cantora bergantiñá Sés e o seu novo disco “Liberar as arterias” (aínda que calquera dos seus discos son unha obra mestra).

A música non para nunca, así que a desfrutala sempre!

____

Desde o EDLG, queremos achegar algo máis de variedade musical en galego e en feminino. Así que aquí vos deixamos a unhas veciñas trapeiras do baixo Miño cantándolle a Concha de Luneda (unha das mulleres de referencia na transmisión xeracional da música galega): Flow do toxo.

E aquí unha moza francesa que chegou e ficou a facer música na horta, MounQup: aquí a podedes escoitar falar. E aquí a podedes escoitar cantar, en galego. Música electrónica desde os verdes prados.

E se vos gustan as coreografías, aquí vos deixamos unha proposta contemporánea, e en feminino, desde o baile galego. E aquí outra de música disco, Fábrica de luz.

A seguir explorando a música e o baile. En xeral, claro que si! e galego. Por proximidade e calidade!

 

Distribuir contido