Actos, Día de

Salomé Cabaleiro

 

Golpéanos hoxe a tráxica nova do falecemento da nosa compañeira, profesora e amiga, Salomé Cabaleiro, e non sabemos nin como sentirnos. Lembrámola sorrindo, alegre e activa, como debe ser e é propio da xente nova. Recordámola entendendo o ensino como algo que sobordaba a transmisión de coñecementos para implicarse na formación integral da persoa. E sempre, sempre, sempre, preto de nós... de onde xa nunca se irá. Choramos a túa morte, mais nin sequera ela poderá borrar a memoria do teu pasado tan presente.

 

 


Chapela, 16 de maio de 2017 

A comunidade educativa do IES Chapela

 

Sesé na nosa memoria

Graffiti no Muro de Berlín

A Sesé, a quen lle gustaban “estas cousas”.

 

 

 

 

Chapela está sumida na tristeza e indignación por ser lugar dun novo crime machista. A morte de Sesé, nai dunha exalumna e dun exalumno do IES Chapela, muller comprometida no seu tempo coa actividade do noso Centro, deixou sen palabras ao alumnado, profesorado, persoal non docente e a calquera persoa que se dea de fronte coa nova aparecida hoxe en todos os xornais. A súa perda deixa unha pegada fonda entre os seus familiares, os seus amigos e amigas e entre toda a comunidade educativa do instituto, quen quixo renderlle no día de hoxe, 21 de febreiro de 2017, a máis sentida homenaxe cun minuto de silencio. As mostras de agarimo do alumnado coas persoas achegadas á vítima que están a estudar no Centro, son un apoio emocional nestes momentos difíciles. Sesé é outra muller máis que engrosa unha xa longa lista de vítimas por violencia machista que non deixa de crecer. Aínda sen palabras, por tocarnos moi de preto estes feitos, alzamos a nosa voz contra a violencia de xénero, unha loita que só imos gañar co compromiso real de toda a sociedade. Paremos as agresións e estaremos no camiño de lograr a igualdade. Contigo na memoria, Sesé.

 

Julián Jario Santos

Esther Mato Méndez

 

21 de febreiro de 2017

 

   

Día Internacional contra a Violencia de Xénero - 2016

 

 

 

 

25-11-16 / Día Internacional contra a violencia de xénero

O 25 de novembro tivo lugar un acto no Concello de Redondela, contra a violencia de xénero, protagonizado polo noso alumnado de 2º e 3º PMAR. O acto contou coa presenza da Concelleira de Educación.

Laura, Melany, Santiago e Cong Xin, leron un manifesto no que denunciaron o elevado número de casos de violencia de xénero que sacode ano tras ano a nosa sociedade, sen que sexamos capaces de erradicala. Salientaron como unha forma de eliminala a análise con perspectiva de xénero dos nosos comportamentos na vida cotiá e a eliminación no día a día das nosas actitudes machistas.

25 Aniversario do IES Chapela (1991-2016)

25 ANIVERSARIO IES CHAPELA

 

          Carta 25 aniversario

Acto de benvida ao alumnado de 6º EP dos CEIPs - 2016

O 16 de xuño recibimos ao alumnado de 6º no IES CHAPELA. Nesta xornada de acollida participaron ex-alumnos e ex-alumnas dos CEIPs que cursan ESO, Bacharelato, e Ciclos Medios e Superiores. Ademais de visitar o centro, deúselles información sobre os cambios que a nova etapa educativa que empezan suporá para eles e elas. Despois da visita desfrutaron dun concerto  de benvida con catro interpretacións do alumnado de ESO e Bacharelato do IES, organizado polo profesor de música, Miguel Pérez, quen participou tamén no concerto acompañado dun violinista invitado, Paulo Pérez. Por último o alumnado de 6º completou coa súas suxestións e siluetas un mural colocado no vestíbulo do IES.

Folleto coas actividades

Fotos en PDF                                    

 

Vídeos das actuacións

Miguel e Paulo  Susana, Noé, Lidia e Paulo  Raúl Xenxo e Raúl

Mural Celso Emilio

O luns 20 no 2º recreo da mañá (12:10h) tivo lugar o acto de inauguración do mural dedicado a Celso Emilio Ferreiro. 

Nel realizouse unha lectura colectiva do poema Deitado frente ao mar na que participou un representante de cada unha das aulas do instituto, xunto con representación do profesorado (Margarita Comesaña) e persoal non docente (Ramón Nóvoa).

Contamos tamén coa presenza de Luís Ferreiro, fillo do autor homenaxeado e presidente da fundación Celso Emilio Ferreiro, que participou no recitado colectivo.

