FacebookSíguenos en YouTube

AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO

O noso centro tamén se suma á campaña promovida polo IES Rafael Dieste da Coruña, Aquí tamén se fala galego, unha iniciativa cultural e de dinamización da Lingua Galega na que participamos ao redor duns 200 centros educativos de Galicia.

O alumnado de 3º ESO repartiu carteis polos comercios e outros locais de Baio e a súa contorna.

Agradecémoslles a todos eles a súa colaboración e boa dispoñibilidade para participar nesta iniciativa.

ONDE NACE O FUME

Hoxe, o alumnado de 2º e 3º ESO, asistiu no ecomuseo Forno do Forte de Buño, á visita teatralizada Onde nace o fume. Durante uns cincuenta minutos, Yago Espasandín (antigo alumno do noso centro) e Raquel Crespo, achegáronnos ao mundo da olería amosando o traballo diario dun oleiro e da súa familia.

Tras a representación teatral, houbo un coloquio entre os actores e o alumnado, no que nos contaron entre otras cousas, como e por que decidiron facer esta representación teatral, o contexto social e histórico no que se sitúa, así como a ampla tarefa de documentación que levaron a cabo para poder finalmente representar esta historia real.

Sen dúbida, foi unha moi boa forma de coñecer a alfarería, unha tradición do século XVI e que segue moi viva hoxe en día no pobo de Buño.

CHARLA TERAPIA OCUPACIONAL

O xoves 25 de abril estiveron con nós Ana Negreira, antiga alumna do centro e estudante do 4º curso do Grao de Terapia Ocupacional na Universidade da Coruña, e dúas das súas compañeiras de carreira. Como parte dun proxecto de innovación educativa, impartiron unha charla ao alumnado de 4º da ESO, cos principais obxectivos de orientar e informar sobre as posibilidades de futuro ao cerrar este ciclo educativo, dar a coñecer a Terapia Ocupacional e dar difusión ao seu grao e as características deste na UDC.

Unha vez máis o alumnado valorou de xeito moi positivo a información que se lles proporcionou e que lles abriu o abano de posibilidades para decidir os seus futuros estudos.

A NOVA PROMESA DA NOVELA NEGRA EN GALEGO PECHA O MES DO LIBRO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA.

Irene Regal Jul puxo o broche final á VI Edición do Mes do Libro organizado polo Equipo da Biblioteca do Instituto de Baio. Ante o alumnado de 4º ESO e do Club de Lectura de 1º Bach e 1º CM, a autora de A malferida definiu este libro como unha novela negra que escribiu coma un xogo e que, por animación familiar, decidiu presentala ao Premio Illa Nova de Narrativa coa agradable sorpresa de resultar gañadora. Para a súa escrita inspirouse en novelas negras e policíacas como Ollos de auga de Domingo Villas ou Plenilunio de Muñoz Molina.

A malferida, no que a intriga é o elemento fundamental, ten como eixe central o tema do acoso e, como comentou a autora, quixo poñer o foco na persoa que o sofre, pero sen deixar de lado as persoas que a rodean, tanto os acosadores, como aqueles que co seu silencio se converten en cómplices. Neste sentido na novela lanza moitas mensaxes sobre a necesidade de concienciarnos para acabar con esta lacra.

A autora respondeu ás numerosas cuestións e curiosidades do alumnado sobre A malferida e sobre Tecendo redes, Premio Vilar Ponte 2022, lida no club de lectura. Algunhas das preguntas centráronse no proceso da escrita e, como había presentes alumnos e alumnas que participan nun taller de escritura creativa no centro, Irene deulles algúns consellos  e rematou animándoos a que participasen en concursos literarios.

Rematamos a xornada literaria coa sinatura de exemplares e o agradecemento á autora por achegarse ao noso centro dende terras tan distantes como é a mariña lucense. 

De novo, e mais unha vez, a VI Edición do Mes do Libro do noso centro educativo pon de relevo que a lectura abre horizontes e permite ir conformando a nosa identidade a través das preguntas que sempre se abren cando lemos un libro. A participación do alumnado demostra que cómpre seguirmos coa defensa e promoción do libro en galego.

PREMIO Á PROMOCIÓN DA IGUALDADE E A NON VIOLENCIA

A curta "Descubre la igualdad a través de la IA" elaborado por Alicia Martínez e Enrique Mallón, alumnos de 4º ESO, e, coordinado por Fina Paulos e Óscar Rey, profesores de Informática, recibiu o premio "a la promoción de la Igualdad y a la no Violencia" no International Youth Film Festival celebrado esta fin de semana en Plasencia. 

 

Moitísimas grazas aos catro por esta iniciativa, polo gran traballo feito e pola vosa implicación.

 

Parabéns Alicia, Enrique, Fina e Óscar.

 

Podedes ver a curta no seguinte enlace.

CONSTRUÍNDO A NOSA SEXUALIDADE

A recoñecida sexóloga e xinecóloga Carol Strate  (@alumbramujer) impartiu na mañá de onte senllos talleres de Educación Sexual Integral aos grupos de 1º BACH por unha banda e aos de 4º e 1ºFPB por outra.

