Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Convive-T

Novo Equipo de Mediación

Desde a súa creación no ano 1998, o IES Leiras Pulpeiro é recoñecido polo súa aposta decidida na resolución pacífica de conflitos, nas prácticas restaurativas e na cultura da mediación. Son varias xeracións as que participaron destas dinámicas que cómpren ser renovadas cada certo tempo co novo alumnado que se incorpora ao centro.

Posiblemente a persoa que máis traballou por consolidar estas estratexias aprol dunha mellora de convivencia escolar é Berta López, que sigue a colaborar co centro aportando a súa insuperable experiencia sempre co foco posto no benestar da comunidade educativa. Nesta ocasión correspondeulle impartir o Curso de Mediación e formar o novo equipo que, con certeza, serán os responsables de que o ambiente que se respira no Leiras siga presidido polo respecto mutuo, o diálogo e as boas relacións. Agradecemos a Berta e aos novos rapaces e rapazas o seu compromiso de futuro. Parabéns a Mario López, Mario Paredes, Faith, Lúa, Antía, Lois, Adriana, Germán, Ángel, Gabriel, Iria, Noa, Carla Sánchez, Carla Díaz, Valeria e Kawtar e boa sorte nas vosas mediacións.

Educar en Xustiza - 22/23

A partir da grande experiencia educativa disfrutada no mes de maio, o alumnado de 3º da ESO participará durante este mes de outubro no programa Educar en Xustiza promovido polo TSXG. Esta actividade insírese no Plan de Acción Titorial do centro, e vai encamiñada a promover o desenvolvemento dunha cidadanía consciente por parte do alumnado e fornecer espazos para que se exerza de maneira activa, crítica e responsable.

O programa é o seguinte:

- 3ºA asiste o 3 de outubro ao Xulgado do Penal nº2  de Lugo

- 3ºB o 11 de outubro ao Xulgado de Instrución nº2 de Lugo

- 3ºC o 18 de outubro ao Xulgado de Instrución nº2 de Lugo

- 3ºD o 19 de outubro ao Xulgado do Instrución nº3 de Lugo

Participaremos en varios xuízos (en xeral, curtos) que terán lugar nesas salas, e o/a maxistrado/a ao final de cada xuízo dará as indicacións necesarias para seguir o procedemento xudicial e comentará a sentenza a ditar.

Na xornada do día 11 de outubro asistimos a cinco xuízos moi interesantes presididos pola xuíza Sandra Piñeiro que nos atendeu cunha amabilidade e unha adicación que queremos destacar. Falounos sobre os detalles de cada caso achegando explicacións históricas sobre o principio de igualdade e a consecución de dereitos. Tamén fixo reflexionar ao noso alumnado sobre as causas da delincuencia, moi ligadas ás adicións. Unha actividade de grande calidade educativa que, abofé,  inspirou vocacións entre os/as participantes.

Activisimo e Cidadanía

O venres 14 de xuño desenvolveuse unha actividade de carácter voluntario con 20 alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º da ESO co obxecto de promover unha cidadanía consciente e activa nestes tempos nos que a comunicación social se está a transformar.

Dúas mulleres, a mestra Laura Álvarez e a xornalista Rocío Cadahía, chegadas de dúas ONGs, EDUCO e AGARESO respectivamente, confluiron para falar do dereito a educación e a súa reivindicación cívica organizada neste actividade promovida pola nosa Consellería.

A CAMPAÑA MUNDIAL POLA EDUCACIÓN, é unha coalición internacional formada por ONG, sindicatos do entorno educativo, centros escolares e movementos sociais de moi diverso signo, co obxectivo principal de mobilizar á cidadanía para reclamar o cumprimento íntegro dos compromisos internacionais asinados polos estados e así garantir o acceso a unha educación pública e de calidade para todas as persoas do mundo.

O empoderamento e mobilización das persoas son un rol fundamental da Campaña Mundial pola Educación, a unión de toda a sociedade baixo a mesma mensaxe e co mesmo obxectivo a defensa do dereito humano á Educación. A través do lema “Mil Millóns de Voces” neste 2022 a CME busca alzar a voz do profesorado e por de manifesto o seu importante labor dentro do estado de emerxencia educativa no que vivimos inmersos na actualidade.

O posterior obradoiro de ciberactivismo tivo como obxectivo promover o coñecemento e a implicación da comunidade educativa galega coa CME e cos seus obxectivos, así como favorecer o pensamento crítico e fomentar a participación e a mobilización social do alumnado a través da súa participación do xeito máis creativo e novidoso posible na campaña en liña #MilMillonesdeVoces.

Xa no período de lecer, Laura e Rocío deron unha volta polo Leiras e pasaron saudar pola nosa Radio onde se estaba a emitir en directo o venres musical sobre a movida viguesa.

 

Novo Equipo de Mediación

O noso centro educativo ten xa unha importante traxectoria implementando estratexias de mediación escolar para a resolución de conflitos. Os equipos de mediación requiren dunha continua formación e de seren renovados cando a súa colaboración xa non é posible. É o que acontece este ano, cun alumnado no bacharelato con moita esixencia no estudo e que precisa dun relevo dende as novas xeracións.

Con este motivo, seleccionamos voluntarios/as para integrar o novo equipo que asistiu, durante tres tardes de primavera, a un curso de iniciación dirixido por toda unha experta no tema e gran coñecedora do noso instituto: Berta López.

Agardamos que desfruten da súa tarefa e que consigan resolver de forma pacífica, co diálogo como único instrumento, unha cantidade importante dos inevitables conflitos que aparecen nun centro educativo como o noso.

Distribuir contido


by Dr. Radut