FacebookSíguenos en YouTube

A NOVA PROMESA DA NOVELA NEGRA EN GALEGO PECHA O MES DO LIBRO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA.

Irene Regal Jul puxo o broche final á VI Edición do Mes do Libro organizado polo Equipo da Biblioteca do Instituto de Baio. Ante o alumnado de 4º ESO e do Club de Lectura de 1º Bach e 1º CM, a autora de A malferida definiu este libro como unha novela negra que escribiu coma un xogo e que, por animación familiar, decidiu presentala ao Premio Illa Nova de Narrativa coa agradable sorpresa de resultar gañadora. Para a súa escrita inspirouse en novelas negras e policíacas como Ollos de auga de Domingo Villas ou Plenilunio de Muñoz Molina.

A malferida, no que a intriga é o elemento fundamental, ten como eixe central o tema do acoso e, como comentou a autora, quixo poñer o foco na persoa que o sofre, pero sen deixar de lado as persoas que a rodean, tanto os acosadores, como aqueles que co seu silencio se converten en cómplices. Neste sentido na novela lanza moitas mensaxes sobre a necesidade de concienciarnos para acabar con esta lacra.

A autora respondeu ás numerosas cuestións e curiosidades do alumnado sobre A malferida e sobre Tecendo redes, Premio Vilar Ponte 2022, lida no club de lectura. Algunhas das preguntas centráronse no proceso da escrita e, como había presentes alumnos e alumnas que participan nun taller de escritura creativa no centro, Irene deulles algúns consellos  e rematou animándoos a que participasen en concursos literarios.

Rematamos a xornada literaria coa sinatura de exemplares e o agradecemento á autora por achegarse ao noso centro dende terras tan distantes como é a mariña lucense. 

De novo, e mais unha vez, a VI Edición do Mes do Libro do noso centro educativo pon de relevo que a lectura abre horizontes e permite ir conformando a nosa identidade a través das preguntas que sempre se abren cando lemos un libro. A participación do alumnado demostra que cómpre seguirmos coa defensa e promoción do libro en galego.

PREMIO Á PROMOCIÓN DA IGUALDADE E A NON VIOLENCIA

A curta "Descubre la igualdad a través de la IA" elaborado por Alicia Martínez e Enrique Mallón, alumnos de 4º ESO, e, coordinado por Fina Paulos e Óscar Rey, profesores de Informática, recibiu o premio "a la promoción de la Igualdad y a la no Violencia" no International Youth Film Festival celebrado esta fin de semana en Plasencia. 

 

Moitísimas grazas aos catro por esta iniciativa, polo gran traballo feito e pola vosa implicación.

 

Parabéns Alicia, Enrique, Fina e Óscar.

 

Podedes ver a curta no seguinte enlace.

CONSTRUÍNDO A NOSA SEXUALIDADE

A recoñecida sexóloga e xinecóloga Carol Strate  (@alumbramujer) impartiu na mañá de onte senllos talleres de Educación Sexual Integral aos grupos de 1º BACH por unha banda e aos de 4º e 1ºFPB por outra.

 

Unha vez presentada, a especialista invitou ao alumnado a formar con ela un equipo de construción da nosa sexualidade. A partir dunha chuvia de palabras que os e as participantes foron sinalando ante a mención da palabra sexualidade, explicou que a sexualidade non só é a súa faceta máis física ou biolóxica, senón que hai que sumarlle o aspecto psicolóxico/emocional e o aspecto social. A combinación dos tres ámbitos dará lugar a unha única maneira de vivir a sexualidade, distinta das demais. Introduciu conceptos como identidade de xénero, orientación sexual e expresión de xénero sinalando que debemos coñecer que existe esa diversidade para poder respectar e vivir en harmonía.

 

Como é innegable que o aspecto biolóxico é importante, detívose no funcionamento dos órganos sexuais de xeito moi práctico. Tamén falou das normas e valores que rexen na sexualidade, centrándose nas tres erres: Respecto, Responsabilidade e Reciprocidade. Ao longo do taller foi derrubando mitos e crenzas erróneas arredor do sexo. Como nos medios de comunicación, películas, Internet nos bombardean con mensaxes confusas, equivocadas sobre a sexualidade, e que de xeito inconsciente nos van educando, é fundamental  desenvolver un pensamento crítico para detectalos e combatelos. Coma no caso da pornografía, que é toda ela unha ficción e que sumada ao feito dunha falta de educación sexual dá lugar a problema importante. 

