Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Prácticas textuais

O obxecto da materia de Prácticas Textuais é traballar dous bloques fundamentais, presentes en todos os currículos das materias de lingua: “Comunicación oral. Escoitar e falar” e “Comunicación escrita. Ler e escribir”. Mesmo, óptimos, para aproveitar en calquera outra materia.

Escoitar e falar atende ao uso oral da lingua. Na materia vaise traballar este bloque incidindo, sobre todo, na necesidade que o alumnado ten de modelos de fala adecuados para que poidan poñer en práctica a expresión lingüística dentro da aula en contextos sobre todo formais.

Ler e escribir ocúpase da comprensión e produción escrita. O alumnado debe ser quen de entender textos de diferente complexidade e xénero e extraer as ideas explícitas e implícitas do texto co fin de elaborar o seu propio pensamento crítico e creativo. Comprender un texto implica poñer en marcha unha serie de estratexias de lectura que deben practicarse na aula e proxectarse a todas as esferas da vida e a calquera tipo de lectura: ler para obter información, ler para aprender a propia lingua, ler por pracer. Igualmente, a produción escrita implicará buscar para cada situación o tipo de texto adecuando, planificando e redactando, atendendo a aspectos diversos e revisando a escrita final.

A lectura, a escritura e a expresión oral son manifestacións concretas da linguaxe, presentes en todas as prácticas discursivas propias da formación do alumnado. As tres designan accións ou prácticas que ocorren en contextos de aprendizaxe: presentar un exame ou traballo, facer unha exposición na clase, defender unha tese, participar nun debate …

O enfoque práctico desta materia implica que se avalíe, fundamentalmente, o traballo da aula; como é unha materia optativa de 1 hora semanal, tampouco consideramos necesario planificar tarefas para desenvolver fóra dela. A carga lectiva das materias obrigatorias en bacharelato é moi alta e esta optativa está planificada para que desenvolvades competencias que son necesarias e útiles en moitas delas sen esixir ningún tipo de traballo extra.

Nas probas ABAU, as preguntas referidas á comprensión e produción de textos teñen unha ponderación moi alta na cualificación de moitas materias (40% en Lingua Galega); por iso, consideramos que vos pode resultar moi interesante cursala para a vosa formación integral.



page | by Dr. Radut