FacebookSíguenos en YouTube

3º ESO PREPÁRASE PARA SURFEAR

O pasado luns o alumnado de 3ºESO practicou durante dúas sesións distintos exercicios para poñelos en práctica cando vaian surfear na praia de Arou. Para comezar unha pequena charla teórica na que se valorizaron as praias da Costa da Morte como das mellores para practicar este deporte. A continuación a rapazada púxose en acción e simularon o comportamento das ondas do mar e as correntes, familiarizáronse co material de surf e practicaron os movementos sobre táboas de surf, sobre patinetes e sobre táboas e rolos de equilibrio de madeira.

 

Unha excelente forma de entender e dominar as técnicas antes de aplicalas no océano. Isto, que ía realizarse o pasado mércores, tivo que adiarse polas malas condicións climáticas  para principios de xuño. De seguro que para entón non esquecen o aprendido en terra!

PROTEXEMOS A PEL E COIDAMOS O MAR

O alumnado de 2º ESO comezou a Semana Cultural participando nun obradoiro de elaboración dun protector solar impartido pola asociación Aprendendo a través do surf. Na primeira parte, teórica, o relator fixo fincapé no probable impacto que os protectores convencionais teñen na nosa saúde e no ecosistema mariño. Animou os presentes a aprender a identificar determinadas substancias tóxicas presentes nos cosméticos e a reflexionar do sorprendente que é que, hoxe en día e con todos os controis que hai, aínda existan produtos con substancias tóxicas que se comercializan sen ningún problema.

Explicou a importancia do sol na nosa saúde, pero tamén os danos que pode producir o exceso da exposición á radiación solar. Parar prolongar o tempo de exposición sen sufrir danos debemos utilizar protectores solares. El propuxo alternativas naturais para protexernos de xeito máis respectuoso e natural. Entre estas alternativas desenvolveu coa rapazada unha fórmula de protección solar caseiro con óxido de cinc e ingredientes accesibles de orixe natural para que poidamos elaboralo na casa. Todos os e todas as asistentes levaron unha mostra de crema solar, tendo en conta que non se trata dun protector solar homologado.

O alumnado gustou do taller e, asemade, concienciouse da necesidade de coidarnos ante o sol e da necesidade de evitar contaminar os mares coas cremas protectoras, algo, isto último, que para eles e elas pasaba inadvertido.

XVIII SEMANA CULTURAL

ADRIÁN MACÍAS LEMA, PREMIADO NO CONCURSO CONTOS DE PRIMAVERA

O alumno de 2º ESO, Adrián Macías Lema, resultou premiado co texto Chegara da escola….no sétimo certame Contos de Primavera, promovido por La Voz de Galicia e Radio Voz.

Hoxe recolliu o premio no acto que tivo lugar na sede de Conservas Calvo en Carballo.

Moitos parabéns Adrián!

CIENCIA NA RÚA

O Maximino Romero de Lema participou este sábado, 4 de maio, na actividade Ciencia na rúa celebrada no parque de Santa Margarida, na Coruña. Constanza, Lara, Mateo, Desi, Dani, Óscar, Miguel, Sergio, Manuel, María e Héctor, atenderon un stand no que se ofertaban distintas actividades relacionas coa ciencia: xogos matemáticos, extracción do ADN, elaboración de perfumes, explicación do ciclo de vida dos vermes de seda, etc.

 

Gañaron o premio Javier Novelle 2024 polo estudo minucioso da ciencia dos perfumes.

Esta actividade foi organizada por  Cecilia Folla, do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía; Begoña Raña, do de Física e Química e Luchy Mouzo e Suso Blanco, do Departamento de Matemáticas.

Pola tarde, tamén se fixo unha presentación e demostración dos retos cos que están participando os profesores Fina Paulos, Óscar Rey e Marta Diz no proxecto de Talentos Inclusivos.

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA PARTICIPA NO II CONGRESO NACIONAL DA ESCOLA RURAL

Un grupo de alumnos de 4º ESO acompañados dos profesores Fina Paulos, Óscar Rey e Antonio Campos, participaron o venres 3 de maio no II Congreso Nacional da Escola Rural celebrado en Ribadavia.

Durante toda a xornada houbo conferencias, obradoiros, debates....para por en valor a escola rural polo seu “modelo de proximidade, innovación e cooperación.

O noso centro participou cun obradoiro sobre Intelixencia Artificial.

PRACTICANDO SURF EN TERRA FIRME

Esta semana os cursos de 2º e 4º da ESO tiveron unha charla teórico-práctica sobre a práctica do surf que impartiu o xerente de Ubuntilife en Camariñas. Gabriel empezou poñendo en valor as praias da Costa da Morte sinalando que compiten en idoneidade coas máis famosas praias australianas. Xa en acción, o alumnado tivo ocasión de simular o comportamento das ondas do mar e as correntes, familiarizarse co material de surf e practicar os movementos de corpo sobre a táboa de surf, enriba de patinetes e incluso sobre táboas e rolos de equilibrio de madeira. 

Nesta primeira toma de contacto con este deporte, o alumnado deuse conta de que non é tan fácil como parece a priori, pois a súa práctica require dunha grande cantidade de habilidades físicas, coma a forza, a resistencia, a flexibilidade e o equilibrio; sen deixar de lado a non menos importante, que é a de ter presenza de ánimo. Este taller é unha excelente forma de entender e dominar as técnicas antes de aplicalas no océano. Isto terá lugar para o alumnado destes cursos na praia de Arou durante unha mañá do mes de xuño. 

A INNOVACIÓN A TRAVÉS DA CÁMARA DE COMERCIO E NAVEGACIÓN DA CORUÑA

O luns, 08 de abril do 2024, estivo con nos Angel Noguerol Urrutia, experto en Innovación da Cámara de Comercio e Navegación da Coruña. Tamén é o responsable das incubadoras de empresas da Cámara de Comercio en Carballo e Cerceda e que veu a impartir una xornada do proxecto España Emprende.
Aproveitamos para facerlle unha entrevista, a rapazada de 4º de ESO en Economía, sobre emprendimento, que subiremos a web en datas próximas.
Os alumnos de 1º e 2º BACH, Economía e Empresa e diseño de modelos de negocio, respectivamente, desfrutaron dun achegamento ao mundo da innovación e do emprendemento, que dende a Cámara de Comercio e Navegación da Coruña, leva anos promocionando, cultivando e recollendo innumerables froitos para o tecido empresarial da nosa comarca.
Angel presentounos as incubadoras, que son, como podemos participar delas, cal é o fin da sua existencia e, para rematar, engadiu a experiencia colaborativa do Coworking.
Destapou un grupo de proxectos emprendedores, nados do traballo nas incubadoras, que seguen a participar da economía local e amosan que sí se pode emprender, con esforzo e adicación, ter éxito.

Para rematar xogamos a facer un cohete experimental no salón multiusos do centro.

Coma sempre un gusto terte entre nos. Grazas por vir e contarnos experiencias.

Volta pronto con esas novas do xenio galego.

Distribuir contido