 

Tras a recomendacións de lecturas sobre o tema, rematou a súa intervención co mandato de que “constrúan unha sexualidade sa, con bos cimentos”. Por iso, desexamos que conste o noso máis firme e sincero agradecemento a Carol Strate por facilitarnos as ferramentas necesarias para mellorar na dura tarefa de convivir en sociedade como cidadanía crítica, formada e informada.  

AS NOVAS FORMAS DE ANIMAR Á LECTURA CHEGARON DA MAN DE VIOLETA MELÉNDREZ

Novo mundo, novas formas para achegarse á lectura en papel a través das redes sociais,  iso é o que representa Violeta Meléndrez, unha das referencias galegas entre as influencers que presenta ao seu público libros de literatura infantil e xuvenil e que hoxe nos visitou ao IES Maximino Romero de Lema. En concreto, Violenta Meléndrez usa a rede de Instagram para crear un ambiente positivo ao redor dos libros que escolle e favorece que a curiosidade permita consolidarse nun achegamento real de novos lectores e lectoras a libros físicos. 

 

Cristina Soto, amiga da bookstagramer e exalumna do noso centro foi a encargada de presentarlla ao alumnado de 3ºESO e 1º FPB. Violeta, que confesou ser unha gran lectora, dixo que os seus contidos xiran sobre as súas lecturas. Deu a coñecer a súa conta de instagram (@littera_lupa), rede na que máis publica e na que fai reseñas en galego. 

 

Comentou que adoitaba publicar fotos dos libros con elementos da natureza e amosounos varios exemplos. Explicou como funcionaba o club de lectura do que forma parte e que conta con 13 membros fixos, pero que son moitos máis. Un club de lectura no que len e comentan cada certo tempo un libro a través dunha conta de telegram. Unha das actividades que puxo de relevo é lanzar retos cada mes a través da lectura que se propón: un libro cun gato na portada, autora latinoamericana, libro epistolar, literatura infantil, literatura de medo, obra teatral... son algúns exemplos dos retos deste ano.

 

Facilitounos tamén varias contas de instagram que son auténticos escaparates de lecturas variadas no que destacan nomes de referencia galegos: @delibrosalibres, @libroscontos, @mazadahorta, @neeumatiko @surfeandolibro... dedicadas á crítica literaria destacando os seus contidos e o que máis lle gusta de cada unha delas. 

 

Para finalizar recomendou tres libros que máis lle chegaron ao corazón e falou dos aspectos que máis lle gustaron: Que me pare o corazón de Andrea MaceirasUn elefante na sala de estade Berta Dávila e  Nom estamos quebradesde Nee Barros.  

 

Saudamos a presenza destas canles e desexamos que sirvan para defender, protexer e renovar o interese pola lectura do libro en galego.

VISITA DE MARÍA TRAVESO

O luns 15 de abril, estivo con nós María Traveso, da consultora Promove, dentro do Programa Actúa do Eduemprego 2024.
A rapazada de 1º de CM participous nunha charla sobre innovación. Falouse de diferentes ferramentas para traballar a creatividade e a innovación. Retos de atención, para desenvolver o Pensamento Lateral e xogos sobre como re-pensar negocios xa funcionando. Un xogo de construcción, segundo o traballo con "legos", permitiron atopar 18 patos, sobre 6 pezas de montaxe manual. 
Un traballo excelente, ameno, cordial e intenso. Grazas María. Aqui te esperamos, pronto, con esas ideas tan enriquecedoras.

Os nosos alumnos practican marcha nórdica gracias ao Club Vía Láctea

Sóache de algo marcha nórdica?

