Mella de corentena 21

 

Hai dous meses comezabamos esta Mella de corentena. Un espazo que abrimos coa vontade de ser unha pequena fiestra aberta para a comunidade educativa durante o confinamento. Na primeira entrada, e tentando imprimir optimismo á aquela nova situación, contabamos o que daquela nos parecía unha oportunidade: a de coidarnos nós e os nosos quedando na casa e traballando arreo para non pensar tanto no perigo da pandemia que tiñamos enriba con cifras de falecidos diarios arrepiantes.

Dous meses despois os sentimentos mudaron. Porque as cifras seguiron sumando cifras e dor, e o traballo desde a casa, e téndoo que compaxinar cos coidados, resultou moi complexo. E as novas tecnoloxías non deron suplido a paixón que os profesores lle poñemos ao que ensinamos nin a dedicación que o alumnado lle pon ás súas aprendizaxes. Custa imaxinar as circunstancias do traballo de cada alumno/a e darlle as palabras de ánimo que necesite en cada momento para motivalo ao estudo, xa de seu difícil e, en confinamento, moito máis. E tamén custa valoralo logo, cunhas ferramentas rudimentarias e que non tiñamos implementadas e tivemos que improvisar con bastante acerto e axilidade mais con resultado desigual.

Dito isto, como docentes, non podemos estar máis orgullosos do traballo feito polo alumnado nestes meses (unha parte del reflectido neste blog) e, desde aquí, dámoslles os parabéns e as grazas! E como coordinadora do Equipo de Dinamización non podo estar máis agradecida da resposta de alumnado e docentes nestes meses en particular para animar e marter viva a chama da cultura e a lingua galega en confinamento.

Até aquí chegamos. Agora toca rematar o curso e, se todo correu ben (que esperamos que si), gozar dun merecido período de descanso, que o vindeiro curso comezará con intensidade e tennos que coller coas baterías ben cheas. Por iso vos deixamos, nestas últimas achegas, unhas recomendacións musicais, para que vos animen o verán.

Saúde para tod@s e até o vindeiro curso!

 

AdxuntoTamaño
fala-me-1.jpg35.07 KB