Normalización Lingüística

Roteiro Rosaliano e Cidade da Cultura

O pasado 4 de marzo visitamos a Casa de Rosalía e a Cidade da Cultura. Unha actividade que fixemos dentro do proxecto de Roteiros de Mulleres do Departamento de igualdade, ao que o Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización achegou o Roteiro rosaliano: por Padrón e Santiago de Compostela. E no que, ademais de visitar a casa-museo de Rosalía de Castro, tamén aproveitamos para visitar a exposición "Galicia, unha pegada no mundo" na Cidade da Cultura, que nos permitiu ver obras de arte galegas espalladas polo mundo. Algunhas delas, como o Diario de Exeria, foron logo aproveitadas polo alumnado para completaren os traballos que están a facer sobre "As mulleres na Idade Media".

Bota a andar NA ONDA DO MELLA

Bota a andar o programa de radio NA ONDA DO MELLA, cuxa primeira edición tivo lugar o pasado 14 de febreiro, a cargo do alumnado de 3º da ESO (Natalia, María e Kevin) que conduciron esta primeira onda, adicada ao amor na súa vertente máis amarga: o desamor. As locutoras leron cartas de desamor dos seus compañeiros/as de clase, pincharon música de SÉS e entrevistaron a Xacobe (o profesor de Lingua castelá) e Miguel (o profesor de inglés) que nos contaron os seus amores e desamores, así como as súas reflexións e consellos sobre este sentimento tan presente nas nosas vidas. Se a técnica nos asiste, o programa terá unha periodicidade semanal e estará conducido por un curso cada semana. Formade un equipo, preparade un tema e o programa é voso!

 

ANO NOVO PROXECTOS NOVOS

Comeza o ano e temos un bo lote de proxectos que botar a andar, según fostes propondo nas xuntanzas. O primeiro que arrincaremos será o clube de leitura em português EU PERCEBO, TU PERCEBES que comeza esta quinta-feira, 16 de janeiro, durante o recreo no Salón de Actos. Nesta primeira xuntanza falaremos sobre o texto "Fronteira" do libro Novos contos da montanha de Miguel Torga. O texto pode atoparse en internet, por se o queredes traer lido. Mais se non vos atrevedes vós sós na casa, farémola alí en grupo e en confianza. Logo xuntarémonos cada mes para unha nova lectura. Desta maneira prepararémonos para o INTERCAMBIO CON PORTUGAL (Escolas Agrupadas de Vila Nova da Cerveira), previsto para os meses de abril-maio.

 

EN GALEGO TEN PREMIO!

Remata o ano mais comeza o certame EN GALEGO TEN PREMIO! co que premiaremos os traballos feitos en lingua galega, en materias impartidas noutras linguas mais coa posibilidade de entregar traballos académicos en galego. O obxectivo é incentivar o uso da lingua galega todo o máis que poidamos e, en especial, nas materias de ciencias e tecnoloxía, que tanto abundan no centro. Ao longo do curso daranse seis premios: dous ao final de cada trimestre.

Ánimo e contade coa axuda do Equipo de Dinamización Lingüística para o que necesitedes.

Adxuntamos as Bases do certame. Sorte a tod@s!

Tamén temos activa a ENQUISA SOCIOLINGUÍSTICA do centro na páxina web. Animamos a toda a comunidade educativa a que a cubra. É moi rápida e sinxela, mais os datos que recollamos serannos de moita axuda para planificar as actividades futuras. Estará aberta até o 20 de decembro. Grazas de antemán!

 

Magosto 2019

Entramos na semana do Magosto.

Aquí vos deixamos o programa de actividades. Non deixedes de desfrutar dos artistazos que nos acompañarán. Se premes na imaxe poderás escoitar uns petiscos musicais:  

Ariel Ninas

Ariel Ninas. Zanfona. Ofrecerá un miniconcerto didáctico de Cantos de cego ás 12:15h no Salón de Actos. E a partir das 12:45h, no Patio, magosto para todxs e concerto de música tradicional galego-portuguesa coa banda Senhora Assem.

Laura Lamontagne

E a partir das 13:30h concerto de Laura LaMontagne e Pico Amperio. Música electrónica sobre textos da literatura medieval galego-portuguesa e do Rexurdimento.

Distribuir contido