Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Dinamización Lingüística

Este é o espazo do EDL do IES Leiras Pulpeiro, coordinado por Belén Martín Franco.

Podedes seguir o blog en http://e-un-falar.blogspot.com/

O seu correo electrónico é eunfalar@gmail.com

 

Visita a Casa de Manuel María e roteiro polas Insuas

Desde os departamentos de Lingua e literatura galega e Bioloxía e xeoloxía, os días 20 e 21 de xuño, os cursos de 1º ESO tiveron a sorte de visitar a casa do poeta Manuel María en Outeiro de Rei e As Insuas en Rábade, declaradas Reserva da Biosfera pola UNESCO. Dous lugares dignos de coñecer, que ademais están moi próximos a Lugo e gardan unha grande riqueza. Neles puidemos disfrutar da arte das rimas que daba vida Manuel María, da historia que acubilla a súa casa de aldea, dos seus libros gardados, dos sons da natureza que o inspiraba así como a beleza da paisaxe que o rodeaba.

 Dúas mañás cheas de coñecemento e beleza para rematar este curso 2021-2022.

Novo Premio para Galego Para Boomers

Como xa contamos nun post anterior, polo Leiras pasa xente fantástica que acaba deixando dunha maneira ou doutra a súa pegada.

Así o fixo Noemí García, profesora de Lingua e Literatura Galega no noso centro educativo durante o curso 20-21, co seu proxecto Galego para Boomers, que consistiu na elaboración por parte do alumnado dos primeiros cursos da ESO dun dicionario para facilitar o acceso dos Boomers (persoas nadas no Baby Boom) ao novo vocabulario utilizado pola xuventude.

O proxecto foi premiado durante o curso pasado polo Concello de Lugo e tivo unha grande repercusión mediática e nas redes sociais.

Este ano recibiu un novo premio, o Mil Primaveras, outorgado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, que recoñece a Galego para Boomers como o mellor proxecto de fomento do galego entre a infancia e ou a mocidade do ano 2021. Un grande orgullo para o noso centro vernos envoltos nesta festa da lingua.

Moitos parabéns ao alumnado que participou no proxecto e a Noemí por facernos ver como sociedade que a lingua galega é unha lingua válida en todos os ámbitos, mesmo para comprender e explicar a realidade máis actual descrita, as veces, con indescifrables neoloxismos.

 

Premiadas no certame literario Entre Iguais

As nosas alumnas Andrea Vázquez Mosteiriz e Andrea Mª Gayoso Rodríguez recibiron o pasado día 28 o premio do certame literario "Entre Iguais", convocado pola Concellería de Igualdade de Lugo.

Noraboa por este novo éxito!!!

 

Uxía Senlle e Magín Blanco cantaron a Manuel María

O venres, 29 de abril, a cantante Uxía Senlle e o músico Magín Blanco estiveron no noso centro presentándonos as cancións do seu disco "Canta o cuco", nas que lles poñen música aos poemas de Manuel María. 

Podes ver o ben que o pasamos na reportaxe de BIBLIOLEIRAS.

  

Carracedo e Rivas: Ciencia e Literatura no Leiras Pulpeiro

Esta semana foi excepcional no noso centro. Tivemos a dúas figuras de primeira liña connosco: Ángel Carracedo e Manuel Rivas.

Ciencia e Literatura... humanidade... a VIDA.

Ambos os dous uns comunicadores excepcionais... uns magos que nos hipnotizaron durante tantos minutos... Non podiamos deixar de escoitar...

Ambos os dous cunhas mensaxes cheas de humanidade. Unhas mensaxes ricas, que non esqueceremos.

O científico falou da vida e da morte, dos soños por cumprir... Das diferenzas tan pequenas que hai entre os seres humanos, que somos practicamente iguais (aínda que moitos opinen o contrario), e mesmo máis iguais entre nós que dúas formigas entre si.

O escritor falounos da biodiversidade e da guerra, do camiño percorrido cando escribe, da súa primeira lección de ética, do valor das linguas, do valor da nosa lingua...

Regalounos esta frase, unhas verbas verdadeiras:

"Nós abrimos un libro, pero o libro ten que abrirnos a nós".

Ambos os dous diferentes e complementarios, mais necesarios para nós.

Moitas grazas, Ángel e Manuel. Para nós foi un luxo estar convosco. Esperamos que volos dous desfrutarades tanto coma nós. Grazas!!!

Esta presentación necesita flash para ser visualizada: se está nun dispositivo móbil, soamente algúns navegadores, como Puffin Browser, poderán reproducila. Pode instalalo dende estas ligazóns: dispositivos con iOS / dispositivos con Android 

 

 Esta presentación necesita flash para ser visualizada: se está nun dispositivo móbil, soamente algúns navegadores, como Puffin Browser, poderán reproducila. Pode instalalo dende estas ligazóns: dispositivos con iOS / dispositivos con Android

No IES Leiras Pulpeiro, ROSALÍA SEMPRE VIVA

Na Casa-Museo de Manuel María, o 27 de febreiro de 2016, levouse a cabo o concurso de recitado “Rosalía sempre viva”.

Recitaron Laura Argüello e Andrea Vázquez de 4º ESO, e Camila Beltrán e Manuel Rodríguez de 1º Bacharelato.

Camila acadou o 1º premio polo recitado do poema de Manuel María "Verbas a miña nai".

Noraboa a todos!!!!

(Preme na foto para acceder á reportaxe)

Rosalía para todas e para todos

No IES Leiras Pulpeiro todo o alumnado pode desfrutar de Rosalía.

Rosalía tamén se pode ler e escoitar con pictogramas:

Día de Rosalía

No IES LEIRAS PULPEIRO Rosalía está sempre viva.

Preme na imaxe se queres ver no noso blog "É un falar" o que fixemos o 24 de febreiro, Día de Rosalía...

Photocall Leiras_Rosalía_Manuel María

Morreu Neira Vilas

Morreu Neira.
Esta mesma mañá, unha amiga común chamoume ao centro para dicirmo.

Deixounos sen facer ruído, durmido...
Quen sabe se soñando...

Hai catro días falei con el. Semellaba estar ben. A súa voz soaba con forza.
Tiña plans para hoxe.
Tíñaos.

Non deixou de traballar nunca. Traballador incansable...
traballador comprometido coa lingua...
...coa nosa.

Don Xosé estivo connosco hai pouco. O salón de actos, cheo, gardaba silencio. Mesmo parecía que as paredes o escoitaban!

Seguro que o facían...

Escoitaban as vivencias dun rapaz na súa aldea, as dun exiliado que non baixou a cabeza e loitou dende alén do mar pola súa lingua, e así polo seu pobo.
O pobo dun neno labrego...

Escoitaban en silencio.
Aprendían en silencio.

Morreu Neira.

Mais vivirá sempre Balbino.

                                                     Íñigo

 

(nova na web publicada o 21 de abri de 2015):

O pasado xoves 16 de abril tivemos a inmensa fortuna de poder contar coa presenza de D. Xosé Neira Vilas, que tivo a xenerosidade de facernos unha visita e charlar co alumnado de Bacharelato.

Os nosos alumnos e alumnas non esquecerán as súas palabras. Tiveron a oportunidade de estar cunha lenda da nosa literatura, que ademais demostrou a súa grande humanidade.

Esta presentación necesita flash para ser visualizada: se está nun dispositivo móbil, soamente algúns navegadores, como Puffin Browser, poderán reproducila. Pode instalalo dende estas ligazóns: dispositivos con iOS / dispositivos con Android

Distribuir contido


by Dr. Radut