Skip to Content

Avaliacións STEMBACH

 
Este mes de abril tiveron lugar as avaliacións do alumnado STEMBACH de 2º de Bacharelato. O día 12 expuxeron Xiana Valiño Rodríguez, Óscar Caínzos Rodríguez e Daniel Viñas Barciela o traballo "O papel das solucións baseadas na natureza da mitigación dos asolagamentos e control da contaminación nas cidades". O día 26 foi a quenda de Moraima Núñez Álvarez, Elena Hortas Salas e Icía Moure Cernadas co traballo "Búsqueda de antibióticos en muestras de suelo". Ambos os traballos mereceron unha cualificación de sobresaliente.
 
 
 
 
 

Emma Pedreira Lombardía

 

O Día do Libro (tamén denominado Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor, Día Internacional do Libro e Día Mundial do Libro) é un acontecemento anual que se celebra o 23 de abril. A festa celebrouse por primeira vez baixo os auspicios da UNESCO en 1995 coa idea de fomentar a lectura, a edición e publicacións impresas e os dereitos de autor. (Fonte: wikipedia)

No IES DAVID BUJÁN  imos celebrar a data coa presenza da escritora Emma Pedreira Lombardía, autora  de libros referencias da literatura galega recente.  A actividade inscríbese, e é financiada polo  Ministerio de Cultura e Deporte, dentro das Actividades de Promoción das Letras.

A escritora terá un primeira encontro co alumnado de 1º da ESO onde, acompañada dunha maleta, falará de libros. Despois será a quenda  do alumnado de 2º da ESO,  cos que falará da súa obra.

Feliz día do libro

Visita ao Museo Didáctico das Telecomunicacións

O 17 de abril de 2023, o alumnado de Tecnoloxía e enxeñaría de 1º bacharelato realizou unha visita ao Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña. O persoal do museo -traballadores xubilados de Telefónica- explicou a evolución das tecnoloxías máis relevantes do ámbito das telecomunicacións (telefonía, telegrafía, radiocomunicación...) dende as súas orixes, hai máis de 150 anos, ata os dispositivos dixitais da actualidade. O máis asombroso deste museo é que moitos dos equipos están plenamente operativos a pesar da súa antigüedade. Tamén é salientable a cantidade de paneis que, mediante o uso de leds, explican os procesos que se levan a cabo nas redes de comunicacións.

Tanto o alumnado participante na visita coma o profesorado acompañante queren agradecer aos anfitrións o excelente trato recibido e animalos para que continúen coa increíble e sacrificada labor de mantemento que veñen realizando no museo.

ACTIVIDADES DÍA DO LIBRO

Para a última semana deste mes de abril, a biblioteca traballa na preparación das seguintes actividades:

-III Concurso Fotográfico "O Pracer de Ler".

-Elaboración de vídeos onde as familias do noso centro amosen as súas bibliotecas, explicando  que tipo de libros teñen, como os teñen ordenados, cales son os seus favoritos, etc.

-Encontro de exalumnas do instituto que son escritoras.

-Exposicións bibliográficas dos premios Cervantes.

Agardamos a vosa colaboración e suxestións.

 

 

MUSIGAL 2023

Comeza o Musigal para escoller a canción do 2022 que máis nos gustou.

Participa propoñendo cancións para seren incluídas nas roldas clasificatorias. Manda as túas proposta ao edlg@iesdavidbujan.gal ( co asunto "Musigal 2022") ou informa o  profesorado de LG ou do EDLG. Podes conseguir puntos do EDLG

Tamén podes participar votando as cancións xa propostas, dende a túa sesión (coa conta do centro). Só podes votar unha vez por eliminatoria.

Para seleccionar as finalistas faranse tantas roldas como cancións se propoñan. Sortearase unha camiseta, bocatas e  puntos do EDLG entre os que voten.  

Embaixo irán aparecendo todas as elimatorias

  

XXIX Certame Literario Xoán Díaz

O IES David Buján, O IES Afonso X O Sabio e o Concello de Cambre convocan unha  nova edición  do Certame Literario Xoán Díaz.  Ata o día 15 de abril está aberto o prazo para presentar traballos de poesía, narración e microteatro nas tres categorías (de 12 a 14, de 15 a 18 e de 19 a 26). 

PARTICIPA!!

Consulta as bases

Ficha de inscrición

Viaxe a Almagro 1º bacharelato

O alumnado de 1º bacharelato viaxou, entre os días 12 e 16 de marzo, a Almagro para asistir a unha representación teatral no Corral de Comedias. Tameń se visitaron os muíños de vento de Consuegra e, xa en Madrid, realizáronse outras actividades culturais: teatro, visitas a museos (Thyssen-Bornemisza, Prado e Reina Sofía) e un percorrido interpretativo pola arte urbana de Lavapiés cun taller de graffiti. No traxecto de volta, aínda deu tempo de visitar o Mosteiro de San Lorenzo del Escorial.

Natalia Gómez Orgeira, gañadora das Olimpíadas Galegas de Economía

Natalia Gómez Orgeira, alumna de 2º bacharelato do noso centro é a gañadora das XIII Olimpíadas Galegas de Economía, celebradas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo o pasado 16 de marzo. O seu 1º premio concédelle o dereito a participar na XIV Olimpiada Española de Economía que se celebrará en Sevilla, organizada pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Sevilla, do 19 ao 21 de xuño de 2023. Moitos parabéns!

Distribuir contido


by Dr. Radut