Normalización Lingüística

Mella de corentena 3

 

A MIÑA CORENTENA. Lorena Viña. 1º Bach H

A situación desta corentena está a ser moi complicada, aillados, miles de contaxiados, miles de mortos. Algo que para nada esperaba vivir ós meus anos.

Para min concretamente a situación é delicada, son un grupo de risco, pouco antes de aillarnos fun sometida a unha ablación por segunda vez nuns meses. Sen ter en conta o da miña operación a corentena estáseme a facer un pouco costa arriba, xa son moitos días “pechada” na casa, sen estar cos meus amigos, sen ver máis aló do que alcanza a miña vista dende o balcón da casa.

Durante este período pasei polo meu aniversario, un tanto peculiar este ano, non houbo máis celebración que soprar as velas cos meus pais e a miña irmá, celebrarémolo cando todo isto remate. Recibín a felicitación dos meus familiares e amigos/as, algúns deles xa me felicitaron ás doce da noite. Ao espertar pola mañá tiña unha mensaxe do meu mellor amigo, sentínme moi feliz cando a lin.

Neste mes tamén estou facendo moitas cousas en familia, cousas que antes ben por motivos de estudos ou polo traballo non faciamos xuntos. As mañás dedícoas a estudar e facer as tarefas, e despois de comer, aproveito para estar coa miña irmá e cos meus pais: falamos, facemos xogos e pasamos as tardes en familia. A convivencia está sendo moi positiva, antes case non nos viamos e agora pasamos o día xuntos.

Teño moitas ganas de que todo isto remate para poder saír da casa, ver aos meus amigos/as e á miña familia.

Despois desta experiencia negativa creo que temos que aprender a valorar máis todo o que temos, desfrutar das pequenas cousas que xorden ao longo da nosa vida.

Espero vervos pronto.

Todo vai saír ben!

 

Mella de corentena 2

 

Aquí vos deixamos un traballo sobre Mulleres ilustres da Idade Media, unha chulada de vídeo sobre EXERIA realizado polas alumnas Rocío Boullosa e María Teijeira (1º Bach C). Non coñecedes a primeira viaxeira da historia? Pois premede e aprendede! (pode tardarvos un anaquiño en cargar)

 

O diario de EXERIA, que se custodia na Biblioteca de Arezzo (Italia), puido verse na Exposición "Galicia un relato no mundo" que visitamos o pasado mes de marzo na Cidade da Cultura de Galicia. Se queredes facer unha visita virtual por esta extraordinaria exposición premede aquí: https://www.cidadedacultura.gal/es/evento/galicia-un-relato-en-el-mundo

 

Mella de corentena 1

 

Barbuza, Borralla, Chuvisca, Orballo, Patumeira, Poalla, Zarzallo, Ballón, Chuvascada, Xistra, Zarracina, Treboada, Escarabana, Pedrazo, Salabreada, Escambrar, Borraxeira, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Nebra… Sabiades que os galegos temos máis de 100 palabras para designar a choiva?

Para min foi moi rechamante sabelo pero como di Elvira Fidalgo nun dos seus estudios “É lóxico que unha poboación que vive inmersa na choiva busque mil conceptos sacados das imaxes máis variadas para nomear aquilo que está presente na súa vida, e din que tamén no seu espírito“.

Hoxe levamos máis dun mes inmersos nunha situación nova para todas, que nos obriga a improvisar sobre a marcha, que fai abanear as nosas vidas e que afecta ó noso espírito. Co tempo atoparemos moitos máis de 100 vocábulos para describir o que pasou, porque existen milleiros de fogares distintos, dentro de cada fogar persoas moi diversas que cadansúa vive este momento ó seu xeito en función do seu entorno, características e necesidades.

Se teño oportunidade contareivos como o vivín eu pero agora vou comezar polo final e confesarvos como me gustaría que rematara todo isto.

Estou convencido que para moitas de vós este último mes está resultando moi duro, que precisades saír, facer deporte, ir ó parque, ó monte, á praia, estar coas vosas amizades, coa vosa parella, bailar, tomar algo nunha terraza, saír pola noite, ou simplemente respirar na rúa e se nos centramos nos problemas que temos pechados na casa o resto farase insoportable, por iso gustaríame focalizar en todo o positivo que podemos obter. Eu faría a seguinte proposta persoal sobre a que podedes reflexionar:

-      - Quero ser consciente das miñas verdadeiras necesidades básicas, iso que si ou si preciso cada día, a saúde é a primordial e deseguido saber e sentir que os meus seres queridos están ben para ter a posibilidade de ofrecerlles cada día a miña mellor versión.

