Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Xogade

Xogade - Xadrez

Dentro do programa Xogade da Xunta de Galicia e do espectacular rendemento do noso alumnado nas probas de Orientación, tócalle o turno aos equipos infantís de xadrez, unha disciplina moi presente na noso centro, tanto nas gardas como nos períodos de lecer.

Os dous equipos conseguiron clasificarse para a final provincia que tivo lugar en Viveiro o día 21 de abril. Estiveron integrados por:

Leiras: Antón, Andhrennyss, Mateo e Lucas.

Pulpeiro: Aarón, Raúl, Ángel, Mateo e Tiago.

Clasificáronse terceiro e cuarto respectivamente na proba celebrada pola mañá no Espazo Xove e con posterioridade desprazámonos ao parque de Covas disfrutar dun xantar con outros equipos vidos da cidade de Lugo.

Esperamos poder repetir esta experiencia en próximos anos e seguir aproveitando nas nosas aulastodos os valores e aspectos didácticos que ten o xadrez.

 

 

 

Campionato De España De Centros Escolares De Orientación

Os días 12, 13 e 14 de abril, na localidade vallisoletana de Portillo, celebrouse Campionato de España de Centros Escolares de Orientación (CECEO). Esta foi a primeira vez que o noso instituto participou nun evento de categoría nacional neste deporte, despois de varios cursos competindo nas fases provinciais e autonómicas.

A expedición estivo formada por cinco equipos (23 alumnas e alumnos) e dúas profesoras, Luisa Felpeto e Belén García, que contaron coa inestimable axuda de Fabián.

O programa empezou o venres cun sprint nocturno, continuando o sábado coa proba intermedia e os relevos da amizade. A competición finalizou o domingo coa proba de relevos clásicos. No CECEO participaron alumnas e alumnos de distintos centros escolares de España.

A nosa alumna de 4º de ESO Sara Nogueras Porto gañou a carreira de distancia sprint e subiu ao terceiro posto do podio en distancia intermedia en categoría cadete. Na clasificación final por centros escolares as compoñentes da categoría Infantil feminina obtiveron un meritorio cuarto posto e as alumnas da categoría cadete feminina quedaron quintas.

Os alumnos Dani Fernández e Miguel López formaron parte dos equipos gañadores da proba lúdica dos relevos da amizade. 

Felicitamos a todo o grupo polo seu esforzo, a súa mentalidade positiva e a súa capacidade de aprendizaxe. Estamos moi orgullosas de todo o grupo e sabemos que esta experiencia axudará ao voso crecemento persoal, ademáis foi para nós un pracer compartir tantas vivencias inolvidables convosco. Esperamos poder repetir o vindeiro ano!

Campionato Provincial de Orientación 2024 - Xogade

O mércores 28 de febreiro un grupo de alumnas e e alumnos do noso centro participou no Campionato Provincial de Orientación. Esta competición está incluída dentro do proxecto de Promoción de Vida Activa e Saudable (Proxecta +: Xogade) dirixido polo departamento de EF e no que participa o departamento de Relixión.

O noso instituto competiu con 54 alumnos/as acompañados por Miguel, Moncho e Luisa. A carreira tivo lugar no Parque da Milagrosa (Frigsa), cun mapa específico de orientación e catro percorridos distintos por categorías.

Compartimos unha estupenda xornada de deporte e convivencia e felicitamos a todo o noso alumnado pola súa actitude positiva, de esforzo e aprendizaxe. Seguimos mellorando ano a ano e cada vez sodes máis alumnos/as os que con concentración e persistencia rematades o percorrido sen erros.

Noraboa aos que ademáis acadaron resultados que lles permitiron estar nos primeiros postos das súas categorías. Amosamos a continuación a clasificación individual de todo o alumnado.

Mención especial para Sara Nogueras, Hugo Castro, Dani Fernández, Candela Costa, Noa Cupeiro, Iria Castro, Saúl García e Daniel Díaz polos podios acadados!!!

Achegamos no documento anexo as clasificacións e as fotos do evento.

ACTIVIDADES NA NATUREZA NA ILLA DE ONS CO ALUMNADO DE 2º DE ESO

Os días 4 e 5 de xuño o alumnado de 2º de ESO participou nunha saída de actividades na natureza á illa de Ons organizada polo departamento de EF do noso instituto. Participaron en xogos de presentación, practicaron actividades deportivas na praia, desfrutaron dun divertido xogo nocturno no exterior, realizaron unha espectacular ruta de sendeirismo e fixeron os pracenteiros desprazamentos en catamarán. O grupo de 64 alumnos e alumnas asistiu a esta actividade dirixido polos seus profesores/as Mª Carmen, Nati, Antonio e Luisa.

 

ACTIVIDADE DE INICIACIÓN Ó SURF EN RAZO CO ALUMNADO DE 3º DE ESO

Os días 29 e 30 de maio o alumnado de 3o de ESO participou nunha saída de actividades deportivas na natureza á praia de Razo organizada polo departamento de EF do noso instituto.

Desfrutaron de tres clases de iniciación ao Surf impartidas por persoal da escola de surf Artsurfcamp, practicaron actividades deportivas na praia e realizaron unha ruta de sendeirismo ata os acantilados próximos á praia de Razo. O grupo de 59 alumnos e alumnas asistiu a esta actividade dirixido polos seus profesores/as Xose Manuel, Cristina e Luisa.