Normalización Lingüística

O carballo da lingua

Necesitabamos un espazo de maior visibilizacion para a lingua galega no centro. E decidimos facelo ao grande. E cun elemento que, á vez que visibilice a lingua, sensibilice os corazóns: por iso usamos un carballo. En cuxas pólas iremos pendurando distintas palabras, conceptos, ideas...

Fica inaugurado o CARBALLO DA LINGUA!

A primeira expoisición que fixemos, todo ao longo do mes de xaneiro de febreiro tratou sobre o vocabulario en galego do Coronavírus. Ducias de conceptos que foron chegando ás nosas vidas e que aprendemos a enunciar en lingua galega.

A segunda exposición, que vimos de inaugurar, trata sobre o amor e os coidados. Para iso usamos uns paxariños de inverno que fixo o alumnado de 1º da ESO, en colaboración co Departamento de bioloxía e de Debuxo. Tamén colaboramos con Igualdade para unha exposición sobre conceptos básicos como "paridade", "conciliar", "teito de cristal", etc. Agardemos que vos guste!

 

Botan a andar os Clubs de Lectura

Como xa acontecera en anos anteriores, o IES RICARDO MELLA ofrece á súa comunidade educativa a posibilidade de partillar a lectura en formato Club. Así, neste mes de febreiro, botan a andar tres clubs de lectura: 

CLUB DE LECTURA EN GALEGO, os venres no recreo no ximnasio

CLUB DE LECTURA PARA ADULTOS, os mércores no recreo na biblioteca

CLUB DE LECTURA DE MANGA, os xoves no recreo na biblioteca

En principio os Clubes reuniranse a primeira semana de cada mes.

Os libros para ler iranse escollendo en cada xuntanza.

Para máis información, dirixirse ás profesoras Leonor (encargada da Biblioteca), Rosa (PT) ou Olga (Dinamización). 

Faladoiros "Eu tamén son profe de galego!"

 

 

O Faro de Vigo dá conta da nosa iniciativa: 

Faladoiros no recreo para animar a falar galego

O alumnado do IES Ricardo Mella, centro de Vigo que participou nesta edición no Correlingua, gozou dunha actuación do dúo Aldaolado e tamén organizan conversas sobre temas de actualidade

Redacción 

08·12·20 | 02:00 

pastedGraphic.png

Alumnado do IES Ricardo Mella nas actividades. 

Nos recreos organizan ‘Faladoiros’, en días puntuais, e manteñen conversas en galego sobre calquera tema que se lles ocorra. “Pois, por exemplo, no último puxémonos na situación de empezar a vacinarnos por coronavirus e tamén falamos sobre o debate que xurdiu hai uns días nas redes sociais sobre o tema de levar saia os rapaces ao instituto”, comenta Olga Nogueira, profesora de galego no IES Ricardo Mella de Vigo. 

Este foi o único centro de Vigo que este ano participou no Correlingua, unha iniciativa para centros de toda Galicia para animar aos rapaces e rapazas a falar galego. Coñecida tamén como ‘a festa da lingua dos centros educativos’, este ano chegou á edición número 20. De feito, o manifesto do centro que gañou este ano esta iniciativa de Correlingua, o CPI de Zas, titúlase: “Vinte coa lingua, vinte coa rebeldía”. Neste texto o alumnado diríxese a familia, institucións, medios de comunicación, empresas, igrexa… para que se comprometan coa lingua: “a necesidade de dar a batalla en defensa do idioma”, golpeado pola perda de falantes. 

No IES Ricardo Mella, segundo a súa profesora Olga, o alumnado tamén bota en falta referentes próximos para poder falar en galego. Moitos deles admiten que xa non teñen xente nos seus fogares ou círculos cercanos que lles falen en lingua galega. A maioría falan castelán habitualmente, se ben desfrutan das actividades en galego que se realizan neste instituto. “Detalles que son máis complexos: a colocación do pronome, por exemplo, un tema ao que intentamos sacarlle ferro”, comenta Olga Nogueira. 

