Skip to Content

                              

Dinamización Lingüística

A NOSA PARTICIPACIÓN NO "REGUEIFANDO"

No mes de marzo o alumnado de 5º e 6º EP do CEIP Xuvencos, participou no REGUEIFANDO, unha iniciativa colectiva sobre poesía oral popular improvisada na que varios centros educativos de Galicia se animaron a crear coplas encadeadas sobre a propia contorna e a lingua galega.

 

Este foi o vídeo que encadeamos coas coplas do CEIP de Ortigueira e que preparamos nun proceso de creación, reflexión e valoración sobre o patrimonio material e inmaterial e en xeral da cultura popular.

 

 

Música: A danza (Eva Castiñeira e Florencio o cego dos 

Vilares) 

Letra: alumnado CEIP Xuvencos

 

1. Nesta terra que habitamos

a nosa lingua non cala

o galego sen fronteiras

para amar a nosa fala

 

2. Somos do CEIP Xuvencos

Temos Cameixa e o Regueiro

Boborás, o Carballiño

tamén Pazos de Arenteiro

 

3. A imaxinación non falta

nós xogando a fartar

vendo os nosos grafitis

non quereredes marchar...

 

(Redacción do texto: profe Patricia,

titora de 6º ED. Primaria) 

 

 

 

ANDAINA A MOLDES

O 21 de xuño, todo o alumnado do centro xunto cos mestres e varias familias que se animaron, fíxose unha  andaina a Moldes para despedir o curso escolar. Esta saída contou cunha visita ao Pazo Tizón por parte do alumnado de 2º ciclo de primaria e outra visita á casa de Antón Losada Diéguez, polo alumnado de 3º ciclo. Despois fixéronse xogos ao aire libre e houbo momento de ocio. O ciclo de educación infantil, voltou en autobús e o resto fíxoo camiñando de volta cara o centro. Unha vez alí tivo lugar a entrega de notas nas distintas titorías e o xantar no comedor.

CÓNTAME UN MUNDO

O venres 16 de xuño viñeron a visitarnos unhas rapazas de "CÓNTAME UN MUNDO", unha xira galega pola tradición oral.

Tivemos unha sesión de títeres e contacontos ca temática da narración oral. Despois desa sesión realizouse unha serie de dinámicas para facilitar a participación do alumnado de primaria.

Pincha na imaxe para ver algunhas fotos.

 

Programas de Radio de 3º e 5º de ED. Primaria : obradoiro con Iago Gordillo

Este pasado luns día 12 o alumnado de 3º e 5º de ED. Primaria tivo a terceira sesión( desta volta online) do obradoiro  de radio que desenvolveron con Iago Gordillo.

A primeira das sesións foi telemática, a segunda para poñer a andar os seus programas tivemos a sorte de ter a Iago no noso centro.

E posteriormente editou, "puliu" e preparou o resultado final dos mesmos, este luns día 12 de xeito telemático tamén, comentou co alumnado e titoras de 3º e 5º sobre o proceso, o resultado e escoitaron tamén os audios definitivos.

 

Foi unha experiencia interesantísima, na que o alumnado tivo que traballar en equipo, guionizar, preparar, seleccionar melodías, facer a escaleta... entrevistar...

 

Aquí vos queda o resultado final de ambas aulas:

 

 

 

 

 

 

 

 

CLUB DE LECTURA FAMILIAS E PROFESORADO: A HISTORIA DE SARA

Onte reunímonos as integrantes do Club de Lectura de Familias e profesorado para falar da nosa última lectura:

 

"A historia de Sara" de Francisco Castro.

Un libro fermoso, sensible, que fai reflexionar e ao mesmo tempo duro .

Conta coas magníficas ilustracions de Luz Beloso que son o complemento idóneo para esta breve e engaiolante historia, que non deixa indiferente. 

 

Como podedes observar nas imaxes, onte na nosa "peculiar mesa redonda" na que falamos sobre as lecturas, tivemos entre nós ao autor da obra: Francisco Castro.

 

Queremos agradecerlle que se achegase ao noso cole, e compartise con nós o seu tempo, falando do seu libro, da sensibilidade coa que está escrito, de facernos ver que hai novela gráfica para adultos.

 

E que nos falase con franqueza, nos fixese reflexionar   profundamente sobre un tema que por desgraza está máis presente do que quixéramos.

E que tamén está nas nosas mans tratar de previr , apoiar e sensibilizar.

Foi moi ilusionante telo con nós, e non queremos deixar de agradecerlle que se achegase ao noso centro.

