NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO
Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace
Dende que no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e Desenvolvemento, novembro pasou a ser para nós o Mes da Ciencia. En consonacia con isto, desde hai 11 anos o profesorado de Galicia celebra o 4 de novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida coma calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.
Proba disto, dentro das variadas actividades do Club de Ciencia, cómpre destacar a que fixo o alumnado de 1º ESO, en colaboración co EDLG e coordinada polas profesoras de Física e Química Desi Cerqueiro e Minia Prego Cabeza, esta membro tamén deste equipo. O dito traballo serviu para coñecer o método científico. Na primeira parte da tarefa, leron e mais comentaron un texto sobre a vacina da varíola e de como esta foi levada a América, nunha expedición de nenas e nenos orfos, que partiu da Coruña. A seguir, a rapazada propuxo hipóteses sobre a caída libre de corpos. E para rematar, experimentaron con globos, coa fin de comprobar as ditas hipóteses.
Por outra banda, e tamén dentro desta efeméride do mes da ciencia en galego, o Departamento de Lingua Galega e Literatura quixo tamén sumarse a esta conmemoración. Así, baixo a supervisión da súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D traballou asemade ambas disciplinas (Lingua e Ciencia) e elaboraron decálogos sobre boas intencións medioambientais. Con esta actividade puxeron en práctica o estudado sobre a elaboración dun texto instrutivo, melloraron a súa competencia escrita e, por suposto, reflexionaron sobre o coidado do Medio Ambiente.
Con estes traballos, ao empregar a nosa lingua, alumnado e profesorado cumpriron unha das maiores arelas do Seminario de Estudos Galegos (1923), cal foi a de que todas as ciencias se estudasen na nosa lingua propia, o galego.