 

Unha vez presentada, a especialista invitou ao alumnado a formar con ela un equipo de construción da nosa sexualidade. A partir dunha chuvia de palabras que os e as participantes foron sinalando ante a mención da palabra sexualidade, explicou que a sexualidade non só é a súa faceta máis física ou biolóxica, senón que hai que sumarlle o aspecto psicolóxico/emocional e o aspecto social. A combinación dos tres ámbitos dará lugar a unha única maneira de vivir a sexualidade, distinta das demais. Introduciu conceptos como identidade de xénero, orientación sexual e expresión de xénero sinalando que debemos coñecer que existe esa diversidade para poder respectar e vivir en harmonía.

 

Como é innegable que o aspecto biolóxico é importante, detívose no funcionamento dos órganos sexuais de xeito moi práctico. Tamén falou das normas e valores que rexen na sexualidade, centrándose nas tres erres: Respecto, Responsabilidade e Reciprocidade. Ao longo do taller foi derrubando mitos e crenzas erróneas arredor do sexo. Como nos medios de comunicación, películas, Internet nos bombardean con mensaxes confusas, equivocadas sobre a sexualidade, e que de xeito inconsciente nos van educando, é fundamental  desenvolver un pensamento crítico para detectalos e combatelos. Coma no caso da pornografía, que é toda ela unha ficción e que sumada ao feito dunha falta de educación sexual dá lugar a problema importante. 

 

Tras a recomendacións de lecturas sobre o tema, rematou a súa intervención co mandato de que “constrúan unha sexualidade sa, con bos cimentos”. Por iso, desexamos que conste o noso máis firme e sincero agradecemento a Carol Strate por facilitarnos as ferramentas necesarias para mellorar na dura tarefa de convivir en sociedade como cidadanía crítica, formada e informada.  

AS NOVAS FORMAS DE ANIMAR Á LECTURA CHEGARON DA MAN DE VIOLETA MELÉNDREZ

Novo mundo, novas formas para achegarse á lectura en papel a través das redes sociais,  iso é o que representa Violeta Meléndrez, unha das referencias galegas entre as influencers que presenta ao seu público libros de literatura infantil e xuvenil e que hoxe nos visitou ao IES Maximino Romero de Lema. En concreto, Violenta Meléndrez usa a rede de Instagram para crear un ambiente positivo ao redor dos libros que escolle e favorece que a curiosidade permita consolidarse nun achegamento real de novos lectores e lectoras a libros físicos. 

 

Cristina Soto, amiga da bookstagramer e exalumna do noso centro foi a encargada de presentarlla ao alumnado de 3ºESO e 1º FPB. Violeta, que confesou ser unha gran lectora, dixo que os seus contidos xiran sobre as súas lecturas. Deu a coñecer a súa conta de instagram (@littera_lupa), rede na que máis publica e na que fai reseñas en galego. 

 

Comentou que adoitaba publicar fotos dos libros con elementos da natureza e amosounos varios exemplos. Explicou como funcionaba o club de lectura do que forma parte e que conta con 13 membros fixos, pero que son moitos máis. Un club de lectura no que len e comentan cada certo tempo un libro a través dunha conta de telegram. Unha das actividades que puxo de relevo é lanzar retos cada mes a través da lectura que se propón: un libro cun gato na portada, autora latinoamericana, libro epistolar, literatura infantil, literatura de medo, obra teatral... son algúns exemplos dos retos deste ano.

 

Facilitounos tamén varias contas de instagram que son auténticos escaparates de lecturas variadas no que destacan nomes de referencia galegos: @delibrosalibres, @libroscontos, @mazadahorta, @neeumatiko @surfeandolibro... dedicadas á crítica literaria destacando os seus contidos e o que máis lle gusta de cada unha delas. 

 

Para finalizar recomendou tres libros que máis lle chegaron ao corazón e falou dos aspectos que máis lle gustaron: Que me pare o corazón de Andrea MaceirasUn elefante na sala de estade Berta Dávila e  Nom estamos quebradesde Nee Barros.  

 

Saudamos a presenza destas canles e desexamos que sirvan para defender, protexer e renovar o interese pola lectura do libro en galego.

VISITA DE MARÍA TRAVESO

O luns 15 de abril, estivo con nós María Traveso, da consultora Promove, dentro do Programa Actúa do Eduemprego 2024.
A rapazada de 1º de CM participous nunha charla sobre innovación. Falouse de diferentes ferramentas para traballar a creatividade e a innovación. Retos de atención, para desenvolver o Pensamento Lateral e xogos sobre como re-pensar negocios xa funcionando. Un xogo de construcción, segundo o traballo con "legos", permitiron atopar 18 patos, sobre 6 pezas de montaxe manual. 
Un traballo excelente, ameno, cordial e intenso. Grazas María. Aqui te esperamos, pronto, con esas ideas tan enriquecedoras.

Distribuir contido