Blog de biblioteca

SAÍDA DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO

O pasado sábado 29 de xuño tivemos a derradeira reunión do Club de Lectura de Familias e profesorado deste curso.

Partindo da proposta de lectura conxunta que nos fixo Ángeles

(coordinadora do equipo de biblioteca do CEIP PETELOS en Mos) lemos "A lavandeira de San Simón" de Eva Mejuto.

 

Para finalmente ese día facer unha visita os dous clubs de lectura á Illa de San Simón onde se desenvolve a historia.

 

 

 

Foi unha xornada moi enriquecedora, compartindo con outro Club de Lectura e falando do libro, da historia da illa, da época na que foi cárcere...  mentres nos guiaban pola illa.

 


 

Queremos agradecer ao CEIP Petelos esta proposta e especialmente a Ángeles por toda a xestión da actividade e polo agasallo que nos fixeron a cada unha de nós.

Sen esquecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares que fai posible actividades tan enriquecedoras coma esta.

De volta xa a terra fomos xantar e pola tarde fixemos a seguinte parada na nosa viaxe: Ribadavia, xa que este curso tamén lemos "Memoria do silencio" da mesma autora e quixemos dar unha volta polo barrio xudeo ...

 

Paseando por algúns dos lugares polos que se desenvolve a historia das Irmás Touza.

Rematamos na estación de tren de Ribadavia, buscando o lugar onde estaría o quiosco das irmás... 

 

 

Foi un día para non esquecer, grazas a todas as integrantes que viñeron (xa que non foi posible que asistisen todas) e a todas as persoas que contribuíron a este "broche final" do noso club este curso...

Agora a desfrutar da lectura de verán, e vémonos en setembro!!!

BIBLIOTECA CREATIVA: OBRADOIRO CON PAOLA GUIMERÁNS

Este curso tivemos a sorte de contar con Paola Guimeráns para desenvolver 3 obradoiros STEAM co noso alumnado, grazas ao programa "Biblioteca Creativa".

Así, co alumnado de 4º e 5º de ED. Primaria fixo sendos obradoiros coa placa "makey makey" programando por bloques, e argallando unha actividade relacionada con Luísa Villalta.

 

 

Por outra banda, co alumnado de 6º de ED. Primaria desenvolveu un obradoiro para utilizar Micro:bit 

 

 

 

 

Foi un auténtico pracer contar con Paola no noso cole e aprender tanto dela.

 

OBRADOIRO DE RADIO CON IAGO GORDILLO.

Este curso o Obradoiro de Radio foi destinado ao alumnado de 3º e 4º de ED. Primaria, impartido por Iago Gordillo.

Coma en ocasións anteriores o obradoiro tivo dúas partes: na primeira cada unha das aulas e de xeito telemático tivo unha clase teórico práctica con Iago, na que lles explicou os conceptos máis básicos de como funciona a radio, tipo de programas, ideas, exemplos... etc.

Finalmente e despois de todo o aprendido, púxolles "deberes", a elaboracion da "escaleta" e "guión do seu propio programa de radio.

 

Pasadas 2 semanas, Iago achegouse ao noso centro e estivo a metade da mañá con cada unha das aulas para facer o programa e axudarlles no proceso de creación e edición do mesmo dende a mesa de control.

Despois de "pulir" e xuntar todo o material, Iago  enviounos o resultado final de cada unha das aulas, que podedes escoitar aquí:

 

 

 

 

 

 

Agardamos que o desfrutedes, tanto como o fixo o alumnado durante o proceso e moitísimas grazas a Iago por achegarse ao noso centro e por compartir con nós o seu tempo e coñecementos. E pola paciencia!! 

DERRADEIRA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO

O pasado martes reuiniuse o Club de Lectura de Alumnado do terceiro ciclo por derradeira vez este curso.

Comezamos coma sempre con xogos, e pasamos un momento moi divertido...

 

Despois vimos o vídeo que nos enviou Raquel Castro (contestándonos ás preguntas que lle fixemos dende Radio Xuve) sobre  o seu libro Sobremesas sobre versos.

 

Moitísimas grazas á autora por adicarnos o seu tempo.

 

Posteriormente a profe Patricia fixo co alumnado un obradoiro de Poesía , onde a modo de regueifa... expresaron as súas inquedanzas ( especialmente o alumnado de 6º coa idea de ir ao instituto e emprender unha nova etapa da súa vida)

 

 

 

 

 

 

 

Para finalizar, fixeron unha avaliación do seu paso polo Club de Lectura (na que foron moi claro, expresando o que máis e o que menos lles gustou do Club, suxestión de mellora.. e se o recomendarían...) 

Finalizamos, coma sempre cunha  "merendiña" un pouco especial por ser a última

 

 

Moitísimas grazas ao alumnado participante, foi un pracer compartir lecturas con eles e elas e mais as súas titoras.

 

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E MESTRAS: PEL DE CORDEIRO

O pasado luns día 17 reuniuse o Club de Lectura de Familias e Mestras para falar da derradeira lectura deste curso: Pel de Cordeiro de Ledicia  Costas. 

A autora presentou o seu libro en Ourense o 28 de Maio, e como fans confesas que somos, acudimos á cita 4 integrantes do noso club para escoitala falar desta novela, e formar parte do "aquelarre" que alí se formou.

Falou dos puntos en común dos seus libros "Infamia"  e "Ultraluz" con "Pel de cordeiro"

Falou tamén de como se documentou para escribir a novela, e da "violencia obstétrica" entre outras moitas cousas...

Despois de agardar un bo anaco, falamos con ela, contámoslle que lemos todos os seus libros para adultos, e inauguramos o noso club ( xa hai 3 anos) con Golpes de Luz.

.

 

Foi un auténtico pracer poder falar con ela e que nos asinase algún dos seus libros.

 

E isto formou parte da nosa reunión, para falar de "Pel de Cordeiro", na que cada quen expresou que foi o que máis e o que menos lle gustou da novela. Cal das partes lle intrigou máis... coincidimos case todas en que o comezo é bastante noxento pero ao tempo o suficientemente hipnótico para non poder deixar de ler...

 

 

Falamos de bruxas, de crenzas, de tradicións, de "medicina popular", da Virxe do Corpiño, das cousas nas que cremos ou non e de moitas cousas máis.

 

 

 

Tamén falamos da "violencia obstétrica" e do ben retratado que está o Hospital de Ourense, na novela. Especialmente na parte de xinecoloxía..

 

 

Coincidimos en que Ledicia Costas, ademais de escribir dun xeito engaiolante e ao tempo dunha lectura moi sinxela (porque resulta adictiva e moi moi sinxela de ler)  sempre pon o punto nun tema social e de actualidade en cada unha das súas novelas. 

 

E coma sempre rematamos cunha "merendiña" na que sempre hai café , froita e algo doce. Desta volta foi Iris a que nos sorprendeu cun prato  salgado , típico da cociña Panameña que nos encantou!!! Moitísimas grazas a Iris por facernos esta delicia fresquiña e saborosa. 

FAMILIAS QUE CONTAN: O GRÚFALO

Este luns tivemos contacontos por parte das familias. Patricia , acompañada pola súa filla Mía contáronnos o conto "O Grúfalo"  entre as dúas.

 

O alumnado de ED. Infantil e 1º Ciclo de ED. Primaria estivo atentísimo.. desfrutaron moito desta narración compartida.

 

Moitísimas grazas a Patricia e a Mía (que o fixo xenial!!)

 

FAMILIAS QUE CONTAN: ¿POR QUÉ LLORAMOS?

A pasada semana, María José, a nai de Pablo da clase de 1º de ED. Primaria veu á biblio contarnos ¿Por qué lloramos? 

 

Un fermoso conto que nos explica que chorar é un xeito máis de expresar as nosas emocións... e que podemos chorar por moitísimos motivos.

