Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Concurso Tarxeta de Nadal 2023

Acceso a todas as fotos no seguinte enlace

Este pasado luns 18 de decembro tivo lugar a entrega do premio da tarxeta de Nadal 2023, consistente nunha tarxeta agasallo de 20 €, para gastar na FNAC. O traballo galardoado foi realizado pola alumna de 1o Bach A Inés Castro Lojo, quen presentou unha proposta moi creativa, á maneira dunha colaxe. Cómpre dicir que a idea estivo moi acaída co ano que está a piques de rematar, posto que a figura do ilustre pintor Pablo Picasso ocupou un lugar sobranceiro, ao conmemorarse hogano o 50 aniversario do seu pasamento. Deste xeito, a postal mostra símbolos emblemáticos da nosa cidade, entre os que destacan a Torre de Hércules, o único faro romano queaínda se atopa en funcionamento; o noso instituto, inserido nun firmamento callado de estrelas e, non podía ser menos, o noso veciño máis agarimoso e asemade bravo: o mar de Riazor. Pois aboiando nesas augas, escúlcase a figura do artista cubista e ao seu carón unha foca que, significativamente, viste unha camiseta de raias, prenda fetiche do vestiario deste xenio do pincel. Moi ben traída esta idea por parte da nosa benquerida alumna Inés, porque as collages foron unha das manifestacións artísticas deste movemento de vangarda, empregadas en distintas artes, nomeadamente na pintura e na poesía, con Guillaume Apollinaire á cabeza.

Respecto do poema que acompaña a ilustración, o EDLG quixo botar man da poesía social, da que temos excelsos representantes na nosa literatura. Así, esta postal leva tamén un poema escollido adrede Nenos dun rancho de Caracas, pertencente ao libro Viaxe ao país dos ananos, do poeta Celso Emilio Ferreiro. Este ano, aparcamos as panxoliñas tradicionais, para darlle paso á denuncia do que está a acontecer. Porque tamén é Nadal en Gaza, Ucraína, Serra Leoa, Birmania, O Sahel, Birmania, .... e tantas e tantas batallas particulares que libran cada día homes e mulleres por razón da súa cor de pel, condición sexual, etc. Ende mal, estamos a vivir nestes momentos diversos conflitos bélicos e temos de derrubar os muros de todas as fronteiras, razas, crenzas, .... E vivir nun mundo de paz, harmonía e esperanza. Desgraciadamente as nenas e nenos son as vítimas máis vulnerables, polo que non nos cabe máis que confiar na esperanza, en que elas e eles sexan a semente para cambiar esta situación no futuro. A poesía é unha poderosa arma para condenar inxustizas. E esta é unha lacra sangrante, coma a cor de fondo da postal, elixida a mantenta, o vermello, cunha dobre intencionalidade: asociamos grande cantidade de adornos do Nadal con esta cor, pero tamén o EDLG quixo renderlles unha particular homenaxe ás persoas que perderon e están a perder a vida cando fracasan as palabras. Tal e como expresamos na tarxeta, todo o EDLG quérevos desexar unha morea de luz, paz a mancheas e pétrea saúde para percorrer este camiño novo. AVEGOSO 2024!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)



page | by Dr. Radut