POSTA DE IÑOBRE

Entre a desembocadura do río Té ou do Castelo e o lugar da Burata en Taragoña hai un anaco de costa no que a terra se mete no mar formando un pequeno arrecife de baixo fondo.
É a Punta da Posta ou Posta de Iñobre, lugar moi coñecido en Taragoña e comarca por ofrecer dende a súa pequena lomba unha preciosa paisaxe marítimo-terrestre que deleita e causa pracer nos sentidos de calquer ser humano.

Venlle o nome de Posta por ser ideal para pescar e Iñobre porque pertencen esas terras á aldea do mesmo nome. Aínda non hai moitos anos que os mariñeiros de Rianxo e doutros lugares largaban os aparellos da "secada" na Posta de Iñobre. Os homes tiraban polas betas da rede e cando o "cope" chegaba a terra repartían o "quiñón" que o patrón da lancha lles asignaba. O quiñón de peixe ía para a casa na "encambada" (pola pequena dunha árbore, con gallos e sen follas para enganchar os peixes) e viña moi ben para os fogares daqueles tempos, que esperaban por eles para quentalos enriba dunhas ascuas e quita-la fame daquel longo día case sen probar alimento.


Na restinga da Posta de Iñobre había mexillóns, caramuxos, ostras, camaróns, fanecas, lorchos e algún congrio despistado que non se enteraba que baixaba a marea. Nos arredores había ameixas, algo moi cotizado hoxe en día no noso país e no exterior.

Había un mariñeiro que toda a súa vida andivo polo mundo a navegar en barcos doutros donos  e dicía que si algún día tivera un barco de seu ía poñerlle o nome de Punta de Iñobre porque este sitio tenlle dado moitas e boas viandas que lle quitaron moita fame naqueles tempos en que as barrigas estaban valdeiras.

Familia de Clara
( adicado ó avó Che)