Probablemente viras a alguén pola rúa ou polo parque camiñando cuns bastóns e pensarías que era un pouco estraño. Pero esa xente está practicando un deporte que se chama Marcha Nórdica. E aínda que parece sinxelo…. Resultou ser máis difícil do esperado e onde traballas a musculatura de todo o corpo!!

marcha nórdica consiste en camiñar de maneira natural á vez que empregamos uns bastóns que nos axudan a impulsarnos coa axuda do balanceo dos brazos. Coa camiñata nórdica exercitamos o 90 por cento dos músculos do corpo. É apta para calquera persoa sexa cal sexa a súa forma física ou idade.

O alumnado do noso instituto tivo a sorte de poder ter un primeiro contacto con ese deporte gracias ao Club Vía Láctea.

Comezaron realizando un bo quecemento para preparar todo o corpo primeiro sen bastóns e despois con eles onde puideron ver gran necesidade de ter unha boa coordinación para a práctica da marcha nórdica

Posteriormente colleron os bastóns e, a camiñar!! Así puideron ver que non era nada doado o uso dos bastóns e a técnica que conleva este deporte tan completo e que aporta numerosos beneficios como por exemplo:

Reforza o sistema inmunitario e aumenta a sensación de benestar. 

Mellora a coordinación de brazos e pernas

Fortalece a musculatura en xeral e nos brazos e pernas en particular. 

Disminúe a graxa corporal

Mellora a postura corporal e fortalece a espalda. 

Activa o sistema cardiovascular.

Podemos coñecer algo máis escoitando a entrevista ás membros do Club Vía Láctea que nos acompañaron:  entrevista

Irene Mira debulla a arte da ilustración

O IES Maximino Romero de Lema segue coa programación do VI Mes do Libro  e hoxe foi a quenda do alumnado de 1º ESO que tivo a sorte de recibir a visita da ilustradora, Irene Mira, que foi alumna do centro.

 

O Xefe de Estudos, Pablo Balsas, presentou o acto con especial ilusión polo agarimo que lle ten. Acto seguido Irene Mira introduciu o obradoiro explicando como chegou a dedicarse á ilustración. Contou como no instituto sempre pensou en Medicina, pero acabou estudando Enxeñería de Deseño Industrial. Ao mesmo tempo que traballaba de enxeñeira formouse en deseño de personaxes 3D e animación e, finalmente, decidiu retomar a súa paixón que é o debuxo e estudou un ciclo de ilustración. E aí deuse conta de que ese era o mundo que lle gustaba: hoxe en día traballa nunha empresa que se dedica ao deseño gráfico. A súa arte impregna varios libros publicados para un público infantil.

 

Irene Mira destacou a importancia da ilustración que, ademais de reforzar o texto, achega novos matices que non se advirten na escrita. Explicou o proceso da ilustración que leva a cabo a través do seu traballo en Pituca en busca da súa identidade. Primeiro: pensar a historia e compartimentala nas ilustracións coas que se conta o libro. Segundo: estudar os personaxes. Terceiro: levar a cabo o story board, isto é, os bosquexos da historia dun xeito sinxelo para ver como se distribúen as páxinas. En cuarto lugar estaría a creación de cada ilustración  e finalmente estaría a maquetación: a colocación do texto en cada páxina e a preparación de todos os arquivos para mandar a imprimir.

 

Rematou o obradoiro pedindo a todo o alumnado que debuxara unha ilustración seguindo unhas pautas. 

 

Desde o IES desexamos agradecer a amenidade da súa intervención e acompañamos a súa presenza con fotos do grupo como lembranza do seu paso polo noso centro. 

Visita do alumnado de 2ºCM ao CIS

A saída consistíu en visitar as diferentes estancias do CIS, onde o alumnado puido comprobar como a realidade virtual, a realidade aumentada e inmersiva contribúen á mellora do tecido económico galego. 
Probaron simuladores de pintura de carrocería de automóbiles ou de pezas eólicas, entre outros. 
Recibiron tamén unha charla do responsable de CESENA - Siemens Spain onde poideron ver as contribucións que o Centro de Exeelencia do sector naval galego fai coas súas investigacións a este sector económico tan importante na comarca de Ferrol-Terra.
A nosa actividade está encadrada dentro do programa Edutecemprende, onde participa o centro. 

Distribuir contido