FacebookSíguenos en YouTube

TEATRO GHAZAFELHOS CON H2..OH!

O teatro tamén chegou coa Semana Cultura da man da compañía Ghazafelhos que representaron unha peza baseada no libro do mesmo título de María Canosa para o alumnado de 1º, 2º e 3º ESO.

H2..OH! é un laboratorio científico teatralizado, unha proposta de curiosidades científicas que experimentamos no noso día a día e moito, moito humor. A peza está protagonizada por María Canosa, unha divulgadora científica, e o matrimonio Curie, doutores en ciencia mundialmente coñecidos. 

Con extravagantes experimentos demostraron que os cascos protectores inventáronos os paxaros; por que a auga e o aceite non se mesturan; por que a torre Eiffel é máis alta no verán; como se alimentan as plantas; o funcionamento dos neutrinos; como se fai o formigón; que ósos destacan no esqueleto...

Moitas foron as pingas científicas que evidenciaron e sempre coa participación activa do público que gozou dende o comezo dun espectáculo teatral de calidade, moi lúdico e, á vez, didáctico. 

TRANSPARENTAR, UN ESPECTÁCULO DE DANZA

A compañía Mevadeus formada por Bal Castro, Inés Santos, Brais Pombo e Mara Neira, visitounos durante a Semana Cultural. É esta unha compañía que emprega o corpo e o son como ferramentas de expresión e experimentación co fin de tratar temáticas nas que se vexa reflectida a realidade e preocupación da súa xeración, a chamada Xeración Z ou Xeración de Cristal: unha mocidade moitas veces silenciada e que con todo está fortemente implicada na loita social de todos os colectivos que sofren violencia na nosa realidade. 

Mevadeus crea  un teatro que busca o íntimo, que conecta a todas as persoas a través dun discurso propio, honesto e reivindicativo. Nesta ocasión puidemos gozar da peza de danza TRANSPARENTAR que formula unha pregunta principal: A Xeración de Cristal é fráxil ou transparente? Cuestión da cal emerxen outras que teñen algo en común, que pon o foco en diversos problemas sociais coma as enfermidades mentais, o uso das novas tecnoloxías, a sexualidade, etc.

Os corpos amosaron en escena a súa fraxilidade, permitindo que se vira a través deles. Deixando pasar a luz e o recoñecemento, o que os conforma e deforma.               

Deixándose ver

(A chamada Xeración Z ou Xeración de Cristal está formada por persoas que naceron  entre finais dos anos noventa e dos inicios dos 2000)

OBRADOIRO DE MOVEMENTO

Bal Castro e Inés Santos sintonizaron  co alumnado 1º, 2º e 3º ESO nun obradoiro no que todos e todas realizaron unha serie de exercicios e xogos corporais relacionados coa palabra transparentar, isto é facerse visible, deixar ver a través do corpo. Foi un taller no que traballaron en como identificar a plástica corporal de cada un/unha dentro do grupo sen importar a idade nin o xénero. ´

Todo o alumnado seguiu activo e divertido os exercicios sinxelos da coreografía e de movemento  de  Bal e a Inés  na danza grupal: un espazo de reflexión que tivo coma finalidade achegarlles a danza á mocidade presente para descubrir a súa linguaxe corporal propia, mediante o xogo e a investigación e sen pretensión da forma nin do resultado.

Gozaron moitísimo desta iniciativa  na que conectaron co seu propio corpo e exploraron co movemento tomando presenza aquí agora.

MOMENTOS GOURMET

O alumnado de 1ºFP Básica puido descubrir o lado culinario francófono coa axuda da profesora Begoña Espasandín.Na primeira parte da sesión facilitóuselles os ingredientes para elaborar unha receita de gofres belgas. Unha vez feitas, degustaron as súas creacións acompañándoas con diversas froitas e sirope de chocolate. 