Aínda que onte non estabamos todas as que somos, si unha representación importante e non quixemos deixar pasar a oportunidade de tirar unha foto todas xuntas.

 

 

 

Reiteramos novamente o agradecemento ao autor polo seu tempo e sensibilidade e tamén á librería OZOCOgz que foi a que mediante a presentación do seu libro nos puxo en contacto.

 

CLUB DE LECTURA FAMILIAS E PROFESORADO: A CULPA. MARÍA SOLAR

A segunda lectura que fixemos este curso foi "A CULPA" DE María Solar.

 

Un libro intenso, interesante,  duro e moi complexo que nos deu para un amplo debate no que falamos moito , moito moito: dúbidas sobre a historia das protagonistas, ideas, as nosas conclusións, a variedade de opinións e o final!!!

 

A autora , María Solar, contestounos a todas esas dúbidas ( e eran bastantes!!!) que gravamos dende Radio  Xuve e lle fixemos chegar. 

Aquí tedes algunhas fotos do momento, no que algunhas das participantes lle fixeron chegar as dúbidas que xurdiron entre todas:

 

E agora que temos as respostas, na derradeira reunión escoitarémolas todas xuntas...

Non as imos poñer aquí porque non queremos facer "spoiler" por se alguén aínda non leu esta magnífica novela.

 

CURTAMETRAXE: "O CASCABEL DA GATA"

Neste curso o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria participaron en Nós tamén creamos! do PROXECTA, co conto "O cascabel da gata", de OQO.

Foi un traballo arduo e moi enriquecedor para todo o alumnado, onde aprendemos moitas cousas sobre fotografía, luces, montaxe, etc.

No seguinte video podedes ver a curtametraxe:

 

E neste video o making off (cómo se fixo):

Na eira e na lareira

Onte, grazas ao Consorcio Editorial Galego, e da man da "Xanela do Maxín" tivemos a sorte de desfrutar deste magnífico espectáculo en dúas quendas.

Primeiro fomos o alumnado máis pequeno ( de ED. Infantil a 2º de ED. Primaria) e despois os maiores ( de 3º a 6º de ED. Primaria)

 

Gustounos moitísimo, tívonos "enganchad@s do comezo ata o fin, e ademais poñendo en valor a importancia da nosa cultura, música e tradicións.

 

 

 

Aquí deixamos unha pequena escolma fotográfica da actividade de onte:

 

MISTERIO NA BIBLIOTECA

Lembrades a proposta que se fixo este curso no día da poesía para conmemorar o día do libro este curso??

 

 

Ao final decidimos presentalo o día das Letras Galegas, entre as actividades programadas para esa data.

Representantes de cada aula saíron a lelo ante todo o centro para ver como se ía desenvolvendo esta historia misteriosa que o alumnado de 1º de ED. Primaria deu en titular " MISTERIO NA BIBLIOTECA". ( premede no enlace para acceder á publicación)

 

Aquí vos queda o conto colaborativo, por se o queredes desfrutar, como fixemos nós escoitándoo dos seus autores e autoras.

 

 

 

 

Francisco Fernández del Riego: celebrando as Letras Galegas 2023

Este ano adicouse o día DAS LETRAS GALEGAS ao escritor, activista e fundador da Editorial Galaxia:  Francisco Fernández del Riego.

Coma todos os anos, traballamos ao autor homenaxeado a nivel aula cos distintos materiais que atopamos na rede, especialmente os do SEMINARIO GALÁN, ( elaborados con moito xeito por varios centros educativos da provincia da Coruña), tamén tiramos dos materiais que a propia páxina da RAG pon á nosa disposición. 

Como por exemplo este pequeno vídeo sobre o homenaxeado:

 

 

Ademais deste traballo por aula, o xoves fixemos unha actividade común no patio do cole, despois da "hora de ler".

En primeiro lugar  cantamos entre todos e todas "O himno Galego", mexendo as bandeiras galegas que cada quen elaborou na súa aula.

A seguir, o alumnado do 3º ciclo de ED. Primaria presentounos unha pequena biografía do autor homenaxeado.

E posteriormente fíxose a presentación do libro colaborativo ( e lectura do mesmo) que elaborou o alumnado de ED. Primaria ( e cuns xiros moi inesperados!!!) 

Non podíamos deixar pasar este día sen entregar os premios do concurso co gallo desta data:

A calidade das propostas foi excelente, e ao xurado custoulle moito decidirse.

Finalizamos a celebración bailando ...música en galego para todos os gustos!!!

E acó vos quedan unhas poucas fotos do evento ( grazas ao profe Óscar pola reportaxe fotográfica) 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut