Skip to Content

                              

Novas

28 ABRIL: DÍA DA EDUCACIÓN FÍSICA NA CASA

O día 28 de abril celebrarase o DÍA DA EDUCACIÓN FÍSICA NA CASA. O obxectivo é o de visibilizar e reivindicar a importancia da educación física no sistema educativo.

A idea é amosar unha xornada de educación física na casa. Para iso vos pedimos que nos enviedes unha foto ou un vídeo con algunha actividade das que vos colgamos no blog : https://rubendiz2.blogspot.com/

Así que xa sabes!!!,  saca unha foto ou fai un vídeo con algunha das propostas que vos fixemos. Envíaa ao correo: proxectoxuvencos@gmail.com

Podedes participar alumnos/as, familias e mestres.

Con todo o material recibido realizaremos un vídeo de recordo do día e colgarémolo a través da páxina web e do twitter do cole.

NOTA INFORMATIVA PARA AS FAMILIAS

Estimadas familias:

Como xa sabedes e debido a situación tan complexa que vivimos, nos últimos dias enviamos un cuestionario co fin de recoller unha serie de datos que nos axuden a tomar decisións de maneira mais precisa e axeitada, xa que non sabemos canto durará esta situación. Dende o equipo directivo, queriámosvos comentar varios aspectos sobre este cuestionario:

1.  Debido a que dende a Consellería as instrucións que envían están moi pouco definidas, sobre todo polo carácter especial da situación, e porque son decisións que se van tomando a medida que se sucede a crise, criamos necesario ter unha base de datos para poder facer un plan de acción axeitado.

2.   Esto non significa dar materia nova, nin dar clase online, xa que este cuestionario ven a referendar que a fenda dixital existe. Sería inxusto e desigual ampliar contido e dende a escola pública non podemos ser partícipes de agrandar esa desigualdade de oportunidades.

3.  Son datos que unicamente axudarán, a cada titor/a concreto e especialista, a deseñar aquelas actividades que considere importantes co único fin de axudarvos neste confinamento, e, ademais, a poder actuar máis personalizadamente, con aqueles casos onde os recursos tecnolóxicos son máis escasos.

4.   Non é tempo de preocuparse dos contidos, é tempo para os mestres/as  de axudarvos, aconsellarvos, acompañarvos a través de diferentes actividades. As vídeo chamadas non son para clases online, e menos para os máis pequenos, pero a posibilidade de facer un encontro online cos alumnos/as podería ser moi positivo para eles, verse as caras, notar algo de normalidade.

Sen máis, nos despedimos, desexándovos que todas as familias estean ben e ofrecendo a nosa axuda naquilo que precisedes.

 

Un forte abrazo e ánimo

 

Boborás

13 de abril de 2020

 

                                                                     O equipo directivo

ENTREGA DE MATERIAL EDUCATIVO

AXUDA COORDINADA CO CONCELLO PARA A FACILITACIÓN DO MATERIAL EDUCATIVO DO ALUMNADO SITO NAS AULAS:

Dadas as circunstancias de prórroga do estado de alarma polo COVID-19, a partir do vindeiro mércores 15 de abril, o centro educativo, en coordinación co Concello de Boborás, facilitará o material educativo do alumnado que quedou nas clases baixo os principios de obxectividade, igualdade e non discriminación.

Será unha entrega ordenada e baixo solicitude de cada familia, na que Protección Civil poderá acercar este material coas medidas de protección estandarizadas oficialmente para garantir a adecuación da medida e a seguridade de toda a comunidade.

As solicitudes poderán facerse deixando constancia delas a través das seguintes formas:

 

·  A través do correo electrónico do centro: ceip.nosasenhora.xuvencos@edu.xunta.es

· A través do whatsapp do centro : 626 336 107

 

A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos mínimos necesarios (direccións dos domicilios e teléfonos de contacto) para facer a entrega, por parte de Protección Civil. En caso de cambio de domicilio pola situación de confinamento, deberá informarse do cambio na propia solicitude. Non se facilitará o material doutro xeito, por estar prohibido no estado actual de alarma.

Cabe destacar que o material educativo como os libros de texto, non son o currículo educativo oficial do Estado, senón unha ferramenta máis do currículo. Atendendo ás recomendacións actuais da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, recomendamos utilizalos para repaso de contidos dados ata a data do estado de alarma, non para avanzar en contidos novos. O centro educativo non se fai responsable de calquera outro uso que poidan facer as familias, fora do currículo educativo oficial da Xunta de Galicia.

