Skip to Content

                              

Dinamización Lingüística

CELEBRANDO OS MAIOS: CON COPLAS E FLORES

Este ano celebramos a festa dos maios ao noso "xeito"

 

Por unha banda o alumnado de 6º de ED. Primaria, axudados pola súa titora Patricia elaboraron unhas coplas sobre si mesmos, e tamén o fixeron co alumnado da clase de 4º e 5º de ED. Infantil.

Pero ademais fixemos unha actividade conxunta, onde lle explicaron aos pequechos e pequechas as plantas e flores máis importantes dos maios ( así falamos dos "pampillos" e tamén dos "estralos ou estralotes" dependendo da zona teñen distintos nomes) despois elaboraron unha coroa con "pampillos" por parellas para o alumnado máis pequeno.

Foi unha experiencia interesantísima e divertida na que a creatividade e o bo facer estiveron presentes. 

Esta actividade tamén se desenvolveu co alumnado de 3º de ED. Primaria.

 

Así a profe Patricia marcou como obxectivos principais: 

-Dar a coñecer  a festa dos maios.
-Achegarse á lírica popular sendo creadoras de coplas onde somos as protagonistas.
-Fomentar os vínculos e a axuda mutua entre o alumnado de 3º ciclo EP e EI
-Mellorar a convivencia do centro a través das artes e da natureza.

 

Aquí vos quedan unhas poucas fotos da actividade de elaboración das coroas, e na que se compartiron as coplas.

 

 

 

Engadimos como arquivos adxuntos as coplas elaboradas para a ocasión.

E que vivan os maios!!!! 

OBRADOIRO DE RADIO CON IAGO GORDILLO

O venres 31 de maio o alumnado de 3º e 4º de educación primaria tiveron un obradoiro práctico con Iago Gordillo. Nese obradoiro gravaron dous programas de radio. Foi unha experiencia fantástica, onde puxeron en práctica todas as súas aprendizaxes durante este curso.

 

FESTEXANDO O DÍA DAS LETRAS GALEGAS CON CÉ ORQUESTRA PANTASMA

Como sabedes, a homenaxeada deste ano 2024 como autora do día das LETRAS GALEGAS é Luísa Villalta: unha muller nada na cidade da Coruña. 

Reivindicativa e loitadora en contra das desigualdades ( especialmente as relacionadas coa  muller)  Polifacética, música violinista, mestra de ED. Secundaria e escritora: tanto de artigos de prensa coma de poesía e outros rexistros...

 

Pensamos que o mellor xeito de festexar a esta autora e esta data era mediante a música..

 

O pasado luns 20 de maio, Cé Orquestra Pantasma achegouse ao noso cole.

Fíxonos desfrutar, cantar e bailar dun xeito ameno e participativo.

Creando un máxico ambiente de sons...

Captando a atencion dende os pequechos aos maiores.

 

Que vivan as nosas letras e as nosas artes!!!!

 

 

A NOSA PARTICIPACIÓN NO "REGUEIFANDO"

No mes de marzo o alumnado de 5º e 6º EP do CEIP Xuvencos, participou no REGUEIFANDO, unha iniciativa colectiva sobre poesía oral popular improvisada na que varios centros educativos de Galicia se animaron a crear coplas encadeadas sobre a propia contorna e a lingua galega.

 

Este foi o vídeo que encadeamos coas coplas do CEIP de Ortigueira e que preparamos nun proceso de creación, reflexión e valoración sobre o patrimonio material e inmaterial e en xeral da cultura popular.

 

 

Música: A danza (Eva Castiñeira e Florencio o cego dos 

Vilares) 

Letra: alumnado CEIP Xuvencos

 

1. Nesta terra que habitamos

a nosa lingua non cala

o galego sen fronteiras

para amar a nosa fala

 

2. Somos do CEIP Xuvencos

Temos Cameixa e o Regueiro

Boborás, o Carballiño

tamén Pazos de Arenteiro

 

3. A imaxinación non falta

nós xogando a fartar

vendo os nosos grafitis

non quereredes marchar...

 

(Redacción do texto: profe Patricia,

titora de 6º ED. Primaria) 

 

 ACTUALIZACIÓN A 24 DE XUÑO:

Chegou o vídeo completo do REGUEIFANDO 2024 con todas as participacións ( a nosa está a partir do minuto 1.42)

 

 

 

Moitísimas grazas á organización do Correlingua por enviarnos uns agasallos tan chulos para o alumnado do terceiro ciclo de ED. Primaria ( alumnado participante) 

 

ANDAINA A MOLDES

O 21 de xuño, todo o alumnado do centro xunto cos mestres e varias familias que se animaron, fíxose unha  andaina a Moldes para despedir o curso escolar. Esta saída contou cunha visita ao Pazo Tizón por parte do alumnado de 2º ciclo de primaria e outra visita á casa de Antón Losada Diéguez, polo alumnado de 3º ciclo. Despois fixéronse xogos ao aire libre e houbo momento de ocio. O ciclo de educación infantil, voltou en autobús e o resto fíxoo camiñando de volta cara o centro. Unha vez alí tivo lugar a entrega de notas nas distintas titorías e o xantar no comedor.

