FacebookSíguenos en YouTube

XOSÉ MARÍA REI LEMA REIVINDICA O DÍA DAS LETRAS GALEGA PARA LABARTA POSE

Este venres, dentro dos actos do VI  Mes do Libro organizado polo Equipo da Biblioteca do noso Centro, o alumnado de 1º Bach acudiu á presentación do libro Antoloxía Poética. Enrique Labarta Pose que foi publicada recentementeO mestre de cerimonia foi Xosé María Rei Lema, un dos editores xunto con Xosé María Varela. 

Confesou o investigador que decidiron realizar esta recompilación de corenta poemas en galego do escritor baiés porque xa era case imposible acceder á súa creación poética pois hai trinta anos que non se publicaba nada del. Ademais esta iniciativa encádrase dentro das que desenvolve o Concello de Zas para conseguir que se lle dedique a Labarta Pose o Día das Letras Galegas 2025. 

A  seguir Rei Lema centrouse na figura do noso ilustre paisano cun percorrido pola súa traxectoria vital que ía acompañando de textos e fotos referentes aos feitos que relataba. A continuación detívose na faceta de autor, destacando a sona de bo escritor que tivo na súa época, con numerosos premios e cuxa poesía humorística foi a máis celebrada. Pero sinalou o estudoso que  Labarta era máis que un poeta humorístico: nos seus poemas hai temática social, defensa da muller, reinvindicación do uso do galego, denuncia das pésimas condicións na inmigración, rexeitamento do maltrato animal, das corridas de touros... O relator ía apoiando a información co recitado de poemas.

Na presentación, Claudia e Bruno, agradecéronlle ao invitado por  transmitirnos a historia e o labor literario deste persoeiro destacado da nosa vila e que cómpre divulgar para poñer a Baio no mapa da literatura galega. Este tipo de actividades son esenciais para coñecermos o noso patrimonio cultural que serve para cohesionarnos ao redor dos nosos símbolos.

A obra foi publicada pola Editorial Galaxia grazas a un convenio de colaboración co Concello de Zas como parte da colección Letras Galegas Clásicos. Agradecemos ao Concello de Zas, que tanto esforzo está adicando para impulsar a figura de Labarta Pose, con exposicións e publicacións diversas,  que nos doara catro exemplares do libro para que toda a Comunidade Educativa poida achegarse a vida e obra de Labarta Pose.

FRANCISCO CASTRO INAUGURA O VI MES DO LIBRO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

Hoxe, 2 de abril, para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o IES Maximino Romero de Lema, dentro dos actos da VI Edición do Mes do Libro, contou coa presenza de Francisco Castro, unha das voces galegas máis coñecidas do momento. 

O autor mantivo un encontro literario co alumnado de 2º ESO, acto que comezou coa súa presentación por parte de dous alumnos, Henri e Alicia, que destacaron o carácter sempre comprometido da súa obra, porque el fai literatura para denunciar os problemas que asolagan a sociedade actual. A continuación tomou a palabra para entrar de cheo na trama d´A historia de Sara, un álbum ilustrado no que unha nena de seis anos ofrece unha ollada infantil sobre o abuso sexual.

Desvelou que había moito tempo que escribira o libro, que o fixera só en dous días, que a súa orixe fora unha ferida persoal, e que chegara agora o momento oportuno de publicala. Os que gañan a vida escribindo, actuando... teñen a sorte de converter as feridas en obxectos artísticos comentou Francisco Castro. Destacou as fermosísimas ilustracións de Luz Beloso, que tan ben complementan esta historia de “sensibilidade extrema” de violencia sexual, pero asemade de amor dos pais e das nais. Debullou aspectos relativos da súa escrita cos que procura guiarnos na viaxe cara un lugar determinado durante a lectura.

Na segunda parte do encontro foi o alumnado quen tomou a palabra para transmitirlle ao autor as interpretacións e as emocións que sentiron, as dúbidas arredor do libro. Aínda que a temática é dura, eles e elas manifestaron que a leron con naturalidade, sen prexuízos e que lles gustou malia ser unha historia triste. 

Rematamos a velada literaria agradecéndolle ao autor que se achegase ao noso centro e compartise connosco o misterio da literatura.

MES DO LIBRO

GENTECH

GENTECH é un programa de Altia, englobado no catálogo DigiTalent da Amtega (Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia) que ten coma obxectivo dar a coñecer ao xóvenes estudantes as oportunidades de empleabilidade que nos ofrecen as profesión dixitais, moi demandadas no mercado laboral actual e futuro.

Este programa busca fomentar a vocación cara as carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Inxeniería e Matemáticas). Hoxe tivemos a Alberto, enxeñeiro de Altia, que nos deu coa súa experiencia persoal unha perspectiva real, práctica e inspiradora para o alumnado do traballo desempeñado por un informático nunha gran empresa.

Alberto falou da súa traxectoria profesional e explicoulles a importancia da Big Data (grandes volumes de datos) para as grandes empresas tecnolóxicas, que son as principais fontes de ingresos. Tamén lles comentou que se fai con toda a información que os usuarios proporcionamos cando visitamos as redes sociais, facemos una compra en Amazon ou escoitamos una canción en Youtube. 

Alberto, inxeñeiro de datos, explicou como é o seu traballo en Alta, e recalcou a importancia da actitude á hora de optar a un posto de traballo, xa que el tamén participa no proceso de selección de persoal, e dixo que se ben é importante o expediente académico, non o é todo, a aptitude, a iniciativa, o traballo en equipo ou a colaboración poden ser factores decisivos á hora de acadar un posto ou non.

O alumnado interesouse en coñecer a diferencia entre Inxeñería de Datos e Big Data, en qué consiste a carreira de Informática, como presentarse a una entrevista de traballo, como é o proceso de selección nunha empresa ou como evitar recibir anuncios no móbil de xeito discriminado.

UN NOVO REFERENTE FEMININO PARA O ALUMNADO DO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

O IES Maximino Romero de Lema pecha o programa de actividades arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller,  coa exposición itinerante  Elvira López Mourin. Unha enfermeira de altura que acollemos no noso centro durante esta semana e que desvela a historia da enfermeira de Lugo que foi pioneira no desenvolvemento da enfermería española e na defensa dos dereitos das mulleres. A mostra veu acompañada dunha charla que se desenvolveu hoxe ante o alumnado de 1º Bacharelato e de 3º ESO.

 

Comezou o acto coa intervención de Isidoro Rodríguez Pérez, presidente da Academia de Enfermería de Galicia, que se centrou na traxectoria vital e profesional de Elvira López Mourín, unha das cinco mulleres que formaron parte da primeira promoción de enfermeiras profesionais da Cruz Vermella Española, e que non lle resultou nada fácil pois proviña dunha familia moi humilde.  En 1921 ingresou como enfermeira militar no Hospital de Melilla en plena guerra de Marrocos, e foi a primeira en participar, voluntariamente, nun voo sanitario da Aviación Española tendo que cruzar territorio inimigo de noite e nun  rasante no conflito bélico do RIF en 1922. Lembremos que nese momento as mulleres tiñan prohibido participar nun voo militar, pero a súa firmeza fixo que puidese participar; iso si, despois de deixar por escrito que asumía toda a responsabilidade. Conségueo e durante toda a noite atende a centenares de feridos.

 

A fazaña de auxilio de Elvira López convértea nunha heroína que foi recoñecida no seu momento nos medios de comunicación e incluso foi recibida polos propios reis Alfonso XII e  Victoria Eugenia. Pero a partir da guerra civil o seu acto heroico quedou no esquecemento como lle sucedeu a moitas outras mulleres. Un exemplo máis da discriminación das mulleres.  

 

Na segunda parte da charla Lourdes Bermello López, presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, destacou o labor desta enfermeira como un exemplo de loita polos dereitos das mulleres.  Partindo do estigma de ser filla de nai solteira e malia todos os atrancos da época demostrou que era posible a emancipación da muller. Elvira foi unha muller moderna, representou un modelo da muller alternativo ao que predominaba na sociedade da súa época, circunscrito ao fogar, ao coidado da familia.