Por último. lembramos, especialmente a aquel alumnado que debe entregar os libros de texto ao finalizar o curso escolar, a importancia do coidado dos mesmos no seu uso cotiá.

 

Boborás, a 7 de abril de 2020

 

O director

 

Javier Álvarez

AXUDAS COMEDOR COVID19

AXUDAS SOLICITADAS NO CENTRO EDUCATIVO PARA AS FAMILIAS DO ALUMNADO BENEFICIARIO DE BOLSAS DE COMEDOR ESCOLAR DURANTE A SITUACIÓN DE SUSPENSIÓN DO SERVIZO DE COMEDOR COMO CONSECUENCIA DO PECHE DO CENTRO EDUCATIVO A RAÍZ DO COVID-19.

Comunicamos ás familias do alumnado que ostenta a condición de gratuíto e do que por renda familiar resulta pagador dun euro no servizo de comedor do colexio que foron tramitadas correctamente todas as solicitudes presentadas no centro educativo.

MÁIS INFORMACiÓN na seguinte ligazón:  ORDE do 27 de marzo 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de carácter directo as familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar nos centros públicos non universitarios xestionados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, durante a situación de suspensión do servizo de comedor como consecuencia do COVID-19 con levantamento dos prazos de suspensión do procedemento (DOG do 30 de marzo de 2020).

O prazo máximo para resolver a concesión de axudas, por parte da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, será de 10 días dende a data de finalización do prazo de solicitudes (6 de abril). Entenderase como medio de notificación da concesión o aboamento da compensación realizada pola administración educativa na conta corrente do beneficiario.

Boborás, a 7 de abril de 2020

 

O director

 

Javier Álvarez

XUNTÉMONOS @S NEN@S DE BOBORÁS

ESTE VÍDEO É UNHA MENSAXE DE ÁNIMO PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA DO COLEXIO NOSA SEÑORA DE XUVENCOS.

A CANCIÓN CORRESPÓNDESE CO NOSO HIMNO CREADO PARA OS XOGOS OLÍMPICOS "O PODER DE CRER EN TI", canción versionada de "DANCE MONKEY" de TONES AND I.

ENTREGA NOTAS 2º TRIMESTRE E VACACIÓNS DE SEMANA SANTA

Infórmase a todas as familias, dada a situación de excepcionalidade na que nos atopamos actualmente, do seguinte:

1.    A xuntas de avaliación do 2º trimestre, tanto de educación infantil como de educación primaria, realizáronse tendo como límite a data de declaración do estado de alarma polo COVID-19, esto é, o 13 de marzo de 2020.

2.    O venres 3 de abril, estarán dispoñibles as notas do alumnado en ABALAR MÓBIL, a partir das 11.00 da mañá. Se algunha familia ten dificultades para acceder a través de Abalar móbil, debe poñerse en contacto co equipo directivo,  a través do teléfono ou do correo electrónico do centro (ambos figuran na páxina web do centro). O horario de atención telefónica continuará sendo de 10.00 a 13.00 horas.

3.    As vacacións de Semana Santa comenzan o 6 de abril e rematan o 13 de abril, ámbolos dous incluídos, segundo a ORDE do 20 de xuño de 2019 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/20 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia. Porén, estamos pendentes de posibles prórrogas do devandito estado de alarma que poderán alargar a volta ao centro educativo, segundo o estimen necesario as autoridades correspondentes. Calquera información nova estará exposta na páxina web do centro educativo.

4.    Dependendo de todo esto, queda pendente a forma a utilizar (presencial ou telemática) para falar cos titores sobre a marcha académica dos vosos fillos e fillas, neste 2º trimestre.

Todo o persoal docente e non docente quere expresar e transmitir un gran sentimento sincero de ánimo, de gratitude ante a comprensión e o esforzo que estades a facer desde os vosos domicilios e de forza ante esta situación tan difícil e angustiosa que nos está a golpear dun xeito tan forte e real nas nosas vidas.

Un saúdo.

Boborás, 1 de abril do 2020

O director

CÓMO SOLICITAR AS AXUDAS DE COMEDOR