Concurso de Conxuros

 

Este ano non podemos celebrar, como adoitamos, as celebracións anuais da nosa comunidade, como o Samaín ou o Magosto. Porén, desde o EDLG faremos algunha actividade que nolas faga lembrar. E velaquí vai a primeira: un Concurso de conxuros do que vos deixamos máis información. Animádevos a participar!

 

CONCURSO DE CONXUROS PARA O SAMAÍN

 

O conxuro é unha invocación, máis ou menos rimada, a poderes de toda índole (físicos, espirituais, morais, políticos, sobrenaturais, ...) para  todo o que desexemos.
A finalidade deste concurso é crear conxuros para afastar todo o malo que queiramos que desapareza das nosas vidas: violencia, maltrato, inxustizas, guerras, prexuízos, estreiteces económicas, agresións ambientais...  en xeral e, en particular, neste ano 2020.

Aquí deixamos algúns exemplos:

Ollos de sapo,

pata de ra,

que acabe a pandemia

pasadomañá.

Conxuros contra a néboa

Érguete néboa,
puta da serra,
filla dun can
e dunha cadela.
Aí vén san Xoán
co seu burro ruán
ai! que te mata
ai! que te papa
ai! que te leva
  ao fondo do mar
a secar.

 

Outro  diferente  

Levántate, néboa,
do mar e da terra
que aí vén San Martiño
co seu ramalliño,
chorando e berrando
que te ha  matar,
cortarche a cabeza
  e tirala ao mar.

 

BASES DO CONCURSO DE CONXUROS  

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES RICARDO MELLA de Vigo, en colaboración co Departamento de Lingua Galega, convova un CONCURSO DE CONXUROS para festexar o Samaín

Enténdese por conxuro ou esconxuro todo tipo de invocación, máis ou  menos rimada, aos poderes de toda índole: físicos, espirituais, morais,  atmosféricos, sobrenaturais, … A finalidade deste concurso é recadar  conxuros para que desapareza todo o negativo deste ano 2020. 

BASES DO CONCURSO 

1. Poderán participar no concurso todas as persoas que o desexen. 

2. Os conxuros deberán ser orixinais, inéditos e escritos en galego.

3. Os conxuros presentaranse en tamaño A-4 e cunha extensión mínima de 12 versos.  

4. A obra presentarase nun folio. No reverso figurara nome e curso do alumno/a ou o cargo (no caso de profesorado ou persoal non docente do centro). 

5. Os traballos entregaránselle ao profesorado de Lingua Galega (ou deixaranse na Conserxaría ao seu nome) até o 27 de outubro

6. Haberá suculentos premios. 

7. O xurado estará integrado por profesorado e alumnado. 

8. Os traballos serán expostos na entrada do centro. O conxuro gañador será lido/declamado durante a celebración do Día das Letras Galegas (venres 30 de outubro) no Salón de Actos.

9. A decisión do xurado comunicaráselle ao/á interesada/o e farase pública no taboleiro do EDL o mércores 28 de outubro.

10. As persoas gañadoras permitirán que se corrixan os posibles erros gramaticais ou léxicos dos seus textos para seren publicados.

11. A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases. 

 Equipo de Dinamización da Lingua Galega, 16 de outubro de 2020