 

Agradecémoslles aos dous investigadores que se achegaran ao noso Centro para descubrinos este referente feminino descoñecido para a gran maioría de nós; tamén lles damos as grazas polo agasallo de varios exemplares do libro no que se homenaxea a Elvira Mourín. E como non,  ao Colexio de Enfermería de Lugo pola súa boa disposición para que puidesemos acoller a exposición.

FINANZAS PARA MORTAIS

O alumnado de 3ºESO recibiu hoxe unha charla do progama Eduemprende: Finanzas para mortais da man do director do Banco Santander de Baio e do director de zona da mesma entidade bancaria. Comezaron explicando conceptos básicos como o aforro (como abrir unha conta bancaria, titularidade e persoas autorizadas, comisión e intereses, persoa física-xurídica...). Tamén informaron sobre os distintos tipos de tarxetas de crédito e o seu funcionamento, así como dos caixeiros automáticos e a banca online. Proporcionaron consellos e medidas de protección fronte a posibles fraudes.Finalmente fixeron alusión de xeito moi sinxelo a letras do tesouro, bonos, fondos de inversión...

 

Nas vindeiras semanas pecharemos esta formación cunha segunda xornada informativa. Todos debemos concienciarnos da importancia sobre a formación básica en finanzas para que as persoas poidan tomar decisións financeiras libres, informadas e seguras.

EXPERIENCIAS DE ÉXITO PROFESIONAL PARA ORIENTAR AO NOSO ALUMNADO

Entre o alumnado hai quen sabe perfectamente a que quere dedicarse de maior, pero moitos deles están  perdidos, desorientados e desconectados dese futuro aínda remoto.

Por iso quixemos que os nosos e as nosas estudantes de 3º e 4º ESO participaran do programa da Xunta a través do cal se lles achega experiencias de éxito de profesionais que dedican o seu día a día a actividades que lles apaixonan. Durante dúas sesión participaron dun coloquio cos emprendedores, Pablo Castiñeira Olveira, autodidacta do mundo de internet que hoxe traballa para Inditex, e Manuel Alexandre Rivas Solla,dedicado á xestión cultural da súa empresa. Ambos contáronlles a súa experiencia no ámbito de formación, na incorporación ao mercado laboral e a súa experiencia de vida. 

Un obradoiro moi práctico e dinámico e que lle permitiu ao alumnado reflexionar sobre o  concepto de éxito, de fracaso, da importancia do esforzo, de potenciar as habilidades persoais para acadar metas profesionais… Aconselláronlles que perseguirán o seu soño malia a oposición de familiares, que o seu futuro é só deles, que gozasen sempre do que fixesen e de aprender a relativizar os problemas. 

Remataron a súa intervención, que serviu de referente para a nosa mocidade, asegurando que se pode fracasar, xa que o fracaso non é máis ca unha aprendizaxe.

ASISTENCIA Á REPRESENTACIÓN TEATRAL “LE MALADE IMAGINAIRE” E VISITA AO CGAC

O martes 12 de marzo, o alumnado que cursa Francés de 3º e 4º ESO acompañados pola súa profesora Begoña Espasandín, asistiron en Santiago á representación teatral de "Le malade imaginaire", unha das obras máis significativas do gran dramaturgo Molière. Foi unha experiencia única na que os alumnos puideron disfrutar e familiarizarse coa cultura e literatura francesa.

Ese mesmo día, o alumnado de 2º ESO visito coa súa progesora Adriana Varela o CGAC en Santiago. Alí tiveron a oportunidade de asistir ao taller didáctico “A arte como Plataforma para a Igualdade. Mulleres artistas.”

Viron o traballo de artistas que reflexionaron sobre a igualdade pero tamén experimentaron como a arte ten o poder de espertar as nosas mentes e impulsar unha sociedade máis xusta, dentro e fóra dos museos.

Foi una mañá moi intensa pero á vez moi gratificante.

Distribuir contido