-       -  Quero ser un pouco máis sabio e non esquecer esta experiencia, un pouco máis sensible coas situacións do resto de habitantes do mundo, un pouco máis empático coa de xente que me rodea, en definitiva un pouco máis humano. Porque finalmente decátome que todos estamos vinculados, unidos dalgún xeito, dependemos uns dos outros e cando as cousas se torcen é innegociable apoiar os máis vulnerables.

-      -  Reafirmar os meus valores e o meu xeito de andar pola vida, confirmando que o ano pasado, hoxe e cando todo isto remate unha médica, a caixeira dun supermercado, unha profesora ou o persoal de limpeza son infinitamente máis importantes para min que personaxes coñecidas coas que os medios nos bombardean todos os días. Esas persoas anónimas son as que cada día deberían recibir o noso respecto e admiración.

-       -  Aínda que sexa un clixé moi sobado… Facer de cada xornada algo especial, aproveitar ó máximo a vida, erguerme cada mañá coa determinación de ser feliz porque a felicidade non é unha meta, en realidade é un estado, unha decisión que tomamos cada día.

En fin, está é a miña proposta pero gustaríame coñecer a vosa, saber de vós, ler como vos sentides, que necesitades, para percibirnos un pouco máis preto, recuperar unha parte do noso vínculo e entre todos atopar máis de 100 formas de entender esta pandemia.

Saúdos e saúde

Jacob Seijas

Normalizando en corentena: Mella de corentena 0

 

Alá vai un mes desde que non nos miramos. Miramos, si, na variante dialectal do galego das Rías Baixas: porque o noso día a día é máis de mirar ca de ver. De ficar atentos aos nosos alentos e desalentos. Por iso nos preocupamos. Por vós e os vosos. As persoas e os ánimos. E por iso, desde aquí, queremos animarvos. A usar o galego e contarnos. Das vosas preocupacións e das vosas creacións en confinamento. Como poidades. Como queirades. Cando queirades. Á vontade.

E creamos este espazo común, este MELLA DE CORENTENA, para toda a comunidade educativa.

E empezo por min mesma. Eu estou encantada co confinamento. Teño fillos pequenos e, para eles, que eu estea todo o día na casa, mesmo traballando arreo, é gloria. Porque nunca lles foi habitual. E non me saen do colo. (Si, son esas voces que se escoitan por tras das videochamadas). E eu penso: cantos colos fan falta para facer un neno? Cantos lles faltaban aos meus e, mira ti, esta desgraza me permite darlles? E estou contenta por poder atendelos. Mentras teletraballo.

Mais estou preocupada por vós. As miñas alumnas e alumnos. Os meus compañeiros e compañeiras. A comunidade educativa ao completo. Por non saber se estades todas ben.

E tamén estou desconcertada por todo o que tiña previsto contarvos en directo. (Imaxino a cara do alumnado ao ler isto. Hehe! Pero é que me quedaban moitos contidos chulos por contarvos. En serio!) e non vai poder ser. Pero vaia. Que me hei esmerar para que o importante vos chegue! Como se poida.

E tamén teño que dicir que, algunhas de vós, nunca tanto me escribirades en todo o curso. E outras NUNCA TANTO ME FALARADES EN GALEGO!!! E isto dáme optimismo para pensar que, no medio desta calamidade, tamén hai espazo para as oportunidades. Veña! Ídenos contando. En galego virtual. Mentras non poida ser en galego ao vivo. Moito ánimo!

Olga Nogueira

ESTAMOS DE CORENTENA, PERO DÁMOSLLE Á LINGUA!

 

Estamos confinados. Sabemos cando empezamos mais non sabemos cando remataremos. E parece que vai para longo.

Mais a lingua non para. E nós tampouco. Así que aquí vos deixamos unhas ligazóns nas que podedes atopar entretemendo, información e formación. Desde a casa. En galego!

Esperamos que vos gusten e vos sexan de axuda:

Xogos: https://portaldaspalabras.gal/xogos/

Lecturas: https://www.galiciale.gal/

Audiovisuais: http://novocinemagalego.info/10anosncg/

Música: https://open.spotify.com/playlist/4IpTHAJz0ZIomYjIOviWWL

Estudo: https://aulasgalegas.org/

 

 

Distribuir contido