Skip to Content

Presentación "O segredo da casa de Formoso" de H. Cajaraville

05/02/2018 16:00
05/02/2018 17:40
Etc/GMT+1

O pasado luns 5 de febreiro, o departamento de Lingua e Literatura Galega organizou no salón de actos a presentación do libro O segredo da casa de Formoso, do escritor Héctor Cajaraville. O acto estivo dirixido para o alumnado de 3º e 4º ESO, e foi presentado pola alumna Dafne Piñeiro.

Este escritor compostelán, xornalista de profesión, entrou na literatura galega pola porta grande coa súa novela De remate, coa que gañou o premio Xerais no 2015. Desde entón publicou en moi poucos meses seis novelas, que tamén recibiron premios literarios e o que é máis importante, unha moi boa acollida dos lectores e lectoras:

Quen dá a quenda?, finalista no Premio Merlín de Literatura Infantil 2015.

A caixiña dos rancores, premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2015.

Once portas, premio Ánxel Fole de Novela Curta 2016.

Denébola a Roxa, premio Meiga Moira de Novela Infantil e Xuvenil 2016.

O segredo da casa de Formoso, publicouse en abril de 2017 na colección Oqueleo de Obradoiro-Santillana. O autor falounos das ideas e experiencias persoais que inspiraron esa obra e tamén do seu proceso de creación.

N’O segredo da casa de Formoso atopamos varias historias entrelazadas, todas elas xiran arredor de David, o protagonista,
un rapaz de dezaoito anos, nacido en Nova Jersey e que nunca antes estivera en Galicia. En poucos días vai descubrir unha Galicia moi diferente á idea que el tiña dela. Héctor cóntanos como se inspirou nos mozos da parte de Muros e Noia, fillos de emigrantes aos EUA, que veñen de vacacións a Galicia falando o inglés de Nova York e o galego da costa coruñesa, que aprenderon e falan nas súas casas, nos Estados Unidos.
De maneira inesperada, xorde o fío condutor da novela: o amor. É un amor entre dúas persoas aparentemente ben diferentes, o galego-americano David e a súa curmá Sonia, que descobren e comparten afectos e experiencias importantes e valiosas para eles e para outra xente.

Tamén están presentes as pegadas da represión franquista e por suposto o que esconde a casa de Formoso, un segredo gardado por Pastor, o tío do protagonista, que levará os personaxes a actuar dun modo diferente ao que estamos habituados a esperar.

 

 



event | by Dr. Radut