 

 

 

O alumnado de ED. Infantil e 1º ciclo de ED. Primaria estivo atentísimo e desfrutaron ao máximo desta fantástica narración polo mundo das emocións. Porque todos e todas choramos, sexamos grandes, ou pequenas...

 

Moitísimas grazas a María José por compartir o seu tempo con nós !!!!

 

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO: FALAMOS DE MANGA E B.D

O pasado día 3 de xuño tivemos reunión do club de lectura de alumnado ( coa colaboración e asistencia das titoras do 3º ciclo)

 

Comezamos xogando, como facemos sempre  desta volta xogamos a dous xogos de mesa: SLAPZI ( un dos grandes éxitos deste curso)  e MORADA MALDITA.

 

A continuación o alumnado expuso o seu traballo sobre un libro de manga ou banda deseñada ( foi un traballo elaborado por eles e elas: houbo quen fixo presentacións en CANVA, houbo quen elaborou carteis informativos, quen se apoiou en imaxes...) a idea era que despois de ter elexido un libro na reunión anterior, espuxesen diante dos e das integrantes do club o que lles pareceu, porqué o elexiron, falar das personaxes etc etc...

 

Despois das exposicións , rematamos, coma sempre cunha "merendiña".

 

Aquí quedan unhas poucas fotos do momento:

 

 

CELEBRANDO OS MAIOS: CON COPLAS E FLORES

Este ano celebramos a festa dos maios ao noso "xeito"

 

Por unha banda o alumnado de 6º de ED. Primaria, axudados pola súa titora Patricia elaboraron unhas coplas sobre si mesmos, e tamén o fixeron co alumnado da clase de 4º e 5º de ED. Infantil.

Pero ademais fixemos unha actividade conxunta, onde lle explicaron aos pequechos e pequechas as plantas e flores máis importantes dos maios ( así falamos dos "pampillos" e tamén dos "estralos ou estralotes" dependendo da zona teñen distintos nomes) despois elaboraron unha coroa con "pampillos" por parellas para o alumnado máis pequeno.

Foi unha experiencia interesantísima e divertida na que a creatividade e o bo facer estiveron presentes. 

Esta actividade tamén se desenvolveu co alumnado de 3º de ED. Primaria.

 

Así a profe Patricia marcou como obxectivos principais: 

-Dar a coñecer  a festa dos maios.
-Achegarse á lírica popular sendo creadoras de coplas onde somos as protagonistas.
-Fomentar os vínculos e a axuda mutua entre o alumnado de 3º ciclo EP e EI
-Mellorar a convivencia do centro a través das artes e da natureza.

 

Aquí vos quedan unhas poucas fotos da actividade de elaboración das coroas, e na que se compartiron as coplas.

 

 

 

Engadimos como arquivos adxuntos as coplas elaboradas para a ocasión.

E que vivan os maios!!!! 

BO VERÁN E BOA LECTURA!

E agora a desfrutar do verán... deixamos aquí as recomendacións lectoras  remitidas polas titorías dos distintos ciclos.

Como sabedes, este é o ano da B.D ( banda deseñada) e algunhas das recomendacións van nesa liña.

 

Por outra banda, este curso as profes Cruz, Natalia, Loli e mais eu (Leo) participamos nun grupo de traballo, de formación intercentros (varios centros da provincia e tamén o C.E.E Infanta Elena de Monforte) sobre o xogo e a súa importancia na aprendizaxe e na adquisición dalgunhas destrezas, no fomento da paciencia e da socialización ( e tamén para aprender!!)

Engadimos tamén recomendacións de xogos, testados co alumnado e que poden ser interesantes para o seu desenvolvemento e para pasar un bo momento en familia.

 

Que teñades bo verán, desfrutade e lede moito... e se queredes recomendacións...

( Van en formato imaxe e tamén en adxunto PDF que se ve con maior claridade)

 

BOA LECTURA E BO VERÁN XOGANDO EN FAMILIA!!!

 

Distribuir contido