Na segunda parte, despois de aclarar as diferenzas entre a filloa galega e a crepe francesa, fixeron crepes salgadas seguindo unha receita tradicional da "galette", orixinaria de Bretaña que ten como peculiaridade a utilización da fariña de trigo sarraceno, apta para celíacos xa que non contén gluten. A rapazada reenchou as súas crepes salgadas con xamón e queixo fundido. 

Para finalizar o momento gourmet tamén cociñaron unhas crepes doces reenchéndoas con sirope de chocolate e decorándoas con froitas: non podía faltar este delicioso doce tan típico na gastronomía francesa. 

O alumnado valorou esta actividade como divertida e exquisita. Madia leva!

PODCAST POLA IGUALDADE DE XÉNERO

Dentro do marco da Semana Cultural o Equipo da Biblioteca organizou un taller de radio impartido por Verónica Couto Tasende, técnica de Educación para o Desenvolvemento en Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) e que foi dirixido a parte do alumnado de 1º de Bacharelato. O tema no que se centrou o obradoiro foi o da igualdade de xénero.

Os e as estudantes puideron coñecer que é o discurso do odio e cando este pode acabar sendo un delito. Reflexionaron sobre os límites da liberdade de expresión cando chocan de fronte co odio e debateron ao respecto. Ademais,  a través da análise de titulares de noticias e campañas publicitarias de actualidade así como de publicacións en redes sociais, puideron evidenciar no tratamento mediático que se lle dá a sucesos relacionados con mulleres, como ese discurso do odio lles afecta especialmente buscando a súa discriminación.

A continuación o alumnado dividido en pequenos grupos creou cuñas radiofónicas que gravaron na mesma sesión e nas que reflectiron o seu sentir sobre o tema tratado. Aquí vos deixamos as cuñas para que poidades escoitalas.

É esta unha iniciativa máis de promoción da igualdade de xénero que se levan a cabo no Centro.

https://drive.google.com/drive/folders/1Blgy3NiG7vYGQqR6f_or6lJhZfaPqPTf?usp=sharing

“SILKWORMS” PHOTO CONTEST - CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “VERMES DE SEDA”

O Departamento de Inglés organizou un concurso coa temática de “Silkworms – Vermes de Seda” en colaboración co Club de Ciencias. O alumnado da ESO e de Bacharelato que levou á casa vermes de seda fixo unha foto artística e púxolle un título en inglés e en galego. As fotos están expostas no taboleiro do Departamento de Inglés para que o alumnado e o profesorado vote ás mellores. Foi un proxecto divertido e dinámico para o alumnado que esperamos repetir moi pronto.

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR. CURSO 2024-2025

No DOG do 20 de maio de 2024 publicouse a Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/2025.

O prazo de presentación de solicitudes comprende dende o 21 de maio ata o 21 de xuño.

Xúntase información sobre esta convocatoria no arquivo adxunto.

Para calquera información poden chamar ao Centro: 881960015

PODCAST CONTRA O DISCURSO DO ODIO RACISTA

Rocío Cadahía, técnica de educación da ONGD AGARESO, impartiu un obradoiro no que fixo reflexionar a parte do alumnado de 1º Bacharelato sobre o discurso de odio racista. Comezou evidenciando como nos medios de comunicacion e nas redes sociais se difunden estereotipos e prexuízos que dificultan a vida das persoas migrantes e racializadas. Tamén afondou nos motivos do avance do discurso de odio nos últimos anos e en por que os algoritmos das redes socias priorizan contidos que xeran odio con respecto a outras persoas. Escoitamos as vivencias de varias persoas migrantes e racializadas que viven en Galicia para intentar entender o que significa convivir diariamente co discurso de odio, tanto nas redes como fora delas, centrándose especialmente en como foi a súa etapa educativa.

Na segunda parte do obradoiro foi o alumnado quen tomou a palabra para denunciar esta situación a través realización e posterior gravación de podcast nos que eles e elas dan as súas propostas para contrarrestar o discurso de odio.

Velaquí as cuñas radiofónicas para que poidades escoitalas.

https://drive.google.com/drive/folders/1vC5iPG5RzDKmdVOhek74KevsHU8oPbZ1?usp=sharing

Distribuir contido