Skip to Content

Mulleres Colleiteiras

A semana pasada viñeron ao noso centro uns representantes da ONG Arquitectos sen  Fronteiras para acompañar e dar a coñecer o proxecto das Mulleres Colleiteiras, unha cooperativa formada por mulleres xitanas dos poboados chabolistas da Pasaxe e das Rañas.
Este colectivo feminino, en risco de exclusión social, dedicábase a recoller chatarra e cartón, mais como hoxe en día hai puntos limpos tivo que buscar outro medio para sobrevivir.
Agora traballan na recollida de aceite usado que a veciñanza da Coruña, Oleiros, Culleredo e Cambre deposita nos contedores laranxas. As tres mulleres parecían contentas con este proxecto porque, como nos dicían, así poderán ter unhas condicións de vida iguais que as nosas: unha vivenda digna, que os seus fillos estuden e, cando sexan maiores, poidan traballar.
Contáronnos que, aínda que non teñen beneficios, seguen loitando para poder ter un soldo e así dar traballo a máis mulleres destes poboados.
Insistiron na importancia de reciclar para non empeorar a situación das nosas augas, pois un litro de aceite contaminaría unha distancia que vai desde o río Mero até a ría do Burgo. Ademais informáronnos do proveito que lle podemos tirar ao aceite unha vez limpo: biodiésel, xabón...
Finalmente obsequiáronnos cun funil para colocar na botella de plástico e así non ter escusa para non reciclar.
Para complementar esta actividade, onte recibimos a visita de Lucía, voluntaria de ASF, que a través da reportaxe Pedra papel mostrounos a realidade dos nenos e nenas do poboado chabolista da Pasaxe: “Escribían unha carta na que explicaban como é o día a día alí: viven en chabolas e no inverno teñen pingueiras e moito frío. Teñen que camiñar moito para ir á escola, pero queren aprender e que os seus pais aprendan tamén a ler e poidan traballar. Soñan cunha casiña sen pingueiras e con calefacción. Logo facían barquiños coa cartas e botábanos á ría do Burgo para que a xente coñeza a súa realidade”.
Moitas grazas por vir.


Alumnado de 1º AE



page | by Dr. Radut