Skip to Content

Noticias

A Sangriña reivindica o feminismo no 8M

8 M IES A Sangriña

Hoxe, 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, unha delegación do Grupo da Igualdade do IES A Sangriña acudiu á convocatoria do Concello da Guarda para reivindicar un mundo máis xusto e igualitario para as mulleres, as mozas e as nenas.

Deixámosvos a continuación o manifesto que alí leron as nosas alumnas:

MANIFESTO 8M 2024

IES A SANGRIÑA

Como diciamos o ano pasado, neste 8 de marzo, día da muller, o alumnado do instituto A Sangriña decidimos seguir erguendo a voz, polas que foron, polas que están e polas que aínda nos queda moito que loitar.

 

Este ano presenciamos situacións que non son dignas do tempo que vivimos. Un bico indigno e roubado a unha das nosas referentes no deporte, puxo de manifesto que a loita continúa e que non podemos darnos por vencidas. Que temos que seguir reivindicando a igualdade de dereitos e oportunidades.

 

O machismo e o sistema patriarcal está presente no noso día a día. Nas aulas seguimos observando que se presta máis atención á palabra deles que á delas. Os rapaces que sacan boas notas é porque son intelixentes, mentres que as nenas sacan boas notas porque son traballadoras. Eles sempre teñen o protagonismo con machiruladas porque se senten cheos de razón e de forza, aínda que o que estean a dicir sexan discursos carentes de toda lóxica ou fundamento. Eses eles dos que falamos non son todos, claro. Avanzamos aínda que haxa unha minoría ruidosa que se faga coa palabra e tente anular o pensamento e o discurso libre e formado.

 

E nós, as mozas e mozos que estamos hoxe aquí, somos as mulleres e homes do mañá. E isto ten que mudar xa! Acabouse!, dixemos no verán. Porque xa chegou a hora de vivirmos en igualdade, sen estereotipos nin prexuízos, cun reparto equitativo do diñeiro, do traballo e das oportunidades. Porque, compañeiras, nais, avoas... xa chegou a hora de rachar co establecido e sermos dunha vez persoas libres en pé de igualdade.

 

Acabouse!

Porque o futuro será feminista ou non será!

Podes ver aquí a entrevista a Mariví Álvarez

Marví Coplant Sangriña

Xa está publicado na web de La Voz de Galicia o vídeo da entrevista que este xornal realizou, no noso centro, a Mariví Álvarez, Presidenta de COPLANT. A peza é o resultado do traballo de Iago García,  Álex López-Benito e Senén Rouco.

Na entrevista, Mariví achega datos e reflexións que nos resultaron impactantes e nos fixeron conscientes do tipo de traballo que unha empresa coma esta, que está tan preto do noso centro pode realizar. Por exemplo, descubriunos que COPLANT pode distribuír plantas en Berlín nun prazo de tan só 72 horas ou que a empresa está preparada para crecer até un 30% nos próximos anos. Ademais, consideramos especialmente importante a reflexión que Mariví facía sobre a necesidade de fixar poboación en concellos como os nosos e a importancia que empresas como COPLANT teñen para conseguilo.

Para ver o vídeo completo preme na seguinte ligazón: Entrevista a Mariví Álvarez en "De 0 a 100".

Se chegas ao final do vídeo verás as fantásticas preguntas do noso alumnado!!!

Participamos en "De 0 a 100"

COPLANT IES A Sangriña La Voz de Galicia

"De 0 a 100" é unha iniciativa da Consellaría de Educación encamiñada a realizar, en colaboración con diferentes centros de ensino e o xornal La Voz de Galicia, entrevistas a empresarios e empresarias galegos destacados pola súa traxectoria e a súa vontade innovadora. Desta maneira, preténdense dar a coñecer entre o alumnado casos de éxito en diversos ámbitos empresariais.

No IES A Sangriña a protagonista da entrevista en que participou o alumnado de Economía de 2⁰ de Bacharelato foi Maria Victoria "Mariví" Álvarez (Presidenta de COPLANT). Este é un proxecto que nace no ano 2004 grazas ao compromiso e unión de cinco viveiros de plantas ornamentais da zona sur de Galicia, establecendo a súa sede e centro loxístico na comarca do Baixo Miño. Xunto á experiencia conxunta e á vocación de atención ao cliente que os caracteriza, ofrecen unha ampla gama de plantas ornamentais en diferentes tamaños e formatos. COPLANT está orientado á comercialización de plantas ornamentais de calidade a nivel nacional e internacional, e está presente nos principais mercados europeos como Francia, Reino Unido, Alemaña, Holanda, Bélxica, Portugal, Italia e Dinamarca.

Visitamos os museos científicos da Coruña

ies a Sangriña coruña

O alumnado de 3⁰ de ESO do IES A Sangriña visitou, hoxe luns día 26 de febreiro o museo Domus e o Aquarium Finisterrae da Coruña. A actividade foi organizada e acompañada polo profesorado dos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química.

Domus foi o primeiro museo interactivo do mundo dedicado integramente ao ser humano, e é o segundo dos tres Museos Científicos da Coruña. O edificio, obra do arquitecto xaponés Arata Isozaki, conta con máis de 150 módulos interactivos para divertirse e reflexionar sobre as características da especie humana.

O Aquarium Finisterrae é un centro científico público dedicado á educación ambiental e á divulgación científica de temas mariños. O terceiro dos Museos Científicos Coruñeses ten como obxectivo promover o coñecemento do océano e educar actitudes amorosas cara o mar e a vida mariña. Foi creado polo Concello da Coruña o 5 de xuño de 1999. O Aquarium Finisterrae conta con catro salas de exposición, cada unha con personalidade propia, e unha colección biolóxica formada por máis de trescentas especies diferentes.

Distribuir contido


by Dr. Radut