No acto descubriuse un mural deseñado e realizado polo alumnado de 4º ESO Carlos García, Nerea López e Paula Gil, coa colaboración de Carla Martínez e Laura Vázquez (4º ESO).

No momento de descubrir o mural tivo lugar unha actuación musical a cargo de alumnado do instituto: Xenxo Ortega (1º Bacharelato, gaita), Andrea Cabaleiro (3º ESO, tambor), Julia Rivas (3º ESO, pandeireta) e Carme Puime (3º ESO, bombo).

Xa podedes ver o vídeo do acto. Nova no Faro de Vigo

O IES de Chapela co pobo saharaui

O IES de Chapela co pobo saharaui
A comunidade educativa recadou 1236,60 € para o programa Vacacións en Paz.

Desde o pasado 9 de maio o IES de Chapela está desenvolvendo unha campaña de sensibilización sobre as condicións de vida dos refuxiados saharauis que levan desde 1975 en campamentos en territorio alxerino e o seu dereito a regresar á súa terra, ocupada polo goberno de Marrocos. 

A campaña tamén ter por obxecto recadar fondos para o programa Vacacións en Paz, que organiza todos os anos a Asociación Galega de Amigos do Pobo Saharaui. Grazas a ese programa as nenas e nenos refuxiados entre 7 e 12 anos poden pasar dous meses do verán con familias galegas. Dese xeito evitan as altas temperaturas dos campamentos nesas datas (ata 50 ºC), acceden a revisións médicas e tratamentos (se os precisan) a través dun convenio co SERGAS e teñen contacto coa nosa cultura mentres aprenden as nosas linguas castelá e galega.       

O custo de manutención das nenas e nenos é asumido por cada familia acolledora, pero o custo da viaxe e seguro (890€ por cada nena/o) debe pagalo a Asociación grazas ás achegas dos Concellos e a campañas como a desenvolvida no IES de Chapela. 
En Chapela puxémonos como obxectivo que poida vir este verán unha nena ou un neno saharaui máis, para o que se precisarían 890€. Polo tanto acadamos con creces o obxectivo da campaña. Profesorado e alumnado voluntario do Ciclo de Integración Social percorreron as aulas de diurno e de nocturno para sensibilizar sobre esta situación.
  • Foto do alumnado de 4º ESO co reconto final de euros acadados
  • Vídeo realizado por unha alumna do Ciclo Superior de Educación Infantil que describe a historia e a situación actual do pobo saharaui

IV Centenario "QVIXOTE" - 2016

      Actividades no IES CHAPELA:
  • Exposición de obras de Cervantes e Shakespeare: libros, cómics, películas, carteis... 
  • A cociña de "El Quijote".
  • As plantas en "El Quijote".
  • A música da época.
  • Exposición de debuxos feitos polos alumnado.
  • Concursos: Adiviñar a linguaxe e fragmentos ordenados.

El Quijote en mp3

 

     
   

HOMMAGE PARIS

25 de Novembro - Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Dende o Ciclo Superior de Integración Social, con motivo da celebración, o próximo 25 de Novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, estanse a organizar unha serie de actividades, das que queremos informar para animar a toda a comunidade a participar das mesmas.

Luns 23 estará instalado no vestíbulo do centro un Mural no que se formula unha pregunta: Que é para ti a violencia de xénero? O propósito deste mural é invitar á reflexión, buscando a participación colectiva, escribindo cada quen no propio mural aquelas cousas que considere que son violencia contra a muller ou o seu propio concepto de violencia contra a muller. Tamén haberá algúns pequenos carteis con frases de personaxes célebres, que pretenden convidarnos a pensar.

Martes 24, colocaranse algúns carteis máis que representan unha selección de mulleres cun papel relevante para todas e todos nós, animámosvos a coñecelas.

Mércores 25 farase unha concentración silenciosa diante do mural interactivo no tempo do recreo da tarde. Á súa finalización procederemos á lectura dun Manifesto.

Xoves 26 proxectarase, durante o recreo, unha presentación con vídeo e música, amosando a perspectiva de xénero na música.

Venres 27, proxectarase un vídeo para fomentar a visibilidade sobre o tema da violencia contra a muller e colgarase no mural interactivo unha definición oficial sobre a violencia contra a muller.

O alumnado do CS Integración Social confía en que vos guste esta inciativa e que vos animedes a participar.

CONTAMOS COA COLABORACIÓN DE TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA PARA FACER DESTE PEQUENO ACTO ALGO SIGNIFICATIVO QUE MOSTRE A CONCIENCIACIÓN E PARTICIPACIÓN DE TODO O IES Chapela.

Fotos da lectura do manifesto

    

Distribuir contido