CÓNTAME UN MUNDO

O venres 16 de xuño viñeron a visitarnos unhas rapazas de "CÓNTAME UN MUNDO", unha xira galega pola tradición oral.

Tivemos unha sesión de títeres e contacontos ca temática da narración oral. Despois desa sesión realizouse unha serie de dinámicas para facilitar a participación do alumnado de primaria.

Pincha na imaxe para ver algunhas fotos.

 

Programas de Radio de 3º e 5º de ED. Primaria : obradoiro con Iago Gordillo

Este pasado luns día 12 o alumnado de 3º e 5º de ED. Primaria tivo a terceira sesión( desta volta online) do obradoiro  de radio que desenvolveron con Iago Gordillo.

A primeira das sesións foi telemática, a segunda para poñer a andar os seus programas tivemos a sorte de ter a Iago no noso centro.

E posteriormente editou, "puliu" e preparou o resultado final dos mesmos, este luns día 12 de xeito telemático tamén, comentou co alumnado e titoras de 3º e 5º sobre o proceso, o resultado e escoitaron tamén os audios definitivos.

 

Foi unha experiencia interesantísima, na que o alumnado tivo que traballar en equipo, guionizar, preparar, seleccionar melodías, facer a escaleta... entrevistar...

 

Aquí vos queda o resultado final de ambas aulas:

 

 

 

 

 

 

 

 

CLUB DE LECTURA FAMILIAS E PROFESORADO: A HISTORIA DE SARA

Onte reunímonos as integrantes do Club de Lectura de Familias e profesorado para falar da nosa última lectura:

 

"A historia de Sara" de Francisco Castro.

Un libro fermoso, sensible, que fai reflexionar e ao mesmo tempo duro .

Conta coas magníficas ilustracions de Luz Beloso que son o complemento idóneo para esta breve e engaiolante historia, que non deixa indiferente. 

 

Como podedes observar nas imaxes, onte na nosa "peculiar mesa redonda" na que falamos sobre as lecturas, tivemos entre nós ao autor da obra: Francisco Castro.

 

Queremos agradecerlle que se achegase ao noso cole, e compartise con nós o seu tempo, falando do seu libro, da sensibilidade coa que está escrito, de facernos ver que hai novela gráfica para adultos.

 

E que nos falase con franqueza, nos fixese reflexionar   profundamente sobre un tema que por desgraza está máis presente do que quixéramos.

E que tamén está nas nosas mans tratar de previr , apoiar e sensibilizar.

Foi moi ilusionante telo con nós, e non queremos deixar de agradecerlle que se achegase ao noso centro.

Aínda que onte non estabamos todas as que somos, si unha representación importante e non quixemos deixar pasar a oportunidade de tirar unha foto todas xuntas.

 

 

 

Reiteramos novamente o agradecemento ao autor polo seu tempo e sensibilidade e tamén á librería OZOCOgz que foi a que mediante a presentación do seu libro nos puxo en contacto.

 

CLUB DE LECTURA FAMILIAS E PROFESORADO: A CULPA. MARÍA SOLAR

A segunda lectura que fixemos este curso foi "A CULPA" DE María Solar.

 

Un libro intenso, interesante,  duro e moi complexo que nos deu para un amplo debate no que falamos moito , moito moito: dúbidas sobre a historia das protagonistas, ideas, as nosas conclusións, a variedade de opinións e o final!!!

 

A autora , María Solar, contestounos a todas esas dúbidas ( e eran bastantes!!!) que gravamos dende Radio  Xuve e lle fixemos chegar. 

Aquí tedes algunhas fotos do momento, no que algunhas das participantes lle fixeron chegar as dúbidas que xurdiron entre todas:

 

E agora que temos as respostas, na derradeira reunión escoitarémolas todas xuntas...

Non as imos poñer aquí porque non queremos facer "spoiler" por se alguén aínda non leu esta magnífica novela.

 

CURTAMETRAXE: "O CASCABEL DA GATA"

Neste curso o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria participaron en Nós tamén creamos! do PROXECTA, co conto "O cascabel da gata", de OQO.

Foi un traballo arduo e moi enriquecedor para todo o alumnado, onde aprendemos moitas cousas sobre fotografía, luces, montaxe, etc.

No seguinte video podedes ver a curtametraxe:

 

E neste video o making off (cómo se fixo):

Distribuir contido


by Dr. Radut