Skip to Content

Día 24, CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN no IES A SANGRIÑA

Celso Fernández Sanmartín

Naceu en Lalín en 1969. É licenciado en Filosofía pola
Universidade de Santiago de Compostela. É escritor e autor de libros de poesía
como Divagacións iú (edición de
autor, 1991), O tigre das cenorias
(edición de autor, 1994), Sen Título
(edición de autor, 1995), Propiamente son
captivo
(Letras de Cal, 1997), Fucsia,
talladas, estampados, boca
(Alvarellos, 2001) e da obra colectiva Letras novas (2008, AELG). Tamén cultiva
outros xéneros como o recentemente publicado Gratas
e Boas Novas
(Alvarellos, 2011), un libro inclasificábel, de
imaxes, de cartas e postais; en resumo, un libro de poesía sen versos.


Celso execeu como animador na Residencia de Maiores "Nosa Señora das Dores" de
Lalín, elabora e pon en práctica proxectos de dinamización sociocultural e
artística, e, sobre todo, é un extraordinario narrador, un excelente contador
de contos e historias tiradas maioritariamente da tradición oral.

 

Impartiu e imparte numerosos obradoiros e cursos sobre
animación sociocultural, sobre terapias de convivencia e ocupacionais en
centros de maiores ou preventivas para persoas enfermas de alzheimer ou para
discapacitados. Sempre, ou case sempre, son os contos e o seu valor e uso
educativo, como o das lendas e o das historias de tración oral, os recursos básicos
do seu quefacer; e sempre, ou case sempre, son os nenos e os maiores os seus
principais referentes.


Acompaña sempre o seu currículo cun ideario da actividade de contar contos e
historias con lemas como Bicoca de boca en
boca
, Contos que non falten
ou Os contos non son conto...

 

Di que contar é un oficio que todos temos, e logo de
explicar que leva recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida,
di que comezou por casualidade neste oficio de contar, unha actividade de amor,
sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar
que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos e ilo por aí
mostrando e ofrecendo coa boca aberta e coa boca chea. Confesa tamén devoción polas persoas maiores,
culturalmente refeitas na oralidade, polo vivo interese que poñen nas
historias, nos contos e nas memorias que contan, porque saben "elaborar un
momento". Di que o seu fardo ou repertorio está composto basicamente por
contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea,
(na que temos arte e parte),
asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre.

Para máis información preme aquí 



story | by Dr. Radut