Normalmente, en calquera ano académico sen dificultades sanitarias coma o actual, para celebrar a festa da lingua varios institutos reúnense en Castrelos e hai varios espectáculos ou funcións, música, teatro para que a rapazada interactúe en galego. Sen embargo este ano non puido celebrarse deste xeito debido á situación que se vive pola pandemia do coronavirus. 

Como o acaban de celebrar? Cun espectáculo do dúo Aldaolado no propio instituto, e cun público que cumpría as normas de distanciamento e hixiene.  

As actividades desta vixésimo edición do Correlingua foron adiadas na pasada primavera por causa da pandemia e recuperadas para celebrar no mes de novembro orientadas as transmisións en redes e realizadas en espazos seguros e con todas as medidas de prevencións esixidas, incluíndo as limitacións de alumnado nos recitais. 

Organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, trátase dunha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que nestes 20 anos de traxectoria acumulou diferentes recoñecementos, entre os que destaca o Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, polo seu “destacado compromiso coa lingua, capacidade de introducir o galego desde a infancia entre as máis cativas e cativos e por manter ese uso vivo a medida que medran a través de múltiples actividades”. Colaboran na organización desta edición, entre outras institucións, as deputacións de Pontevedra, de A Coruña e a de Lugo. 

O IES Ricardo Mella de Vigo leva anos desenvolvendo unha intensa actividade a prol da lingua galega. Actividade encamiñada a mellorar a competencia oral do alumnado, que cada vez fala menos galego. O ano pasado, ao abeiro dun Plan Proxecta de Innovación en Dinamización Lingüística, leváronse a cabo actividades varias no centro, que ían culminar cun intercambio con Portugal (cun centro de Vila Nova da Cerveira) no mes de abril, mais que finalmente tivo que adiarse por mor da Covid. Este ano, ademais de darlle continuidade ás actividades do ano pasado (programa de Radio "Na onda do Mella", clube de lectura en portugués "Eu percebo, tu percebes", certame "En galego ten premio!", etc.) engadimos un faladoiro interpares baixo o lema: "Eu tamén son profe de galego!" Con el búscase que os máis pequenos falen galego nun contexto real mais informal. 

Estas actividades congregan ducias de alumnos/as, profesores e persoal non docente do centro, que as dinamizan ao longo de todo o curso. 

Correlingua: experiencia na que participan cada ano 20.000 alumnos e alumnas 

Cada ano son máis de 20.000 nenos e nenas, mozas e mozos, os que participan nas actividades desenvolvidas arredor da celebración do Correlingua e mesmo hai casos de persoas que tendo participado nun Correlingua como alumnos e alumnas xa tiveron a oportunidade participar como mestres. Neste sentido, hai quen considera que o mesmo que no seu día houbo unha xeración Xabarín, agora podemos falar xa dunha Xeración Correlingua. 

O Correlingua visita o Mella

Como cada ano, o Correlingua acompaña a celebración das Letras Galegas. E como este ano estas se adiaron, tamén o Correlingua o fixo. E tamén se tivo que adaptar: nada de aire libre e grandes concentracións de estudantes, o Correlingua 2020 foi a cuberto e para aforos limitados. E na cidade de Vigo, o centro escollido foi o noso. E estamos moi contentos de acoller a actuación das artsitas Lucía Aldao e María Lado co espectáculo Aldaolado: poesía, música e moito humor arredor da lingua, e con especial fincapé nos neofalantes, máis necesarios ca nunca! Será o vindeiro 26 de novembro ás 12h no Salón de Actos (só para o grupo de 2º da ESO). Para todos os demais, aquí vos deixamos un petisto destas artistas.

Celebración do Día das Letras Galegas (adiado)

 

Como lembraredes a edición 2020 do Día das Letras Galegas, adicada ao autor Ricardo Carvalho Calero, foi adiada no mes de maio por mor da pandemia. A nova data é o 30 de outubro (coincidindo co aniversario do autor) e no centro celebrarémolo coas seguintes actividades:

 

Distribuir contido